Hai unha persoa que queremos presentarche: Jane Jacobs (1906-2006), xornalista e urbanista autodidacta, foi unha das persoas máis influentes na forma como vemos as cidades. Logrou deter megaproxectos que destrozarían o centro de Nova York e escribiu un dos libros máis influentes do urbanismo contemporáneo, Morte e vida das grandes cidades. Defendía as mazás pequenas e as rúas transitadas e a mestura de edificios residenciais e comerciais. Cos seus escritos e os seus actos, opúxose á planificación urbana moderna, na que o automóbil primaba sempre sobre a veciñanza. Dela é a frase: A cidade é de todos e todas.
Na data de nacemento de Jane, o 4 de maio, ten lugar cada ano o chamado "Jane's walk", unha iniciativa autoorganizada que se desenvolve en milleiros de cidades do mundo á vez co obxectivo de coñecer mellor as nosas vilas.
Lectura facilitada
Arquitectura e Urbanismo son disciplinas relacionadas entre si.
Abordan a planificación, deseño e desenvolvemento do medio construído, desde a vivenda ata a cidade.
A Arquitectura deseña, planifica e constrúe as vivendas. Corresponde a un proxecto arquitectónico distribuír as estancias, analizar os materiais, proporcionar confort higrotérmico e lumínico.
O Urbanismo é responsable de planificar as infraestruturas dunha cidade:
Organización de espazos públicos e privados
Sostibilidade ambiental
Vías urbanas e transporte público
Redes de luz, saneamento, lixo...
Ana Moreiras. Urbanismo sostible (imaxe xerada con IA Adobe)(CC BY-SA)
Audio
Arquitectura e Urbanismo son disciplinas relacionadas entre si que abordan a planificación, deseño e desenvolvemento do medio construído, desde a vivenda ata a cidade. A arquitectura e urbanismo dun espazo determinan a nosa forma de relacionarnos, traballar e vivir.
A Arquitectura deseña, planifica e constrúe as vivendas. Corresponde a un proxecto arquitectónico distribuír as estancias, analizar os materiais, proporcionar confort higrotérmico e lumínico.
O Urbanismo, pola súa banda, é responsable de planificar as infraestruturas dunha cidade: organización de espazos públicos e privados, sostibilidade ambiental e calidade de vida das e dos cidadáns, xestión do solo, vías urbanas, transporte público, redes de luz e saneamento, xestión do lixo...
Ana Moreiras. Urbanismo sostible (imaxe xerada con IA Adobe Firefly)(CC BY-SA)
Jane Jacobs, a importancia de ter veciños
A partir do artigo de prensa "Jane Jacobs, a importancia de ter veciños", de Marta Peirano publicado na versión dixital de ElDiario.es o 02 de xuño de 2023 vas realizar as seguintes actividades de comprensión textual:
“Ollade, por favor, con atención as cidades reais. E mentres ollades, tamén poderiades escoitar, ficar un intre e pensar no que vedes.”
Jane Jacobs
Ana Moreiras. Paseo de Jane con alumnado(CC BY-SA)
Os Paseos de Jane buscan poñer en práctica o urbanismo a pé de rúa que propugnaba Jane Jacobs a través de paseos cuxo principal obxectivo é o encontro entre veciños e veciñas.
As decisións sobre as cidades non deben estar só nas mans de expertos, senón que deben implicar á veciñanza desde o inicio. As persoas que viven nas cidades non son seres illados, senón protagonistas con capacidade de transformación. Os paseos colectivos, como os impulsados polo Paseo de Jane, convértense nunha ferramenta para coñecer o territorio, compartir memorias e desexos, e construír cidade de forma colaborativa. Esta rede, que funciona sen estrutura fixa e con organización aberta, aposta por un urbanismo participativo e comunitario. Ao camiñar xuntas, as persoas resignificamos espazos e vínculos, facendo que a cidade se volva máis nosa.
