Oculus!



1. O concepto fundamental que debemos manexar á hora de traducir cláusulas con máis dun verbo (cláusulas complexas) é o da división: onde teñamos máis dun verbo, en realidade hai máis dunha cláusula. Se o que fixemos ata agora foi traducir cláusulas simples, sigamos con iso: de aí a necesidade de delimitar cada unha delas. E farémolo tendo en conta que unha cláusula latina remata, na gran maioría dos casos:

- onde vexamos un verbo seguido dunha coma.

- onde vexamos un verbo seguido dunha conxunción ou elemento coordinante ou subordinante.

- onde vexamos un verbo seguido dunha coma e unha conxunción ou elemento coordinante ou subordinante.

2. As cláusulas coordinadas son as que menos problemas presentan: son só unha sucesión de cláusulas simples, con existencia independente. Poden estar unidas por comas (xuxtaposición) ou por conxuncións copulativas ou disxuntivas. A gramática tradicional inclúe nesta categoría as adversativas, pero na LECTIO seguinte veremos que iso é máis que discutible.

3. Tradicionalmente cítanse varios tipos de cláusulas subordinadas, aínda que esta descrición non funciona igual de ben para todos eles. De momento, nesta LECTIO fixarémonos nas relativas, as sustantivas e as temporais. Os conceptos básicos para cada unha delas son os seguintes:

a) relativas:

- funcionan como modificador (MOD) dun constituínte doutra cláusula ou, con menos frecuencia, como constituínte propio (SUX ou OD).

- van introducidas por un pronome, dos cales o máis frecuente é qui, quae, quod. A súa traducción pode ser "que" ou ben "o/a/o cal".

- cando funcionan como MOD de constituínte de cláusula, manteñen unha relación directa cunha palabra ou grupo de palabras da mesma (á que chamamos "antecedente"), presentando concordancia de xénero e número, pero non de caso.

b) sustantivas:

-funcionan como constituínte dunha cláusula, nas funcións de SUX ou OD.

- van introducidas por varias conxuncións, das cales a máis frecuente é ut. A súa traducción é "que".

- o seu verbo leva sempre o modo Subxuntivo.

- a versión negativa da conxunción ut é ne, que se traduce "que non". Non debe confundirse coa partícula que introduce as interrogativas, que é enclítica (-ne; vid. LECTIO OCTAVA).

- se o verbo da cláusula principal pertence ó campo semántico de "temor", os valores de ut e ne intercámbianse: ut tradúcese "que non" e ne tradúcese "que".

c) temporais:

- van introducidas por diversas conxuncións, das cales as máis problemáticas son ut e cum, porque presentan varios valores.

* ut é temporal (tradúcese "cando") se o seu verbo está en modo Indicativo (se é Subxuntivo, o seu valor é, entre outros, sustantivo, como acabamos de ver).

* cum é temporal, en primeiro lugar, cando non vai seguida dunha palabra en caso ablativo, pois en tal circunstancia sería a preposición que xa coñecemos, e que se traduce "con". Despois de comprobar que non é esa a situación, hai que fixarse no seu verbo: se está en modo Indicativo, tradúcese "cando"; se está en Subxuntivo, preferentemente en Pretérito Imperfecto ou Pluscuamperfecto, tradúcese co xiro "ó + infinitivo" (é o chamado "cum histórico", por ser unha expresión típica dos historiadores romanos).

4. Segundo o visto sobre o nacemento, a educación e o matrimonio dos romanos libres, a posición do home é sempre superior social e legalmente á da muller. Nótase en todo, desde a imposición do nome, pasando polo tipo de formación que reciben, ata o matrimonio, que nos seus dous tipos (cum manu e sine manu) sitúan á muller sempre en situación de dependencia dun varón.

5. A morte era para os romanos libres, e sobre todo os de clase alta, unha ocasión para amosar a toda a sociedade os logros e a posición que o membro dunha familia alcanzara en vida. De aí a importancia dos rituais funerarios como manifestación da gloria dunha familia, tanto desde o punto de vista individual como desde o da súa contribución á grandeza de Roma.

6. Se os romanos foron, en cuestións artísticas e culturais en xeral, dependentes dos gregos, respecto ós que innovaron moi pouco, outra cousa debe dicirse do aspecto tecnolóxico. Calzadas, acueductos, pontes e cloacas demostran un grao de progreso técnico moi avanzado, do que a Europa posterior se aproveitou practicamente ata o s. XIX: as vías de comunicación terrestres, o sistema de suministro de auga ás poboacións e o de evacuación de augas residuais cambiaron moi pouco nos 1.400 años posteriores á desaparición do Imperio Romano.

6. Na Antiga Roma existían un gran número de festividades relixiosas e, polo tanto, días non laborables. Por outro lado, o número de persoas desocupadas na capital era moi grande, e por iso os gobernantes foron progresivamente ofrecendo multitude de pasatempos (aparte de estar pendentes de que o suministro de comida, ás veces gratuíto, estivese asegurado).

Os principais espazos públicos dedicados ó ocio eran os anfiteatros (destinados a loitas de animais e persoas), os circos (dedicados a carreiras de carros tirados por cabalos) e, en menor medida, os teatros. Ademais, a partir do s. I d.C. tiveron gran éxito os enormes complexos termais, nos que o exercicio físico e a relaxación a través da auga a diferentes temperaturas (aparte doutros servizos) se ofrecían a prezos moi asequibles para todos os petos: o sistema que empregaban para quentar a auga, a base dunha caldeira subterránea e paredes con cámaras de aire, segue a ser admirado (e imitado, en certa medida) hoxe en día.

Modifié le: mardi 19 juillet 2016, 15:17