Os recursos literarios

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: Os recursos literarios
Impreso por: Usuario convidado
Data: sábado, 27 de decembro de 2025, 1:36 AM

Táboa de contidos

1. Exemplos

Bases

1º) Os recursos básicos.

2º) Repaso interactivo das principais figuras (nivel inicial da ESO):

Claves

1. Convén distinguir no plano fónico a aliteración do fonosimbolismo.

  • Aliteración: repetición de sons con fins eufónicos. Lagoas laiando na lama das leiras (Vítor Vaqueiro)
  • Fonosimbolismo: repetición de fonemas co fin de evocar sensacións e suxerir en relación co contido do texto. Que ben, que a bomba vén co seu rebombio! / A bomba, bong!, a bomba, bon amigo. (Celso Emilio Ferreiro; + epínome e onomatopea)

2. Un recurso a medio camiño entre o fónico e o morfosintáctico é a similicadencia, que conecta coa enumeración.

  • Similicadencia: colocación contigua de varias palabras con sons semellantes no mesmo accidente gramatical (especialmente verbos coas mesmas desinencias). Traballou, aforrou, mercou, vendeu, consumiu, informou, cumpriu co perceuto (Celso Emilio Ferreiro)

3. Teñen coñexión, entre outros recursos: a anadiplose ou reduplicación, a concatenación, a epanalepse ou xeminación, a epanadiplose e o quiasmo.

  • Anadiplose ou reduplicación: repetición nun verso da última palabra do verso anterior. E das entrañas me doio / dóiome de dor ferida (Rosalía de Castro)
  • Concatenación: anadiplose continuada. Dos vencidos na guerra dos servos nazan cen herbas longas. / Longas señan as voces de chorar, coma espadas. / Espadas as tronzadas para sempre en Galicia! / En Galicia a palabra de Roi... (Méndez Ferrín)
  • Epanadiplose: Repetición dunha palabra ao principio e ao final dun verso (ou ao principio dun verso e ao final doutro posterior no que remate o enunciado). Amén, miña vella, amén (Rosalía de Castro). Chove, chove na casa do probe / e no meu corazón tamén chove (Celso Emilio Ferreiro)
  • Epanalepse ou xeminación: repetición inmediata dunha ou máis palabras. Calar, calar, calar (Iglesia Alvariño). Chove, chove na casa do probe (Celso Emilio Ferreiro)
  • Quiasmo: disposición cruzada dunha estrutura sintáctica. De afora adentro / de adentro afora. // Corren nubes, nubes corren (Rosalía de Castro)

4. A figura de repetición específica do trobadorismo denominada mordobre está próxima da derivación, figura etimolóxica ou políptoto, emprego de palabras coa mesma raíz (mais sen situación necesariamente á mesma altura do verso). Si cantan, es ti que cantas (Rosalía de Castro). Canta a fontiña / canta a fontela (Uxío Novoneyra).

5. No nivel semántico algúns dos recursos máis frecuentes teñen certa proximidade, como os seguintes.

  • Antítese: oposición de significados entre dous termos ou sintagmas para enfatizar o antagonismo.  Invoca a luz dende esta dura tebra (Celso Emilio Ferreiro)
  • Oxímoro: asociación de dous termos ou ideas de significado oposto que no contexto se mostran compatíbeis. Diferénciase da antítese en que a oposición é contraria á lóxica e serve para tensionar a realidade. Odiado Amado Noia (Méndez Ferrín), andava preso em liberdade (Pessoa)
  • Paradoxo: unión de ideas irreconciliábeis, expresión contraditoria en enunciados oracionais. Ela estaba lonxe de todo. Todo estaba ao seu carón (Cunqueiro). E nais que non teñen fillos / e fillos que non tén pais (Rosalía de Castro)

6. É importante ter presente que a metáfora pode adoptar diferentes formas. Consiste na identificación dun termo real (R ou A) con outro imaxinario (I ou B) produto dunha relación de semellanza.

