Oculus!


1.As linguas están en constante cambio, e todos os falantes participamos nel, afectando a todos os elementos do idioma:

- no aspecto fonético, por moito que a escritura, mediante as normas ortográficas, nos dea sempre a mesma imaxe, transformamos os sons: lembra o exemplo "os romanos..." e o que lle pasa ó [s] ante [r], así como os diferentes acentos cos que se falan os idiomas nas diversas zonas do seu territorio.

- en canto ó léxico, é sabido que entran palabras novas nos idiomas con moita frecuencia, e ás veces os académicos anuncian que tal ou cal palabra se excluíu dos diccionarios debido á falta de uso.

- a gramática adoita ser máis resistente, porque a empregamos de maneira instintiva, sen pensar nas súas estructuras, pero tamén sofre cambios: o pretérito anterior do castelán ("hube amado") ou o infinitivo conxugado do galego son bos exemplos de construccións que están recoñecidas nas gramáticas pero teñen un uso real cada vez menor (con todo, no caso do infinitivo conxugado galego, existe un esforzo de recomendación que fai que, polo menos no nivel máis formal do idioma, permaneza vivo).

- finalmente, tamén transformamos a semántica das palabras, sobre todo na fala cotiá e nas xergas: abonda pensar no novo significado da palabra "rato" desde a chegada dos ordenadores, por exemplo.

A explicación é simple: o uso do idioma polos falantes provoca estes cambios, xa que cada persoa emprega a lingua misturando a base común que todos compartimos ó aprender a falar por imitación do que oímos co xeito persoal en que cada un a usamos.

2. Moitas culturas humanas sentiron a necesidade de representar graficamente a linguaxe para deixar constancia permanente de mensaxes. Probablemente xurdida por motivacións económicas de tipo contable, a escritura pode partir de bases diferentes: se os símbolos que emprega representan palabras ou ideas, estamos diante dun sistema ideográfico ou logográfico (como o chinés actual); se están en lugar de sílabas, é un sistema silábico (como parte da escritura xaponesa de hoxe); finalmente, se representan sons, falamos dun sistema alfabético, e ós seus símbolos chamámoslles letras. O máis cómodo de todos é o alfabético, pois non hai lingua humana que posúa máis aló de 75 sons, mentres que o número de sílabas, e non digamos de palabras, é moi superior. Así, memorizando un número asequible de símbolos e as súas combinacións (bastante limitadas, ademais), a aprendizaxe resulta doada.

3. O alfabeto latino é a adaptación romana doutra que á súa vez a veciña cultura etrusca realizara dun alfabeto grego utilizado no sur de Italia (e que tiña certas variantes respecto ó que coñecemos como grego clásico). Pola súa parte, a cultura grega adoptara o sistema alfabético ó comprobar que os fenicios, pobo comerciante do Mediterráneo oriental, usaban unha escritura baseada nese criterio. Este proceso de continuo aproveitamento e adaptación dun mesmo esquema para linguas moi diferentes continuou: debido ó prestixio da cultura romana, case todas as linguas europeas, romances ou non, se escriben co alfabeto latino... suxeito, por suposto, a modificacións. Todos eses "apaños" se deberon a un destes dous motivos:

a) na lingua orixe existían sons non presentes na lingua destino; polo tanto, sobraban símbolos.

b) na lingua destino existían sons non presentes na lingua orixe; polo tanto, faltaban símbolos.

A consecuencia destes dous fenómenos, as adaptacións podían consistir, segundo cada caso, en:

- aproveitar os sons sobrantes como consecuencia de a) para cubrir os ocos provocados por b)

- crear novos símbolos para os ocos causados por b): isto explica a orixe de letras como "J", "W", ou dígrafos como "CH", "LH" o "NY", segundo os idiomas.

4. A pronunciación clásica do latín é moi semellante á de galego e castelán. Só hai que prestar atención a estas diferencias:

- "C" soa sempre [k], non importa diante de que vocal apareza.

- "G" soa sempre [g], non importa diante de que vocal apareza.

- "V" soa sempre [u], non importa diante de que vocal apareza.

- "LL" soa sempre como unha [l] de pronunciación algo máis prolongada.

- o "V" que aparece sempre tras "Q" (en qui, por exemplo), sempre se pronuncia.

- existen vocais longas e breves, habitualmente indiferenciadas na grafía.

En canto á prosodia, hai que ter en conta o seguinte:

- non existen apenas palabras agudas: polo tanto, toda palabra bisílaba é de acentuación grave.

- para as palabras de máis de dúas sílabas, hai que fixarse na penúltima sílaba: se a súa vocal é longa, será a acentuada; se é breve, a acentuada será a sílaba anterior.

5. A Monarquía é a fase da Historia de Roma máis antiga, e a menos coñecida. Para os propios romanos do s. I a.C., por exemplo, tratábase dun período envolto en lendas. Polo tanto, os sucesos que se nos contan dela teñen un tono que se aparta, en xeral, do crible. Os relatos máis destacados son:

- a lenda da chegada do troiano Eneas ó Lacio, o seu asentamento alí e o reinado do seu fillo Ascanio Xulio sobre a comunidade de Alba Longa.

- a lenda da usurpación do trono de Alba Longa por Amulio, o seu fracaso en asasinar a Rómulo e Remo, xemelgos fillos da súa sobriña Rea Silvia.

- o amamantamento de Rómulo e Remo por unha loba; o seu descubrimento por parte dun pastor, seguido da expulsión de Amulio de Alba Longa polos xemelgos.

- a fundación de Roma, por Rómulo, o seu primeiro rei, o 21 de abril de 753 a.C.

- o rapto das sabinas e a creación do Senado, durante o reinado de Rómulo.

- a edificación da primeira muralla e a división dos cidadáns en cinco clases económicas, feitos tradicionalmente atribuídos o rei Servio Tulio, penúltimo rei.

- o final da Monarquía, coa violación da nobre Lucrecia por parte do fillo do rei Tarquinio o Soberbio, e a rebelión contra o réxime liderada por Lucio Xunio Bruto, que instaura a República en 509 a.C.

6. As fórmulas de saúdo romanas máis cotiás son, en realidade, imperativos. Por iso cambian segundo se dirixan a unha soa persoa ou a varias: ave/avete para "ola" e vale/valete para "adeus".

Modifié le: mardi 19 juillet 2016, 15:17