Paseo de Jane Boiro 2024
Mira na seguinte presentación un Paseo de Jane organizado por alumnado de Lingua galega e Tecnoloxía de Boiro e Noia.
Ana Moreiras. Presentación Paseo de Jane(CC BY-SA)
Arquitectura e urbanismo para facer un mundo mellor
Arquitectura e Urbanismo son disciplinas relacionadas entre si que abordan a planificación, deseño e desenvolvemento do medio construído, desde a vivenda ata a cidade. A arquitectura e urbanismo dun espazo determinan a nosa forma de relacionarnos, traballar e vivir.
A Arquitectura deseña, planifica e constrúe as vivendas. Corresponde a un proxecto arquitectónico distribuír as estancias, analizar os materiais, proporcionar confort higrotérmico e lumínico.
O Urbanismo, pola súa banda, é responsable de planificar as infraestruturas dunha cidade: organización de espazos públicos e privados, sostibilidade ambiental e calidade de vida das e dos cidadáns, xestión do solo, vías urbanas, transporte público, redes de luz e saneamento, xestión do lixo…
De acordo coa OCDE (2018), a tendencia da humanidade é a de concentrarse en cidades. Calcúlase que no 2050 un terzo da poboación española vivirá en Madrid ou Barcelona.
O problema das cidades é que consomen 3/4 dos recursos mundiais, a maior parte na construción e mantemento de edificios. O sector da construción é responsable principal das emisións CO₂ e da xeración de residuos. Por riba, as cidades están máis pensadas para os vehículos e factorías que para a cidadanía. Pola súa alta contaminación e pola ausencia de espazos adecuados para manter distancias, as cidades son focos de enfermidades.
A nosa saúde está determinada pola alimentación e o deporte pero tamén polo lugar que habitamos, e a miúdo este non é saudable. A maioría dos nosos fogares están feitos de cemento, material que contén unha ampla variedade de metais pesados como cromo ou zinc. As pinturas e vernices derivados do petróleo desprenden partículas tóxicas. Todos estes elementos, xunto á contaminación de fábricas e tubos de escape, producen alerxias, enfermidades inflamatorias e mesmo cancro.
A Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou, no 2015, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible: un plan de acción en favor das persoas, o planeta, a prosperidade e a paz. Ese plan contempla 17 liñas de acción, a maioría das cales teñen que ver co urbanismo e a vivenda, é dicir, coa forma en que habitamos o mundo.
A día de hoxe, cumpridos dous terzos do tempo previsto para lograr os diferentes obxectivos, a realidade é que só un 15% están ben encamiñados, un 48% atópanse moderadamente atrasados e un 37% están estancados ou en serio perigo de non conseguirse, a pesares de que existe evidencia científica de que o logro dos ODS xera beneficios económicos, ambientais e sociais.
Un dos aspectos que máis preocupa á cidadanía é o quecemento global, relacionado coas emisións de CO2. No período 2015-2023 en España as emisións reducíronse nun 20 %, pasando de 5,92 a 4,94 toneladas de CO₂, malia que aínda superan a media global. O tipo de arquitectura e urbanismo do noso país son factores determinantes nesas emisións.
Optar por prácticas sostibles na edificación non só reduce o impacto ambiental, senón que tamén favorece a eficiencia enerxética, o que se traduce en menor gasto en calefacción e climatización, e, por ende, en aforro económico para as persoas que habitan esas vivendas. A utilización de materiais renovables, a optimización dos sistemas de enerxía renovable como a solar ou a xeotermia, e o deseño que favoreza a ventilación natural ou a iluminación eficiente son algúns dos criterios que permiten que as vivendas se integren mellor no seu contorno, coidando tanto o medio ambiente como a saúde das persoas.
Ademais, a construción sostible tamén ten un impacto positivo nas comunidades locais, xa que promove a creación de espazos máis saudables, agradables e resilientes ante fenómenos climáticos extremos, que se volven cada vez máis frecuentes debido ó cambio climático (pensa nos recentes destrozos da DANA en Levante, que tiveron maior impacto onde as construcións foron feitas sen criterios urbanísticos lóxicos).