  • R é I ou I é R. Mais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas (Rosalía de Castro)
  • R de I ou I de R. As mareas do meu corazón (Manuel Antonio)
  • R, I. Meu corazón / branca vela (Manuel Fabeiro)
  • I. Só aparece o elemento imaxinario (metáfora pura). Dime onde vas, miña cerva ferida (Álvaro Cunqueiro)

7. Na poesía satírica son frecuentes o equívoco e a diloxía. Aínda que se identifican ás veces, convén distinguilos.

  • A diloxía, silepse ou dobre sentido é o emprego dun termo en sentido recto e figurado á vez. E, meus amigos, par Santa Maria, / se madeira nova podess'haver, / log'esta casa iria fazer / e cobri-la e descobri-la ia (Lopes de Baião; con connotacións sexuais)
  • O equívoco é a repetición dunha palabra polisémica ou de homónimas con significado distinto en cada uso. A túa cara dos anxos tan cara (Silvestre).

8. Non deben confundirse os anteriores co calembur, xogo coas sílabas dunha ou máis palabras, que ao agrupalas doutro xeito teñen un sentido distinto. Ah gata divinal / ollos de ágata para ollar o Danubio sen retorno (Luz Pozo Garza). Aí van cen tolas con centolas (popular)

 

Complementos

Figuras literarias e tropos

Apéndice literario do manual de Baía

Guía teórica ampla para o comentario (de Miguel Bugallo; norma anterior ao 2003)

2. Actividades

1. Converte en metáforas, xogando con distintas formulacións, as seguintes comparacións.

  • Tal coma as nubes / que impele o vento, / ... así as ideas loucas / que eu teño (Rosalía de Castro)
  • Como bandadas de pombas / voan os meus pensamentos (Ramón Cabanillas)
  • Os autobuses son coma elefantes vellos / coma camelos esgotados e vencidos (Fran Alonso)

2. Transforma estas antíteses de versos de Rosalía en oxímoros ou paradoxos.

  • Que os amores xa fuxiron, / as soidades viñeron
  • Van sans e tornan enfermos
  • Cando foi, ía sorrindo; / cando veu, viña morrendo

3. Que recurso se emprega nestes versos de Manuel María? Explícao.

  • Logo o verbo torceuse, abarrocouse, / desintegrouse, baleirouse de senso / e de contido. Volveuse falsidade, / vileza, confusión, fume de nada.

4. Indica os recursos presentes nestes versos, os primeiros de Curros Enríquez, os segundos de Uxío Novoneyra.

  • Do mar pola orela / mireina pasar, / na frente unha estrela, / no bico un cantar.
  • Que non se debe ter por trobador / trobador que troba por trobar

5. Representa visualmente os recursos de repetición incluídos no punto 3 das claves. Para iso podes relacionar as representacións da esquerda cos termos da dereita.

[sol]

6. Comentario de “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” (Curros Enríquez: Aires da miña terra)

a) A primeira parte corresponde ao momento en que se avista a locomotora chegando á estación de Ourense e nela o falante lírico chama a cidadanía a recibila. É por iso que ten un ritmo marcado grazas a varios recursos de repetición (xeminación, enumeración con polisíndeto, paralelismo, similicadencia, anáfora e reduplicación). Localízaos e concreta o seu valor.

b) A segunda parte sitúa a locomotora ao pé da cidade e nela o falante lírico diríxese directamente á catedral e ao río. A primeira simboliza o inmobilismo das forzas sociais e políticas (estamento clerical e conservador) que se opoñen ao progreso que a locomotora trae consigo; o río simboliza a historia e os anceios de unión federal con Portugal -iberismo- para tirar a Galicia do atraso derivado do centralismo, obxectivos que eran máis realizábeis con medios de locomoción e intercambio como o ferrocarril. Advirte aí o uso de apóstrofe, metáforas (identificando a forma), personificación e antítese.