A literatura satírica e a social
| Sitio: | Aula Virtual do IES do Milladoiro |
| Curso: | Lingua Galega 1º BAC 23/24 |
| Libro: | A literatura satírica e a social |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | sábado, 27 de decembro de 2025, 6:42 AM |
1. A cantiga de escarnio e maldicir
1. As cantigas de escarnio e maldicir procuran provocar o riso mediante a burla. Todas as clases sociais, sen excepción, foron obxecto da sátira.
Amosan a perspectiva do home -maiormente nobre- que compón: clasista, misóxino, homófobo... Mais, en todo caso, ninguén se salva do escarnio, tampouco o rei.
Son mostra, logo, dunha sociedade laica e crítica, aínda que profundamente prexuizosa. Constitúen, así, textos literarios de gran riqueza expresiva e, asemade, documentos valiosos para coñecer a sociedade medieval.
2. A cantiga de escarnio e maldicir nace da confluencia do sirventés provenzal e unha tradición satírica autóctona oral relacionada co entroido.
Tende, así, á subversión dos valores sociais e á procura da diversión a través da burla.
Fronte o sirventés provenzal, a composición de tipo moral é escasa. Búscase sobre todo o ataque burlesco sen intención moralizante.
Agora ben, malia a orixe carnavalesca, é tamén un xénero cortesán e as chanzas obedecen a un código previamente aceptado.
En calquera caso, reláxanse os convencionalismos poéticos e domina o realismo (no retrato da sociedade e na expresión lingüística).
3. Tematicamente, distínguense varios tipos de sátiras, especialmente a política, a literaria, a social e a obscena.
A sátira política critica certas accións dos nobres en feitos bélicos do s. XIII.
Sátira contra a igrexa (incluído o Papa) e os nobres que apoiaron a Afonso III (o Boloñés) fronte a Sancho II, crítica aos cabaleiros que abandonaron a Afonso X na guerra de Granada, etc.
A sátira literaria transmite rivalidades entre creadores e parodias do amor cortés.
Ridiculización da arte dos xograres, parodia dos trobadores que non seguen as normas do amor cortés (por exemplo de Soares Coelho, que cantou a unha ama de cría), etc. Vehicúlase por veces mediante tenzóns.
A sátira social éo de tipos e costumes que se censuran.
Burla da decadencia e pobreza dos infanzóns, censura da vida licenciosa das soldadeiras, crítica de avogados, astrólogos...
A sátira obscena baséase nas prácticas sexuais e no escatolóxico.
Escarnio obsceno da luxuria de cregos ou abadesas, das prácticas das persoas homosexuais, dos "cornudos", etc.
A sátira moral (sobre as virtudes, o triunfo da mentira, etc.) é escasa. Pode considerarse un xénero menor: sirventés moral.

4. Teoricamente e de acordo coa Arte de Trovar, podemos distinguir as cantigas de escarnio e as de maldicir segundo a actitude do falante lírico.
As de escarnio empregan expresións "encubertas", indirectas, ao conter recursos como o equívoco, a diloxía, a ironía ou o xogo de palabras. Exemplo.
As de maldicir danlle forma á burla mediante palabras directas e o uso de disfemismos (designacións pexorativas). Exemplo.
A Arte de Trobar é un tratado que precede a recompilación do Cancioneiro da Biblioteca Nacional.
O equívoco é a repetición dunha palabra polisémica con significado distinto en cada uso; tamén se realiza con palabras homónimas.
A diloxía, silepse ou dobre sentido é o emprego dun termo en sentido recto e figurado á vez.

