Somos lenda
Estes días estivemos falando na aula sobre os diferentes xéneros literarios: narrativo, lírico/poético e teatral/dramático.
Ímonos centrar agora no xénero narrativo. Porén, non todos os textos narrativos son iguais. Non é o mesmo unha novela que un conto, por exemplo.
Por iso, dentro do xénero narrativo, dicimos que hai subxéneros, isto é, maneiras de clasificar os textos narrativos.
Dentro destes subxéneros atopamos a novela, o conto, a lenda, a fábula...
Antes de nada, unha pregunta:
Saberías dicir dúas diferenzas entre unha novela e un conto? (Escríbeas no teu caderno)
ACTIVIDADE
Nesta actividade centrarémonos nas lendas, que son narracións breves e fantásticas.
As lendas, ademais de entreternos, serven moitas veces para explicar fenómenos da natureza que acontecen ao noso redor.
Así, as lendas existen desde que existimos as persoas e desde que nos preguntamos por que o mundo é como é. Un exemplo: antes de que a ciencia explicara por que o sol sae polas mañás e se pon pola noite, as persoas xa tentaran explicalo a través de lendas.
Pois ben, nesta actividade ides ter que inventar unha lenda e escribila no voso caderno.
A continuación atoparedes algunhas propostas sobre as que podedes escribir a vosa lenda. Podedes escoller unha destas ou podedes inventar vós unha:
A lenda que explica...
-
Por que as castañas viven dentro dun ourizo.
- Por que os ourizos pican.
-
Por que as castañas teñen dúas peles.
-
Por que as castañas estoupan coa calor.
-
Por que a algunhas árbores lles caen as follas.
-
Por que os cogumelos nacen cando vai frío.
-
Por que aos eucaliptos lles gusta o lume.
-
Por que Muros se chama Muros.
-
Por que Monte Louro ten dous picos.
-
Por que as persoas temos a pel de diferentes cores.
-
Por que a auga do mar é salgada.
- Por que as mareas soben e baixan.
-
Por que nas praias hai area.
-
Por que as bágoas son salgadas.
- Por que a lúa cambia de forma.
-
Por que as tartarugas se moven lentamente.
-
Por que os morcegos viven de noite.
-
Por que os grilos cantan cando vai calor.
- Por que os paxaros teñen plumas.
- Por que o galo canta cando sae o sol.
MOITO OLLIÑO!
- Non estades respondendo unha pregunta, estades escribindo unha lenda. Polo tanto, o voso texto non debe empezar “Muros chámase Muros porque...”, senón que debe empezar como empezan as historias, os contos... e as lendas.
- Unha lenda é breve, mais inda así deberá ter como mínimo unhas 50 palabras.
- Podedes escribir esta lenda de maneira individual ou por parellas, pero aínda que o fagades por parellas cada persoa escribirá a lenda no seu caderno.
- O prazo para facer esta actividade remata o martes, 3 de novembro.