Oculus!



1. A voz pasiva é unha característica do verbo latino que o galego e o castelán herdaron. Por tanto, non é algo totalmente novo para o que se achega ó latín, aínda que hai que prestar atención ós seus rasgos, sobre todo ós que son diferentes nas nosas linguas:

- a forma verbal é diferente para os tempos do Infectum ou Tema de Presente (Presente de Indicativo e Subxuntivo, Pretérito Imperfecto de Indicativo e Subxuntivo, e Futuro Imperfecto de Indicativo): o latín non usa o verbo "ser" máis un participio (tipo "A flor é recollida"), senón que emprega unhas desinencias persoais propias da pasiva, que sustitúen ás activas. Son estas, e hay que coñecelas: -r, -ris (ás veces, -re), -tur, -mur, -mini, -ntur.

- nos tempos do Perfectum ou Tema de Perfecto (os máis frecuentes son, como sabemos, o Pretérito Perfecto de Indicativo e os Pretéritos Pluscuamperfectos de Indicativo e Subxuntivo) o latín si que utiliza o verbo SVM máis o participio de pasado, pero dun modo que pode confundirnos: amatus est tradúcese "foi amado" (e non "é amado"), mentres que amatus erat significa "fora amado" (e non "era amado").

- a función Complemento Axente (CompAx) exprésase en latín en Ablativo con ou sen preposición. Se esta aparece, debe ser a/ab, que, nese caso, se traduce "por" (e non "de"/"desde", como é norma nas cláusulas activas).

2. Os tipos de vivenda que existían na Antiga Roma non se diferencian tanto, no básico, dos de hoxe en día. Existían vivendas unifamiliares e edificios de pisos con diferentes departamentos (insulae). Quizais a maior diferencia coa nosa sociedade actual estea na clase social dos ocupantes: as domus ou villae (unifamiliares) estaban só ó alcance dos niveis máis altos, mentres a inmensa maioría de romanos, que levaban unha vida máis difícil, tiñan que vivir no piso dun edificio de catro ou cinco plantas. Neste último caso, cada familia case sempre ocupaba unha única habitación; por iso a cidade de Roma estaba tan poboada (e por iso se producían moitos accidentes nese tipo de vivendas). E, volvendo á actualidade, moitas grandes cidades do mundo sofren exactamente o mesmo fenómeno de superpoboación.

3. Os romanos comían a unhas horas diferentes das nosas. Hai que pensar que eles organizaban a súa vida tendo moi presentes as horas de luz natural, xa que os medios artificiais non eran, nin moito menos, tan avanzados como hoxe. Por outro lado, o feito de que o almorzo fose máis enerxético que a comida do mediodía non debe extrañarnos: as horas de máis traballo eran as da mañá. Ademais, case todos os países do noso entorno teñen un réxime horario para as comidas moi parecido ó romano: nós somos a excepción.

En canto ó tipo de comidas, é certo que pensar nalgúns alimentos daquela civilización nos produce unha sensación extraña. Con todo, teñamos en conta dúas cousas: en primeiro lugar, a maior parte de productos que comían entón seguímolos comendo agora; en segundo, todo o que ten que ver coa alimentación depende dos costumes de cada cultura ou comunidade, ós que nos afacemos desde pequenos. Tan noxento pode ser para nós pensar en comer can como para un hindú en comer vaca.

4. A roupa dos antigos romanos (e gregos e, en xeral, todos os pobos mediterráneos antigos) viña dada polo clima: comunmente, o conxunto da primavera e verán era cálido e longo, mentres o outono-inverno era relativamente curto e non demasiado cru; de aí a preferencia por prendas amplas, aínda que non deixaban de empregar roupa de abrigo cando o tempo o demandaba.

A forma de vestir, como a comida, é tamén producto do costume, e nela ten ademais moito que ver un concepto moi actual, pero moi antigo tamén: a moda. Así, se ben os romanos nunca chegaron a usar pantalóns, si que houbo diferentes preferencias en canto á lonxitude, tecido e cores das túnicas, togas, stolae, pallae, etc. O mesmo pode dicirse da imaxe persoal: na época Imperial, as mulleres romanas tiñan moi presente como se vestía, maquillaba, adornaba e peiteaba a esposa do Emperador. Xa que logo, pódese dicir, que, igual que hoxe, os famosos marcaban tendencias.

Última modificación: martes, 19 de xullo de 2016, 3:17 PM