5. Formalmente, ademais dos recursos satíricos, este xénero acolle trazos da cantiga de amor, como o dobre, o mordobre, a finda, etc.
Tamén incorpora con frecuencia formas narrativas, antíteses...
Contén, así mesmo, unha lingua máis popular e variada que os outros xéneros.
6. A difusión deste tipo de cantigas é bastante recente, pois durante tempo este xénero foi relegado no ámbito académico debido a prexuízos ante o escabroso e obsceno.
Nas últimas décadas reivindícase o valor deste corpus, unhas 430 cantigas, e están a saír novos estudos e ensaios.
A súa pegada percíbese desde o poemario Cantigas de Escarño e Maldecir, de Celso Emilio Ferreiro, ata as letras de rapeiros e rapeiras actuais, pasando pola regueifa e o escarnio punk.
Actividades orais
1. En que tipo de sátira se pode clasificar esta cantiga de Afonso Eanes do Cotom? Por que razóns? (Interpretada por Liviao do Marrao).
Bem me cuidei eu, Maria Garcia,
em outro dia, quando vos fodi,
que me nom partiss'en de vós assi
como me parti já, mão vazia,
vel por serviço muito que vos fiz, vel: polo menos
que me nom destes, como x'homem diz,
sequer um soldo que ceass'um dia.
Mais desta seerei eu escarmentado: serei eu escarmentado: quedarei escarmentado
de nunca foder já outra tal molher
se m'ant'algo na mão nom poser, se antes non me pon algo na man,
ca nom hei porque foda endoado; pois non teño por que foder de balde;
e vós, se assi queredes foder,
sabedes como: ide-o fazer
com quem teverdes vistid'e calçado.
Ca me nom vistides nem me calçades,
nem ar sej'eu eno vosso casal; nin tampouco vivo eu na vosa casa;
nem havedes sobre mim poder tal
por que vos foda, se me nom pagades
ante mui bem; e mais vos en direi:
nulho medo, grado a Deus e a el-rei, grazas a Deus e El-Rei, non teño medo ningún
nom hei de força que me vós façades. da forza (abuso sexual) que me poidades facer.
E, mia dona, quem pregunta nom erra
- e vós, por Deus, mandade preguntar
polos naturaes deste lugar
se foderam nunca, em paz nem em guerra,
ergo se foi por alg'ou por amor. ergo: agás, a non ser
Id'adubar vossa prol, ai senhor, (fraseol.) Ocupádevos do voso
ca vedes: grad'a Deus, rei há na terra. pois vede: grazas a Deus, o rei está na terra.
2. Cal é o obxecto da burla na cantiga "Ai, dona fea", de Garcia de Guilhade? A partir de aí xustifica a súa clasificación.
3. Que feitos se nos transmiten en "O que foi passar a serra", de Afonso X? Realiza unha paráfrase do texto e clasifícao.
4. Localiza a sátira de tipo moral nos seguintes inicios de cantigas de escarnio e maldicir.

5. Atopas escarnio ou maldicir nos seguintes fragmentos de cantigas de burlas? Xustifica a resposta en cada caso e indica con claridade que se critica.

