1. INTERROGATIVAS TOTAIS: nas nosas linguas poden ser respondidas con si / non.

En latín recoñécense pola presenza dunha das seguintes partículas:

-ne (enclítica; non se traduce) → Veneruntne ex urbe?: Viñeron da cidade?

Num ("Acaso...?") → Num Italia in Asia est?: Acaso Italia está en Asia?

Nonne ("Acaso non...?") → Nonne iuvabo te?: Acaso non te axudarei?

Para responder a estas preguntas podemos facelo do seguinte xeito:

- Se queremos responder "si":

O latín non ten un adverbio de afirmación como o das nosas linguas. Podemos responder de varios xeitos: con "ita est", "sic est" (ambas expresións significan "así é") ou repetindo o verbo da oración interrogativa.

Vis potare vinum?: Queres beber viño?

Ita est, volo potare vinum: Así é / Si, quero beber viño.

Sic est, volo potare vinum: Así é / Si, quero beber viño

Volo: Quero.

- Se queremos responder "non", podemos responder de varios modos: con "non" ou "minime". Ambas palabras son adverbios e significan respectivamente "non" e "en absoluto".

Vis potare vinum?

Non, nolo potare vinum: Non, non quero beber viño.

Minime. 

2. INTERROGATIVAS PARCIAIS: son aquelas que solicitan unha información precisa (quen?, cando?, como?, onde?, por que?....)

Poden estar introducidas por:

- pronomes ou adxectivos interrogativos (tedes información sobre eles noutra entrada específica na aula virtual);

- adverbios interrogativos:

cur? → por que?

quare? → por que? por que razón?

quin? → por que non? como non?

qua? → por onde?

quo? → a onde?

ubi? → onde?

unde? → de onde?

quando? → cando?

quomodo? → como?

quantum? → canto? (Tamén existe o adxectivo interrogativo "quantus -a -um" → canto/a/os/as?)

3. INTERROGATIVAS DOBRES

Interrogativas que teñen dous termos alternativos (ex., Ves ou quedas?).

O 1º termo está introducido por -ne ou utrum (vid. interrogativas totais) e o 2º termo por an ("ou") ou annon ("ou non").

Utrum vestra an nostra culpa est? → Acaso é vosa ou nosa culpa?

Última modificación: jueves, 24 de abril de 2025, 20:42