Os amores na literatura medieval

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: Os amores na literatura medieval
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 26 de decembro de 2025, 11:40 PM

1. O contexto e as cuestións xerais

 

1. As orixes: a tradición provenzal

Foco: cortes nobiliarias provenzais

Desde o s. XII desenvólvese nas cortes nobiliarias da Provenza unha lírica moi refinada en lingua romance, baseada no "amor cortés". É o foco inicial da cultura trobadoresca.

Cultura trobadoresca: ao servizo da dama

Grazas a unha certa prosperidade desde o s. XI, as clases privilexiadas van poder adicarse ás artes. As composicións poéticas responderán ao amor cortés: a translación da relación de vasalaxe feudal ao código amoroso. Esta moda provenzal estenderase por boa parte dos reinos de Occidente.

Vías de penetración

A difusión dos modelos provenzais foi posíbel grazas á ruta do Camiño de Santiago, aos contactos entre nobres dos distintos reinos e ao maxisterio dos monxes de Cluny.

Desde a cultura propia do Reino de Galiza

A cultura trobadoresca emerxe por influxo provenzal nas terras da 'Galecia antiga' (reinos de Galicia e de Portugal) a finais do s. XII. Integrará e estilizará ao tempo as cancións propias de base popular con protagonismo feminino.

2. O ámbito xeográfico: Reino de Galiza, centro de poder

Unha clase dirixente propia poderosa

Ata o s. XII Galiza tivo reis propios (Afonso VII coroouse en Compostela en 1111), Compostela foi capital e centro eclesiástico (Xelmírez liderou a Era Compostelá) e a nobreza galega mantería no resto da Baixa Idade Media boa parte do seu poder. Portugal erixiuse como reino en 1128.

Unha cultura de prestixio. O esplendor cultural da Era Compostelá

O desenvolvemento económico e o labor do bispo Xelmírez converten Compostela nun centro de poder e en referente cultural europeo (como mostra a arte románica). Nese contexto, tras a Era Compostelá (s. XII), eclosiona o trobadorismo galego.

Unha lingua adscrita á lírica nas cortes de todo o occidente peninsular

A poesía trobadoresca galego-portuguesa atinxirá un alcance hispánico. Cultivarase en cortes señoriais e reais de gran parte da península e farase en galego. Así, temos trobadores casteláns (como García Burgalés), aragoneses (como Martin Moxa), etc.

3. As etapas

Etapa primitiva (pre-trobadorismo e período preafonsino)

Aínda que se constatan contactos con trobadores occitanos e debeu existir un repertorio xograresco desde mediados do s. XII, non se conservan textos do período pre-trobadoresco. A cantiga máis antiga conservada é "Ora faz ost'o senhor de Navarra", de Johán Soares de Paiva, de 1197≈1200.

Desde finais do XII ata 1245 desenvólvese a etapa de difusión inicial. Nesta altura troban Pero da Ponte ou Bernal de Bonaval.

Etapa de esplendor: períodos áureo e arxénteo e de recompilación

De 1245 a 1354. Correspóndese cos reinados de Afonso III en Portugal, de Afonso X en Galiza, León e Castela (subetapa afonsina) e mais co de Don Dinís (subetapa dionisíaca). Ademais dos reis, troban poetas como Johán Airas, Martin Codax, Meendinho, Airas Nunes, Paio Gómez Charinho ou Johán Zorro.

Posteriormente, D. Pedro, o conde de Barcelos, será o mecenas máis destacado e a el débese a recompilación do (non conservado) Livro das cantigas.

Etapa de decadencia

Desde mediados do s. XIV éntrase nunha etapa de decadencia. Os últimos trobadores conforman a Escola galego-castelá, con poetas bilingües como Macías o Namorado.

4. Os códices

Consérvanse algo máis de 1680 textos, compostos por 150 poetas. Chegaron a nós a través de diferentes manuscritos. Tres foron escritos durante o propio ciclo trobadoresco (os manuscritos "contemporáneos") e o resto son copias ("apógrafos") do s. XVI de códices hoxe perdidos.

a) Os manuscritos contemporáneos. Compostos durante o período trobadoresco.

Cancioneiro da Ajuda: un ambicioso proxecto

Consérvase no Palácio da Ajuda, en Lisboa. Procede da corte de Don Dinís e está moi elaborado. Pero é un proxecto sen rematar: contén 310 cantigas, todas de amor, e carece de asignación autorial e de notación musical.

Pergamiño Vindel: unha xoia en folla voandeira

Coñécese desde comezos do s. XX e consérvase en Nova York. Recolle sete cantigas de amigo de Martin Codax, acompañadas seis delas de notación musical.