Actividade escrita
1. Realiza unha análise formal dos seguintes aspectos da composición "Roi Queimado morreu con amor", de Garcia Burgalés. Na cantiga ridiculízase o excesivo artificio do amor cortés na escrita dun trobador con poucos dotes, en concreto o finximento e abuso do tópico da morte por amor.
- Tipo de cobra (estrofa)
- Cantiga de mestría / refrán
- Presenza de finda e de atá-finda
- Presenza de dobre e mordobre
- Elementos paralelísticos
- Recursos satíricos (ironía, hipérbole...)
|
Paráfrase: Roi Queimado morreu de amor nas súas cantigas por unha dama que amaba pero que non lle facía caso; e para ir de bo trobador fíxose o morto nas cantigas, para logo resucitar no terceiro día. Isto fíxoo pola dona que amaba, e aínda vos diría máis: porque cre que así o borda, gústalle morrer nas súas cantigas, aínda que despois reviva. E faino porque el pode, que outro calquera non o faría. El non lle ten medo á súa morte, mais sabe ben que vivirá mellor tras morrer. E así morre nas súas cantigas, aínda que logo estea vivo. Vede o poder que Deus lle concedeu, quen o diría! Se Deus me concedese a min o poder de vivir despois de morto, nunca máis temería a morte. |
2. Os Séculos Escuros, a Ilustración e o Prerrexurdimento
Nesta dobre liña que implica a crítica, podemos destacar as seguintes producións.
1. Entre os restos literarios dos séculos XVI e XVII atópanse o "Cantar do Mariscal" e o "Romance do Mariscal", coñecidos ambos como Pranto da Frouseira. Son dous textos anónimos que abordan a traizón a Pardo de Cela e a súa execución a finais do s. XV.
Esa mesma temática está presente na única obra en prosa literaria destes séculos: a Relazón da carta xecutoria. Foi editada en 1674 e posibelmente se basee nun texto do XVI.
Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte recuperarán no século XX, desde o mito popular, a historia deste nobre na obra de teatro O Mariscal. Traxedia histórica en verso (1926). Esta peza contribuíu a espallar a figura deste mariscal como símbolo da resistencia galega ante o centralismo.
2. No s. XVIII, a composición anónima Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas constitúe unha extensa sátira (502 versos) de relevante valor literario; é debedora do conceptismo barroco.
Esta composición dialoga coa obra de Diego Antonio Cernadas e Castro (o cura de Fruíme), de quen nos chegou máis dunha vintena de poemas en galego, parte deles tamén satíricos. Isto demostra que existía unha tradición culta -en medios eclesiáticos e académicos- de literatura festiva en galego no s. XVIII.
3. Na primeira fase do Prerrexurdimento (ata 1836) publícanse escritos en galego de carácter ideolóxico e propagandístico en relación con dous feitos históricos: a invasión francesa e a pugna entre liberais e absolutistas.
A guerra contra os franceses motivou Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento (1808) -texto anónimo posto en boca dun labrego que fai un chamamento para combater as tropas napoleónicas- e mais o diálogo Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira.
A pugna ideolóxica está presente en Os rogos de un gallego (1813) -un poema longo do crego Manuel Pardo de Andrade no que se denuncia a Inquisición- e en varios diálogos e faladoiros, en xeral anónimos, entre os que destaca a ”Tertulia de Picaños”, de 1836.
4. Na segunda fase do Prerrexurdimento (1836-1862), a dos precursores vencellados co provincialismo, destacan na liña crítica dous autores, Francisco Añón e Xoán Manuel Pintos, que contribúen á recuperación da dignidade como pobo.
Francisco Añón, autor comprometido que pasará parte da súa vida exiliado, compuxo poemas satíricos como “A pantasma” -unha denuncia das supersticións- e patrióticos como “A Galicia” -unha exhortación dun eu poético fóra da terra para sermos donos do futuro.
"A Galicia", composta en oitavas italianas, foi premiada nos Xogos Florais da Coruña de 1861 e anuncia as estéticas rexurdimentistas.
Xoán Manuel Pintos publicou A Gaita Gallega (1853), volume trilingüe (en galego, castelán e latín) con sete "foliadas" en prosa e en verso nas que un gaiteiro e un tamborileiro discuten sobre os costumes e a lingua de Galiza. Nesta obra Pintos pretende defender o galego e encamiñar a súa aprendizaxe.
Actividades
1. Identifica e comenta os recursos satíricos (xogos de palabras, diloxía, equívoco, ironía, paronomasia...) destes exemplos de 50 décimas...

moca: 1. Burla. 2. Pau con extremo avultado.
foca: 1. Cavidade arredondada; oco (especialmente no corpo). 2. Animal...; persoa gorda.
agulla de marear: Compás náutico. > Coller ou saber a agulla de marear: tomar a medida, saber o punto débil de alguén.
maraña: Fíos enleados, mestura de cousas, complicacións.
mosca: Insecto; persoa molesta. > Pillar ou apañar moscas: ocuparse con cousas inútiles.
2. Comenta estes fragmentos de textos de comezos do s. XIX.

