A literatura satírica e a social
4. Manuel Curros Enríquez
Para o Curros intimista, véxase o apartado correspondente.
1. Un poeta radicalmente comprometido
- Curros é o poeta cívico por excelencia do Rexurdimento. Considera que a poesía debe estar ao servizo da sociedade, comprometida cos máis desfavorecidos.
- A súa escrita amosa os ideais de progreso, democracia, liberdade, república e galeguismo.
- Progresismo: defende as liberdades e os dereitos individuais, confía no progreso científico e industrial e ataca a intolerancia, a censura, o fanatismo relixioso, a tiranía, a pena de morte...
- Compromiso social: ponse eticamente ao lado dos e das que sofren as inxustizas e enfronta o caciquismo, a opresión, a explotación, os privilexios, etc.
- Anticlericalismo: considera que a Igrexa católica representa a intolerancia, a represión da liberdade de pensar ou a hipocrisía.
- Os ataques públicos e o procesamento por mor dos seus poemas anticlericais outorgáronlle moito eco e facilitaron que a súa obra tivese moi boa acollida.
2. Unha obra coherente
Aires da miña terra (1880, reeditado e ampliado en anos sucesivos).
- As 32 composicións da edición definitiva, de 1886, están encadrados entre a "Introdución", texto no que xustifica o emprego do galego, e unha "Encomenda" final que asenta o seu lirismo cívico.
- A maior parte dos seus poemas son sociais, amosan unha preocupación constante por combater as inxustizas que se cometen coas clases populares: control da propiedade da terra, impostos, levas... Os textos costumistas e os intimistas son a excepción.
Diravos, si, que é pouco canto gana
Pr’as arcas do señor e pr’as do Rei,
Fai un mes que non comen cousa quente
Os fillos y-a muller!
- Teñen especial valor os incisivos retratos da xerarquía da Igrexa católica, como en "Mirando ó chau"; nese poema fai exclamar a Deus, logo de ver como se comportan na terra os seus ministros: "S’ eu fixen tal mundo / Qu’ o demo me leve".
Quedou com’ a neve,
Cos ollos cravados
Que espantan e feren,
Nun vulto qu’ iñoro
S’ é de home ou de verme.
Mirouno dispacio
E viu qu’ era un ventre
Coas sedas vestido
Máis ricas d’ Oriente.
Nun sólio sentado
Qu’ envidian os reises
Y-en capa revolto.
- Ademais de criticar as riquezas, os intereses e os abusos da Igrexa, tamén se consideran negativos para o pobo outros poderes como a monarquía, a Xustiza ou a burocracia administrativa.
O Divino Sainete (1888).
- É unha obra de carácter satírico-burlesco composta por oito cantos de versos octosílabos, ademais dunha introdución que incide na concepción cívica da poesía.
Tríadas, miñas tríadas
Que levades os tres fíos
Das frechas envenenadas:
Miñas tríadas valentes,
¡Rachade os aires fungando
Como fungan as serpentes!
Ladrade, mordede, ride:
Onde haxa virtú, bicade,
Onde haxa vicio, feride.
- Nela critica os sectores reaccionarios, en particular o papel da Igrexa católica.
- Ao tempo, satiriza diversas personalidades e institucións da vida galega, como a "antigaleguista" Emilia Pardo Bazán, carlistas sanguinarios ou o propio xuíz que condenou a Curros.
- Asemade, defende o Rexurdimento e as súas principais figuras e reivindica a existencia da literatura galega.
- Composta ao estilo d'A divina comedia, de Dante, o propio autor -acompañado por Francisco Añón- fai unha viaxe en tren a Roma que devén un percorrido crítico por sete vagóns que conteñen cadanseu pecado capital.
3. No vieiro de Curros
Alén da tríada rexurdimentista, outros escritores de fins do XIX e comezos do XX amosan o seu compromiso social desde a escrita.
Cómpre destacar a Valentín Lamas Carvajal, fundador e director do primeiro semanario escrito integramente en galego, O Tío Marcos da Portela, que obtivo unha óptima recepción e saíu durante 14 anos (de 1876 ata 1890). Neste medio publicou inicialmente en entregas, no 1888, o Catecismo do labrego (Catecismo da doutrina labrega composto por R. P. M. Fr. Marcos da Portela, Doutor en Teoloxía Campestre), obra en prosa que parodia o catecismo do Padre Astete para denunciar as míseras condicións de vida dos labregos. Acadou un enorme éxito popular; de feito, unha vez que saíu en libro, en 1889, xa se tiraron seis edicións nun só ano. Lamas publicou tamén varias obras poéticas, entre elas Saudades gallegas no 1880.

Na liña republicana e anticlerical de Curros sitúanse autores como Manuel Leiras Pulpeiro, que publica en 1911 Cantares gallegos.

Lembremos, ademais, que a comezos do XX Ramón Cabanillas poetizará o ideario agrarista, primeiro, e o das Irmandades despois en obras como No desterro (1913), Vento mareiro (1915) ou Da terra asoballada (1917), que integran a conciencia cívica.
O agrarismo supón a autoorganización dos labregos para defenderen os seus dereitos. Os obxectivos básicos foron a abolición dos foros (efectiva en 1926) e o remate do caciquismo. A entidade principal foi Acción Gallega (1910), liderada por Basilio Álvarez.
As Irmandades da Fala desenvolven a ideoloxía nacionalista -baseada na lingua e na cultura propias e defendida de xeito coherente- desde a súa constitución na Asemblea de Lugo de 1918. Conviven nelas dúas vertentes, a do activismo político e a defensora da acción cultural. O seu órgano de expresión foi A Nosa Terra. Potenciaron o teatro como medio de concienciación das clases humildes (Conservatorio Nazonal de Arte Galega, 1919).

Aires da miña terra, lectura na rede.
O divino sainete na edición orixinal.
Actividades
1. “O maio” (Aires da miña terra)
[Batallán e Pablo Milanés] [Aid]
a) O maio que gustaría de celebrar o falante lírico, de que elementos estaría libre?
b) Este poema é costumista ou social? Razoa a túa resposta de acordo coa tipoloxía temática da obra (Aires da miña terra) e coa función que lle outorga o autor á poesía.
2. “Aos mozos” (Aires da miña terra)
[*sembra: sementeira; chouzas: chousas, montes cercados; petrucios: os máis vellos; facei: facede][sol]
a) O poema fai un retrato da situación do rural galego no XIX. Que trazos a caracterizan?
b) A quen cres que denomina Curros “lobos da terra” e “lobos dos ceos”? Que recurso será ese?
c) Sobre quen fai descansar Curros a posibilidade dun cambio na situación? Por que?