Smart & Senseable cities
Smart cities
As cidades intelixentes son un modelo de urbanismo que integra tecnoloxía de vangarda e sostibilidade. O obxectivo é un tanto utópico: mellorar a calidade de vida dos seus habitantes sen aumentar a pegada ambiental. A tecnoloxía clave destas cidades é o Big Data: recompilar datos de redes sociais, visitas a páxinas web, rexistros de chamadas e outras fontes para mellorar a experiencia de interacción e coñecer máis sobre as persoas usuarias e recursos consumidos. A idea é interactuar coas persoas e analizar os datos que elas nos proporcionan en tempo real, permitindo unha optimización dos recursos. Exemplos:
- Coñecer a dispoñibilidade de prazas nun aparcadoiro e os puntos de recarga para vehículos (a través de sensores nas prazas).
- Saber onde hai atascos para derivar o transporte urbano por outros lugares (a través dos datos de Google Maps, que levamos activo mesmo sen sabelo).
- Coñecer o nivel de contaminación do aire nun punto (sensores de certos móbiles).
Este tipo de tecnoloxías, indudablemente, fan máis sinxela a nosa vida... pero tamén nos controla máis.
No ámbito do goberno e a economía, as cidades intelixentes procuran a dixitalización dos servizos públicos para facilitar o acceso á cidadanía e promover a transparencia democrática. Nas webs de concellos estes servizos aparecen en forma de portais para instancias xerais (sé electrónica), recadación de impostos, inscrición en actividades, catastro, etc. Un exemplo notable é VTaiwan, un prototipo de consulta aberta para a sociedade a través de ferramentas dixitais como pol.is
A xestión dos residuos e o uso eficiente dos recursos enerxéticos son aspectos clave nas cidades intelixentes, pois un piar básico deste tipo de cidades é atopar solucións sostibles para os desafíos ambientais. A través de sistemas de recolección intelixente de residuos, o uso de enerxías renovables e a implementación de políticas de eficiencia enerxética, estas cidades pretenden minimizar a súa pegada ecolóxica e promover un desenvolvemento sostible.
Senseable cities
Moitas persoas cren que o concepto de Smart City quedou obsoleto e falan agora de "Sharing city" ou "Cidades dos coidados". O que se cuestiona é centrar todo o debate na evolución tecnolóxica, esquecendo factores tan importantes como os coidados, a accesibilidade, a política ou o deseño. Un arquitecto referente neste debate é Vicente Guallart, quen pon o foco en cidades autosuficientes, na bioconstrución e na concentración de barrios, factores que permitan que a xente se desprace menos e que viva en mellores condicións. Do seu estudo, Acercade Arquitectura, saíron as primeiras vivendas post-covid en Barcelona.
Existe un proxecto pioneiro no estudo destas cidades, o MIT Senseable City Laboratory: un laboratorio dixital dentro do grupo de Deseño e Desenvolvemento da Cidade do MIT que investiga e anticipa como as tecnoloxías dixitais están cambiando a forma de vivir das persoas e as súas implicacións a escala urbana. Un dos focos de estudo do Senseable lab é a flora urbana: Treepedia é un proxecto que utiliza técnicas de visión dixital baseadas en imaxes de Google Street View para catalogar árbores das rúas. A biblioteca de código aberto, almacenada en GitHub, inclúe todo o código de programación de Python para que calquera poida usalo para calcular a cobertura da árbore (medida como índice de vista verde ou GVI) para a súa propia cidade ou rexión.
Lectura facilitada
As cidades do futuro
Que son as Smart Cities?
As cidades intelixentes usan tecnoloxía moderna para mellorar a vida da xente e coidar o medio ambiente.
Estas cidades recollen datos en tempo real para saber como se usan os recursos, como se moven as persoas ou onde hai problemas.
Exemplos:
- Saber cantas prazas libres hai nun aparcadoiro.
- Evitar atascos e cambiar a ruta dos buses.
- Medir a calidade do aire con sensores.
Estas tecnoloxías fan a vida máis doada, pero tamén poden controlar o que facemos.
Os gobernos locais dixitalizan servizos como:
- Facer trámites por internet (sé electrónica).
- Consultar o catastro ou pagar impostos.
- Participar en decisións da cidade (como fai VTaiwan).
Outro obxectivo é xestionar ben os residuos e aforrar enerxía, usando fontes renovables e sistemas eficientes.
Senseable cities: outro modelo de cidade
Hoxe moita xente pensa que non chega con ter tecnoloxía: tamén hai que pensar nas persoas.
Por iso fálase de cidades sensibles, que se preocupan polos coidados, o deseño, a proximidade e a accesibilidade.
O arquitecto Vicente Guallart defende facer barrios autosuficientes onde se poida vivir ben sen desprazarse moito. Un exemplo son as vivendas post-COVID de Barcelona.
Un proxecto importante sobre estas cidades é o Senseable City Lab do MIT. Este laboratorio estuda como a tecnoloxía cambia a forma de vivir nas cidades.
Un dos seus proxectos chámase Treepedia. Usa imaxes de Google Street View para medir cantas árbores hai nas rúas dunha cidade. Calquera pode usar este programa, porque está dispoñible de balde na web GitHub.
Exemplos
- Pontevedra, unha cidade para as persoas (vídeo de Greenpeace). Comproba por que a nosa cidade galega é unha das cidades máis premiadas do mundo no ámbito do urbanismo.
- París 2050: vai crearse un barrio verde no centro de París con edificios bioclimáticos que xeneren enerxía.
- Guangdong, área chinesa pioneira nas cidades intelixentes e ecolóxicas.
- Dubai, que traballa na primeira gran urbe do mundo do tipo "15-minute city". Para testar a evolución das obras, creron espazos destinados a xerar experiencias placenteiras á súa cidadanía e, para medir o logro, colocaron 3 botóns que representan o grao de felicidade de calquera persoa usuaria.
- Cidades que eliminan as autopistas.