A planificación urbana sostible favorece a conectividade entre os barrios, a preservación da biodiversidade e a mobilidade activa (como o uso de bicicletas ou o camiñar), reducindo a necesidade de transporte motorizado e mellorando a calidade de vida dos seus habitantes.
Nun contexto global onde a escaseza de recursos e os impactos ambientais son retos crecentes, construír baixo criterios sostibles non é só unha opción, senón unha responsabilidade colectiva que contribúe ó benestar de todos.
Que ODS están implicados?
O urbanismo sostible e a arquitectura bioclimática teñen unha relación estreita cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), xa que ambos enfoques promoven un desenvolvemento que respecta o medio ambiente, mellora a calidade de vida das persoas e fomenta a xustiza social. Estes dous campos están no corazón da transición cara a cidades máis verdes, resilientes e saudables, e contribúen á mitigación do cambio climático, á eficiencia enerxética e á preservación de recursos naturais.
ODS 3: Saúde e benestar
Calidade do aire: que mellora ó reducir a contaminación do aire grazas á mobilidade sostible e a mellora da ventilación natural nos edificios.
Espazos verdes urbanos, que teñen beneficios directos para a saúde mental e física das persoas, mellorando a calidade de vida e promovendo a actividade física.
Espazos domésticos que propicien o benestar e o confort higrotérmico e lumínico.
Materiais biocompatibles nas vivendas e espazos urbanos. Os formigóns, PVCs, plásticos, etc. son tóxicos para a nosa saúde.
ODS 7: Enerxía asequible e non contaminante
Redución do consumo enerxético a través da arquitectura bioclimática (tecnoloxías passivehaus).
Uso de enerxías renovables, como paneis solares ou sistemas xeotérmicos nos edificios e nos barrios (iluminación).
ODS 9: Industria, innovación e infraestrutura
Innovación tecnolóxica: o urbanismo e a arquitectura sostibles están a incorporar novas tecnoloxías e materiais que melloran a eficiencia enerxética e reducen a pegada ambiental, como os sistemas intelixentes de xestión enerxética ou os materiais ecolóxicos.
Infraestruturas resilientes e sostenibles: O urbanismo sostible tamén fomenta a creación de infraestruturas resilientes que son capaces de adaptarse ás novas necesidades climáticas e sociais das cidades.
ODS 11: Cidades e comunidades sostibles
Infraestruturas eficientes e respectuosas co medio ambiente
Redución da pegada de carbono das áreas urbanas.
Creación de espazos públicos saudables e inclusivos, favorecendo a mobilidade activa (camiñar, andar en bicicleta), o acceso a áreas verdes e a mellora da calidade do aire
ODS 12: Produción e consumo responsables
Economía circular aplicada á xestión de residuos, á recollida e aproveitamento de auga pluvial, á reutilización de materiais, ó emprego de materiais km 0 na construción e ó comercio (reducción do consumo de recursos non renovables.)
ODS 13: Acción polo clima
Mitigación do cambio climático: o urbanismo sostible optimiza a distribución das cidades para reducir a pegada de carbono dos residentes e das infraestruturas urbanas.
Adaptación ó cambio climático, axudando ás cidades a ser máis resilientes ós efectos do cambio climático, como as ondas de calor, inclemencias meteorolóxicas extremas ou o aumento do nivel do mar, a través de diseños que melloran a eficiencia enerxética, a xestión de recursos naturais e a infraestrutura verde.
Sensibilización da poboación, poñendo en valor os criterios científicos.
ODS 15: Vida de ecosistemas terrestres
Infraestruturas verdes como xardíns, que non só melloran a biodiversidade urbana, senón que tamén contribúen á mitigación das illas de calor urbanas.
Conservación de recursos naturais a través da bioconstrución.