3. Realiza o comentario de "A Galicia", de Añón, atendendo:
a) a estrutura (partes e posíbel circularidade), a métrica e a rima;
b) os diversos temas ben diferenciados; a imaxe que se transmite de Galiza;
c) o valor das personificacións e das enumeracións.
[sol]
3. Rosalía de Castro
Unha obra socialmente comprometida
1. Aspectos do compromiso social rosaliano
- Sensibilidade ante as penurias do pobo (especialmente das campesiñas).
- Denuncia do dominio e abuso dos poderosos, da marxinación, da opresión.
- Defensa de Galicia e da cultura galega ante os estereotipos e desprezos.
- Defensa dos valores populares ante o individualismo, o poder do diñeiro e todos os valores burgueses emerxentes.
- Reivindicación dos dereitos da muller.
2. Cantares gallegos (1863)
- O primeiro compromiso, insólito, é coa lingua galega: trátase do 1º libro do Rexurdimento integramente en galego.
- Parte da creación popular, que pon así en valor: os poemas son glosas de cantigas populares.
- Cédeselle a voz a falantes líricos populares, de xeito que o pobo acada verdadeiro protagonismo; dignifícase Galicia e a sociedade precapitalista maltratada.
- Inclúense poemas costumistas co fin de amosar a idiosincrasia galega sen complexos.
- Hai unha presenza ampla da temática social, como a denuncia da emigración en "Adiós ríos, adiós fontes" ou a situación de pobreza do campesiñado.
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.
- Nalgúns textos ("Castellanos de Castilla", "A gaita gallega") defende Galicia ante o centralismo.
Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ¡ai! tan hermosa.
3. Follas novas (1880)
- Dous dos "libros" (con títulos ben explícitos: Da terra e mais As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos) están enteiramente dedicados á denominada lírica solidaria.
- O primeiro deles, Da terra, amplía a vontade de identificación co pobo propia de Cantares gallegos e non falta nel a posta en evidencia da discriminación e explotación da muller.
- En As viúdas dos vivos... enfócanse as causas e as consecuencias da emigración, con destacada presenza de protagonistas femininas.
Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno deles,
¡ai!, ¡diante está o abismo!
- No libro Varia transítase do "eu" ao "nós" e enfócanse en boa medida os múltiples problemas sociais da época.
- Nas partes da lírica solitaria (Vaguedás, Do íntimo) tamén se achan críticas ao machismo, ao clasismo ou á intransixencia da Igrexa, así como a mostra das consecuencias da violencia institucionalizada (en "A xusticia pola man").
Complementos
1. É probábel que Rosalía, con 19 anos, participase no Banquete de Conxo (1856):
2. Rosalía publica verdadeiros manifestos feministas: (“Lieders” e “Las literatas”).
3. Ademais de nos propios textos poéticos, Rosalía mostra nos prólogos ser plenamente consciente dos problemas sociais e da galegofobia que sofre o país.
Actividades
1. Comentario de “A xusticia pola man” (Follas Novas).
a) A quen corresponde a enunciación neste poema?
b) Que institucións sociais son criticadas por Rosalía mediante este texto?
c) De que xeito encaixa ou non este texto no apartado temático no que se inscribe Do íntimo?
2. Comentario de “Tecín soia a miña tea” (Follas Novas).
a) A quen corresponde a voz que escoitamos no poema? A quen se dirixe?
b) Con que recursos remarca Rosalía a sensación de soidade que embarga a protagonista?
c) Que cres que simbolizan os cantos da rula e do grilo nese contexto?
[sol]
4. Manuel Curros Enríquez
Para o Curros intimista, véxase o apartado correspondente.
1. Un poeta radicalmente comprometido
- Curros é o poeta cívico por excelencia do Rexurdimento. Considera que a poesía debe estar ao servizo da sociedade, comprometida cos máis desfavorecidos.
- A súa escrita amosa os ideais de progreso, democracia, liberdade, república e galeguismo.
- Progresismo: defende as liberdades e os dereitos individuais, confía no progreso científico e industrial e ataca a intolerancia, a censura, o fanatismo relixioso, a tiranía, a pena de morte...
- Compromiso social: ponse eticamente ao lado dos e das que sofren as inxustizas e enfronta o caciquismo, a opresión, a explotación, os privilexios, etc.
- Anticlericalismo: considera que a Igrexa católica representa a intolerancia, a represión da liberdade de pensar ou a hipocrisía.
- Os ataques públicos e o procesamento por mor dos seus poemas anticlericais outorgáronlle moito eco e facilitaron que a súa obra tivese moi boa acollida.
2. Unha obra coherente
Aires da miña terra (1880, reeditado e ampliado en anos sucesivos).
- As 32 composicións da edición definitiva, de 1886, están encadrados entre a "Introdución", texto no que xustifica o emprego do galego, e unha "Encomenda" final que asenta o seu lirismo cívico.
- A maior parte dos seus poemas son sociais, amosan unha preocupación constante por combater as inxustizas que se cometen coas clases populares: control da propiedade da terra, impostos, levas... Os textos costumistas e os intimistas son a excepción.
Diravos, si, que é pouco canto gana
Pr’as arcas do señor e pr’as do Rei,
Fai un mes que non comen cousa quente
Os fillos y-a muller!
- Teñen especial valor os incisivos retratos da xerarquía da Igrexa católica, como en "Mirando ó chau"; nese poema fai exclamar a Deus, logo de ver como se comportan na terra os seus ministros: "S’ eu fixen tal mundo / Qu’ o demo me leve".
Quedou com’ a neve,
Cos ollos cravados
Que espantan e feren,
Nun vulto qu’ iñoro
S’ é de home ou de verme.
Mirouno dispacio
E viu qu’ era un ventre
Coas sedas vestido
Máis ricas d’ Oriente.
Nun sólio sentado
Qu’ envidian os reises
Y-en capa revolto.
- Ademais de criticar as riquezas, os intereses e os abusos da Igrexa, tamén se consideran negativos para o pobo outros poderes como a monarquía, a Xustiza ou a burocracia administrativa.
O Divino Sainete (1888).
- É unha obra de carácter satírico-burlesco composta por oito cantos de versos octosílabos, ademais dunha introdución que incide na concepción cívica da poesía.
Tríadas, miñas tríadas
Que levades os tres fíos
Das frechas envenenadas:
Miñas tríadas valentes,
¡Rachade os aires fungando
Como fungan as serpentes!
Ladrade, mordede, ride:
Onde haxa virtú, bicade,
Onde haxa vicio, feride.
- Nela critica os sectores reaccionarios, en particular o papel da Igrexa católica.
- Ao tempo, satiriza diversas personalidades e institucións da vida galega, como a "antigaleguista" Emilia Pardo Bazán, carlistas sanguinarios ou o propio xuíz que condenou a Curros.
- Asemade, defende o Rexurdimento e as súas principais figuras e reivindica a existencia da literatura galega.
- Composta ao estilo d'A divina comedia, de Dante, o propio autor -acompañado por Francisco Añón- fai unha viaxe en tren a Roma que devén un percorrido crítico por sete vagóns que conteñen cadanseu pecado capital.
3. No vieiro de Curros
Alén da tríada rexurdimentista, outros escritores de fins do XIX e comezos do XX amosan o seu compromiso social desde a escrita.
Cómpre destacar a Valentín Lamas Carvajal, fundador e director do primeiro semanario escrito integramente en galego, O Tío Marcos da Portela, que obtivo unha óptima recepción e saíu durante 14 anos (de 1876 ata 1890). Neste medio publicou inicialmente en entregas, no 1888, o Catecismo do labrego (Catecismo da doutrina labrega composto por R. P. M. Fr. Marcos da Portela, Doutor en Teoloxía Campestre), obra en prosa que parodia o catecismo do Padre Astete para denunciar as míseras condicións de vida dos labregos. Acadou un enorme éxito popular; de feito, unha vez que saíu en libro, en 1889, xa se tiraron seis edicións nun só ano. Lamas publicou tamén varias obras poéticas, entre elas Saudades gallegas no 1880.

