Modelo de comentario Marx
Texto 2
Karl Marx naceu en 1818 na cidade prusiana de Trèveris, no seo dunha familia xudea. Estudou filosofía, interesándose por pensadores materialistas da Antigüidade como Demócrito ou Epicuro. A súa actividade intelectual correu paralela á política, o que o obrigaría a marchar de Alemaña. Residiu en Paris, onde coñecería a Friedrich Engels, o seu máis estreito colaborador. Acaba afincándose en Londres, cidade na que desenvolvería a maior parte da súa filosofía.
Entre as súas obras máis relevantes podemos citar algunhas das escritas xunto a Engels, como o “Manifesto Comunista” e “A ideoloxía alemana” ou a súa obra magna, “O Capital”.
Algo que debemos ter presente é que a obra de Marx ten unha clara finalidade práctica, a súa fin é a de impulsar a revolución do proletariado.
O pensamento de Marx será unha reacción contra o idealismo, algo que podemos observar no texto que nos ocupa, xa que non considerará nada á marxe do material. Con todo, o seu pensamento apoiase nas influencias recibidas de Hegel, do que toma o termo da dialéctica, fundamental para explicar a oposición entre clases e o dinamismo da historia.
Outra das críticas que realiza Marx é contra o liberalismo e a súa defensa da propiedade privada, en concreto dos medios de produción, clave para explicar as desigualdades producidas pola Revolución Industrial.
Por último cabe sinalar a crítica ao socialismo utópico, o cal propón construir modelos alternativos al capitalismo pero non destruir dito sistema, o que para Marx non resolvería os problemas das sociedades contemporáneas
No texto a comentar, e como mencionamos previamente, preséntasenos unha crítica do idealismo, a “filosofía alemá”, que acepta a existencia de conceptos e verdades á marxe do material, algo que será duramente criticado polo materialismo marxista.
Para Marx a realidade é material, todo depende da materia, incluso os contidos da nosa mente, por iso non se pode, como postula o idealismo, “baja(r) del cielo a la tierra” . O ser humano definirase a partir do traballo, actividade que lle permite transformar a realidade material para poder satisfacer as súas necesidades, de aí que na filosofía marxista se parta do “home activo” e do “seu proceso vital”. Ao tranformar a realidade o ser humano transforma as condicións materiais nas que vive e así transfórmase a si mesmo.
Coa especialización e a división do traballo xorde a loita de clases, o conflito entre clases antagónicas, que para Marx supón o motor mesmo da historia. A transformación do modo de produción que está na base das sociedades humanas explica o dinamismo característico da historia.
Atendendo a esta visión materialista da historia debemos, para explicar a sociedade, diferenciar entre o que autor denomina estrutura ou infraestrutua económica e a superestrutura. A infraestrutura é a base material da sociedade, o que a condiciona, estando constituída polas forzas produtivas e as relacións de produción. As primeiras son os medios de produción (terras, fábricas, materias primas) e a forza de traballo (físico ou intelectual), as segundas son as relacións de propiedade con respecto ás forzas produtivas. No capitalismo os medios de produción pertencen á burguesía, ao proletariado só lles queda a súa forza de traballo, a cal venden por un salario á clase dominante, estando aquí a clave da explotación capitalista.
A superestrutura depende da estrutura material, é política, xurídica, ideolóxica, relixiosa… O Estado e as súas institucións obedecen á clase burguesa e aos seus intereses, ao igual que as leis que protexen os privelexios da clase dominante (a propiedade privada, a herdanza, etc) O mesmo sucede cos valors morais e mesmo cos contidos da nosa conciencia: dependen do modo de produción sobre o que se asenta a nosa sociedade. A isto se refire Marx no texto cando di: "las formaciones nebulosas en el cerebro de los hombres son sublimaciones necesarias del proceso material de su vida". Todo depende da base material, incluso a relixión, que oculta a realidade económica e a explotación que nela se dá. Non hai, pois, ideas á marxe do material, a priori, como defende o idealismo, os contidos da nosa mente non son independentes "la moral, la religión, la metafísica y demás ideologías [...] pierden bien pronto su apariencia de autonomía"
Pero, como xustifica Marx que o modo de produción capitalista aséntade na explotación? Para isto é fundamental o concepto de plusvalía, a diferencia entre o valor do que o proletario produce e o salario que recibe por producilo, sempre menor. Esta diferencia é algo que se lle quita, que se lle rouba ao traballador, que sumado ás pésimas condicións laborais fan do sistema xurdido da Revolución Industrial un sistema baseado na explotación do home polo home.
O sistema capitalista aliena, xa que fai que aquilo que lle é propio ao individo, o traballo, lle sexa alleo. Produce unha alienación económica, xa que o froito do traballo non é para o traballador que o produce, senón para o burgués que lle paga o salario. Produce unha alienación da propia actividade do traballo, o proletario non decide para que traballa, nin canto tempo nin como. Produce, tamén, unha deshumanización: o traballador pasa a ser un medio, unha ferramenta para satisfacer intereses e necesidades alleas.
Isto tradúcese nunha alienación a nivel superestrutural: social, porque divide á sociedade en clases; política e xurídica, sendo o Estado e as súas leis e institucións ferramentas para perpetuar as desigualdades do sistema capitalista; ideolóxica, ao estar os nosos valores, pensamentos e ideas condicionados pola estrutura material da sociedade; e mesmo relixiosa, sendo a relixión o “opio do pobo”que anestesia ao proletariado ocultándolle a realidade económica que o explota.
Cal é pois, a solución? Para Marx o capitalismo contén, en si mesmo, a semente da súa destrución, pois a progresiva acumulación de capital en poucas mans e a automatización e mecanización do traballo provocará unha depreciación dos salarios, que non chegarán nin para satisfacer as necesidades básicas dos traballadores. Fronte a isto os proletarios iniciarán a revolución, tomando os medios de produción e as institucións do Estado burgués, sendo esta primeira etapa a da ditadura do proletariado. Finalmente o Estado deixará de ser necesario, instaurándose unha sociedade comunista sen propiedade privada dos medios de produción, sen clases sociais e rexida pola máxima: “cada un segundo as súas posibilidades, a cada un segundo as súas necesidades”
Marx é considerado como un dos grandes pensadores da tradición filosófica, crítico co idealismo e co liberalismo exerceu unha enorme influencia en pensadores posteriores e en momentos cruciais da historia contemporánea como o movemento obreiro ou a Revolución de Outubro.