LECTIO OCTAVA: fundamenta

1. A efectos prácticos, sobre as cláusulas interrogativas hai que ter claros os seguintes conceptos:
- as directas distínguense facilmente das indirectas: levan símbolo de interrogación ó final (e só ó final).
- tanto totais como parciais van introducidas por adverbios, pronomes e/ou partículas que sempre están recollidas en vocabularios e diccionarios. Sobre os pronomes falaremos máis; en canto ás partículas, a máis importante é -ne: é enclítica (e pode despistarnos en relación coa palabra á que aparece soldada) e sempre indica a palabra inicial da interrogativa.
2. Instruccións para recoñecer un Imperativo:
- comprobar que nos atopamos coa desinencia -te: será unha 2ª persoa de plural.
- se nos atopamos cunha forma verbal que practicamente é a raíz de Infectum do verbo (ama, de amo; pari, de pario; habe, de habeo), estamos ante a 2ª persoa de singular.
3. Respecto á prohibición, convén non confundir o adverbio ne (ne ambules: "non camiñes") coa partícula interrogativa enclítica -ne. O adverbio nunca vai soldado a outra palabra (ou sexa, que non é enclítico).
4. Para os pronomes interrogativos e os indefinidos, é boa a recomendación que se fai na LECTIO: a súa declinación é como a dos adxectivos tipo -us, -a, -um, coa excepción do XEN SING -ius e o DAT SING -i. Respecto ós que rematan nun segmento invariable (quidam, quispiam, quisque...), é necesario lembrar sempre que a desinencia casual está antes dese segmento invariable: quosdam, quempiam, cuiusquam...
5. Ó pensar na poesía antiga é indispensable lembrar o elemento que a gobernaba formalmente: o ritmo, co reparto regular de sílabas longas e breves. Tampouco se esqueza que estaba concebida para recitar en alta voz ante un público, case sempre acompañada de música e, por tanto, era practicamente un canto. Finalmente, segundo temos visto, diferentes ritmos adecuábanse a diferentes temáticas e xéneros, segundo o que se asumía que suxería: do mesmo xeito, hoxe falamos de ritmos alegres, tristes, machacóns, solemnes, etc.