Na liña republicana e anticlerical de Curros sitúanse autores como Manuel Leiras Pulpeiro, que publica en 1911 Cantares gallegos.

Lembremos, ademais, que a comezos do XX Ramón Cabanillas poetizará o ideario agrarista, primeiro, e o das Irmandades despois en obras como No desterro (1913), Vento mareiro (1915) ou Da terra asoballada (1917), que integran a conciencia cívica.
O agrarismo supón a autoorganización dos labregos para defenderen os seus dereitos. Os obxectivos básicos foron a abolición dos foros (efectiva en 1926) e o remate do caciquismo. A entidade principal foi Acción Gallega (1910), liderada por Basilio Álvarez.
As Irmandades da Fala desenvolven a ideoloxía nacionalista -baseada na lingua e na cultura propias e defendida de xeito coherente- desde a súa constitución na Asemblea de Lugo de 1918. Conviven nelas dúas vertentes, a do activismo político e a defensora da acción cultural. O seu órgano de expresión foi A Nosa Terra. Potenciaron o teatro como medio de concienciación das clases humildes (Conservatorio Nazonal de Arte Galega, 1919).

Aires da miña terra, lectura na rede.
O divino sainete na edición orixinal.
Actividades
1. “O maio” (Aires da miña terra)
[Batallán e Pablo Milanés] [Aid]
a) O maio que gustaría de celebrar o falante lírico, de que elementos estaría libre?
b) Este poema é costumista ou social? Razoa a túa resposta de acordo coa tipoloxía temática da obra (Aires da miña terra) e coa función que lle outorga o autor á poesía.
2. “Aos mozos” (Aires da miña terra)
[*sembra: sementeira; chouzas: chousas, montes cercados; petrucios: os máis vellos; facei: facede][sol]
a) O poema fai un retrato da situación do rural galego no XIX. Que trazos a caracterizan?
b) A quen cres que denomina Curros “lobos da terra” e “lobos dos ceos”? Que recurso será ese?
c) Sobre quen fai descansar Curros a posibilidade dun cambio na situación? Por que?