Os recursos literarios
2. Actividades
1. Converte en metáforas, xogando con distintas formulacións, as seguintes comparacións.
- Tal coma as nubes / que impele o vento, / ... así as ideas loucas / que eu teño (Rosalía de Castro)
- Como bandadas de pombas / voan os meus pensamentos (Ramón Cabanillas)
- Os autobuses son coma elefantes vellos / coma camelos esgotados e vencidos (Fran Alonso)
2. Transforma estas antíteses de versos de Rosalía en oxímoros ou paradoxos.
- Que os amores xa fuxiron, / as soidades viñeron
- Van sans e tornan enfermos
- Cando foi, ía sorrindo; / cando veu, viña morrendo
3. Que recurso se emprega nestes versos de Manuel María? Explícao.
- Logo o verbo torceuse, abarrocouse, / desintegrouse, baleirouse de senso / e de contido. Volveuse falsidade, / vileza, confusión, fume de nada.
4. Indica os recursos presentes nestes versos, os primeiros de Curros Enríquez, os segundos de Uxío Novoneyra.
- Do mar pola orela / mireina pasar, / na frente unha estrela, / no bico un cantar.
- Que non se debe ter por trobador / trobador que troba por trobar
5. Representa visualmente os recursos de repetición incluídos no punto 3 das claves. Para iso podes relacionar as representacións da esquerda cos termos da dereita.

[sol]
6. Comentario de “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” (Curros Enríquez: Aires da miña terra)
a) A primeira parte corresponde ao momento en que se avista a locomotora chegando á estación de Ourense e nela o falante lírico chama a cidadanía a recibila. É por iso que ten un ritmo marcado grazas a varios recursos de repetición (xeminación, enumeración con polisíndeto, paralelismo, similicadencia, anáfora e reduplicación). Localízaos e concreta o seu valor.
b) A segunda parte sitúa a locomotora ao pé da cidade e nela o falante lírico diríxese directamente á catedral e ao río. A primeira simboliza o inmobilismo das forzas sociais e políticas (estamento clerical e conservador) que se opoñen ao progreso que a locomotora trae consigo; o río simboliza a historia e os anceios de unión federal con Portugal -iberismo- para tirar a Galicia do atraso derivado do centralismo, obxectivos que eran máis realizábeis con medios de locomoción e intercambio como o ferrocarril. Advirte aí o uso de apóstrofe, metáforas (identificando a forma), personificación e antítese.