Pergamiño Sharrer: máis que un resto

Descuberto en 1991, está na Torre do Tombo, en Lisboa. Contén fragmentos de sete cantigas de amor de D. Dinís, acompañadas da música. Suponse que é un resto do Livro das trobas de El-Rei D. Dinis, cancioneiro perdido.

b) Os apógrafos: copias tardías realizadas por eruditos italianos do Renacemento -dirixidos por Angelo Colocci-, que carecen de notación musical e conteñen lagoas.

Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa

É a maior recompilación, con 1647 cantigas de todos os xéneros. Trátase dunha copia indirecta do Livro das cantigas.

Cancioneiro da Vaticana

Contén 1205 cantigas, todas tamén presentes no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa.

5. Os axentes

Trobador: o gran creador

Poeta e compositor nobre. Pertence a unha nobreza refinada que nos seus pazos e castelos se reúne na procura de novas formas de entretemento. Cítanse nos códices polo nome e apelido (como Paio Gómez Charinho).

Xograr: multifacético

É o intérprete das cantigas, mais pode pasar a ser tamén compositor, cando menos como reelaborador das tradicionais de amigo. O "atrevemento" na creación provocou burlas dos trobadores. Meendinho é un exemplo de xograr presente nos Cancioneiros.

Segrel: profesional

Artista profesional membro da baixa nobreza. Interpretaba as súas propias composicións e cobraba por iso. É o caso de Bernal de Bonaval.

Menestreis, soldadeiras...

Forman parte do espectáculo trobadoresco / xograresco. A vida licenciosa das soldadeiras está presente nas cantigas de escarnio, fronte a idealización da dama nobre.

En modo presentación:

Complementos

Literatura Galega na Idade Media: cuestións xerais, do IES Rego de Trabe.

Reino de Galiza

Canle de historiadores/as sobre o Reino de Galiza

Acceso aos manuscritos:

Acceso á música orixinal e outras:

Lista de reprodución Idade Media:

Actividades

1. Realiza un esquema, mapa ou cadro cos elementos e trazos dos Autores e intérpretes (axentes).

2. "A lírica galego-portuguesa desenvolveuse con gran solidez ao longo de máis de 150 anos", di algún manual. Mais os períodos da etapa de esplendor suman 100 (ou en todo caso 110) anos. Explica brevemente a que corresponden os outros 50 anos.

3. Organiza os códices ou manuscritos polos séculos nos que se produciu a recompilación (XIII-XIV e XVI) e asígnalles características xerais a cada grupo.

2. O Cancioneiro profano amoroso

A cantiga de amigo

 

Orixe e trazos definitorios

  • Ten orixe autóctona popular. Adapta as cancións de muller tradicionais.

  • O falante lírico adoita ser unha moza namorada.

  • A palabra amigo está presente en practicamente todas as composicións deste xénero.

Contido

  • Transmite unha diversidade de sentimentos amorosos. Os temas adoitan ser:

      • o desexo de ver o amigo

      • a alegría do reencontro

      • o lamento da rapaza pola ausencia do seu amigo

      • o enfado co namorado

  • Emprega unha rica simboloxía, especialmente de elementos do contorno natural. Pódense apreciar nesta imaxe.

    • Así, a auga representa a fecundidade, o cervo é o namorado viril, o mar revolto transmite a paixón amorosa, etc.

    • Tamén se achan elementos corporais con valor simbólico, como os cabelos da moza asociados á virxinidade.

    • Lavar cabelos (e lavar camisas) interprétase como disposición ao encontro.

Tipoloxía

  • Atopamos catro subxéneros segundo as temáticas e os ambientes.

    • A mariña ou barcarola ten escenario marítimo

    • A bailada é un convite ás amigas a bailar ante a chegada do amigo

    • A alba (excepcional) confórmase como despedida dos amantes ao mencer

    • A cantiga de romaría desenvólvese nun marco relixioso popular, como unha ermida

  • Distinguimos, ademais, tres tipos de cantigas de amigo segundo a enunciación.
    • As narrativas son aquelas nas que a moza é un personaxe, non o falante lírico (“Levous'a louçana...”).

    • As cantigas monologadas son aquelas nas que propiamente se transmite a voz da moza; pode dirixirse a confidentes: amigas, irmás, flores, etc.

    • Algunhas composicións son diálogos, con intervención da rapaza e da nai ou da rapaza e un elemento da natureza.

