Saltar navegación

María Xosé Queizán

É unha das escritoras galegas contemporáneas máis importantes, tanto pola cantidade, pola calidade e pola diversidade de xéneros cultivados. Todo isto sumado ao seu incesante traballo a prol da normalización da lingua galega, así como a súa militancia irredutible nun feminismo combativo, convértena nunha figura imprescindible para entender o panorama literario galego de comezos do século XXI.

María Xosé Queizán
Fernando Pazos García. María Xosé Queizán (CC BY-NC-SA)

Nacemento e infancia

Naceu en Vigo no 1939 e foi unha nena da posguerra, orfa de pai dende o seu nacemento. Criada nunha familia de mulleres cunha educación liberal. Aos catro anos a súa nai aprendeulle a ler. Máis tarde, un profesor republicano instruíuna en matemáticas, gramática, solfexo e francés. Debido a peripecias familiares, até a súa adolescencia viviu en Cáceres e, posteriormente, en Xixón, para regresar a Vigo no 1955. Durante eses anos forxou un carácter independente que a levou a marchar da casa moi nova, con tan só dezasete anos, con destino Madrid.

Adolescencia e primeiras viaxes

Anos máis tarde, no 1961, sentiu novamente o afán de coñecer mundo e viaxou a Francia, a París concretamente, onde traballou como profesora de español. Foi este un período fundamental no seu desenvolvemento vital, intelectual e creativo: a independencia económica e o poder gozar dun espazo libre e liberal, non trabado pola censura, facilitaron que María Xosé Queizán entrara en contacto coa concepción literaria do Nouveau Roman e que se decidise a escribir a súa primeira novela: A orella no buraco (1965), enmarcada na corrente estética da Nova narrativa galega.

Matrimonio e madurez

En 1962 casou con Xosé Luís Méndez Ferrín, con quen tivo dous fillos. O matrimonio residiu dous anos en Lugo, onde ela traballou como profesora de francés no imprescindible Colexio Fingoi. Mentres durou o matrimonio, até 1974, María Xosé Queizán estivo practicamente desaparecida da creación literaria. O final desta etapa marcou un reinicio na súa vida, por dous motivos: por un lado retomou a carreira universitaria na Universidade de Santiago de Compostela formando parte da primeira xeración de licenciados en Galego-Portugués (1978); por outro, tomou conciencia feminista. Nesta liña, despois de ter participado en moitas iniciativas en favor da muller, fundou a FIGA, Feminista Independentes Galegas, organización que preside dende 1983. Este órgano publica a revista cultural e literaria Festa da Palabra Silenciada que podes consultar nesta ligazón.

Feminismo

Dende mediados dos 70, María Xosé Queizán fai do nacionalismo e do feminismo os eixes fundamentais de toda a súa produción literaria. Publicou numerosos artigos e ensaios en que reflexiona e teoriza sobre a muller vista desde os máis diversos puntos de vista, como por exemplo A muller en Galicia (1977).  Con máis de oitenta anos continúa co seu frenético ritmo de traballo ditando charlas e dando libros ao prelo; o seu último ensaio está publicado en Xerais baixo o título Despoxos e vísceras ilustres (2020)