Recursos formais

  • Contribúen a crear un ritmo marcado tres recursos de repetición: o paralelismo, o leixaprén e o refrán.
    • O paralelismo (perfecto ou literal) consiste na repetición con variantes, en cada par de estrofas, dos versos que ocupan a mesma posición. As variantes sitúanse no final dos versos e derivan sobre todo do uso dun sinónimo (ou expresión equivalente) ou ben do cambio de orde das palabras.

    • O leixaprén (deixa -un- e colle) é a repetición do segundo verso de cada estrofa como primeiro da estrofa posterior á seguinte.

+ Escolma de cantigas de amigo comentadas

 

A cantiga de amor

 

Orixe

  • Ten orixe culta ou cortesá. A súa base é a cançó provenzal.

  • Mais, aínda que nace por influxo da cançó, presenta trazos propios de acordo coa sociedade galego-portuguesa. Os principais son:

    • A dama, casada ou solteira, está idealizada, sublimada.

    • Deste xeito, a descrición da senhor é inconcreta, limítase a certos trazos xerais (agás excepcións como os "olhos verdes" que apunta García de Guilhade).

    • Hai unha ausencia de referencias espazo-temporais, a natureza non está practicamente presente.

    • A dama móstrase indiferente e mesmo irada e vingativa.

    • Transmítese constantemente o tópico da coita e morte por amor, pois este nunca é correspondido. Aínda así, tamén podemos atopar cuestionamento do tópico (por exemplo, Gómez Charinho afirma: "quería-me lh'eu mui gran ben querer, / mais non quería por ela morrer").

Identificación e destinatarios

  • O falante lírico é un poeta namorado dunha dama nobre.

  • É común que estea presente ao inicio da composición a palabra senhor, coa que se denomina a dama.

  • Hai un uso frecuente da apóstrofe (a Deus, á senhor, aos amigos, ao Amor...).

Contido

  • O sentimento amoroso é produto da convención do amor cortés: a relación é de vasalaxe, o trobador é un servo da súa dona e debe amosar discreción, sen identificala. Visualízao aquí.

  • Distínguinse catro grandes temas ou campos temáticos:

    • a gabanza da dama (da perfección da dona nobre inalcanzábel e idealizada)

    • o amor do poeta (nunca correspondido)

    • a reserva da dama (a indiferenza que esta amosa)

    • a coita de amor (o sufrimento ante o rexeitamento, que pode chegar á perda do sono, á loucura ou ao desexo de morrer).

Clasificación

  • Hai dous tipos de cantigas de amor segundo a súa composición: de refrán e de mestría.
    • As de refrán conteñen versos finais como retrouso. Este recurso de base popular vai acompañado ás veces de paralelismo.

    • As de mestría teñen maior variedade ao non incluír refrán. Adoitan ter tres estrofas (cobras) de sete versos.

Recursos formais

  • Os principais recursos de repetición son o dobre e o mordobre e os de ligazón son a finda e a atá-finda.

    • O dobre é a repetición dunha palabra en lugares simétricos da estrofa.

    • O mordobre é a repetición dun lexema en lugares simétricos da estrofa.

    • A finda é unha pequena estrofa final a modo de conclusión.

    • A atá-finda son encabalgamentos de cobra a cobra (o verso final dunha segue na seguinte).

  • Non son estes os únicos procedementos formais frecuentes. Empréganse tamén:

      • hipérboles (máis que todas las do mundo val),
      • paradoxos (cuidand'en vós houv'a morrer assí / e cuidand'en vós, senhor, non morrí),
      • metáforas (a que tenh'eu por lume destes olhos meus),
      • antíteses (pois meu mal é quanto ben vós havedes).

  • Cómpre considerar tamén a clasificación das cobras segundo a rima, que en todo caso segue o mesmo esquema en todas as estrofas:
    • Unisonantes: idéntica rima en todas as cobras.
    • Singulares: con distinta rima en cada cobra.
    • Dobras: mesma rima cada par de cobras.
    • Alternas ou alternadas: unha rima nas cobras pares e outra nas impares.

+ Escolma de cantigas de amor comentadas

+ Versións das cantigas traballadas


En modo presentación:

 

Complementos

As cantigas de amigo, do IES Rego da Trabe.

As cantigas de amor, do IES Rego da Trabe.

Exemplos de versións fieis á música orixinal / Exemplo das adaptacións máis ou menos fieis (O Peque Coro do Xan Viaño descubrindo o pergamiño Vindel). / Exemplo de versión actual (LaMontagne e PicoAmperio).

Lista de reprodución de cantigas versionadas.

Comproba que dominas os contidos básicos completando o esquema das cantigas de amigo e mais o esquema das de amor.

 

Actividades

1. Por escrito en grupo.

2. Oral.

3. Por escrito individual ou en parellas.

4. Oral.

[sol1][sol2]