cultura

“MECENAS”

GALEGO: “mecenas”.

SIGNIFICADO ACTUAL: protector das artes, que promove o patrocinio para apoiar diferentes tipos de artes.

ORIXE: nome que procede de Gaius Cilnius Maecenas, acaudalado noble romano, amigo de Augusto, que admiraba profundamente aos artistas e lles proporcionaba axuda económica para realizar a súa obra.

 

 

Gaius Cilnius Maecenas apoiando as artes. Gerard the Lairesse (1640-1711).

“SIBARITA”

GALEGO: “sibarita”.

SIGNIFICADO ACTUAL: os sibaritas son persoas dedicadas ao pracer, que teñen o último en luxos e gastan a maioría do seu tempo en comprar ou en entreterse cos seus luxos. Nós tamén podemos usar os termos “voluptuoso”, “sensualista” ou “hedonista”.

ORIXE: procede do termo latino Sybarita, habitante de Sybaris, unha importante cidade da Magna Grecia, situada no Golfo de Tarento. Esta antiga cidade foi coñecida pola súa excepcional riqueza e unha enorme poboación que se dedicaba á busca do pracer e a un tipo de vida hedonista.

 

 

Panorama das ruínas excavadas no parque arqueolóxico de Sybaris.

“FARO”

GALEGO: “faro”.

SIGNIFICADO ACTUAL: a palabra faro procede do grego pharos e está presente en moitas linguas romances como o francés, o italiano e o galego con esta mesma forma.

ORIXE: Ptolomeo, xeneral de Alexandre Magno, fixo construír frente á cidade de Alexandría, na illa de Faros, unha xigantesca torre para que iluminara aos barcos. Tiña unha altura de 122 metros e no seu cume ardía permanentemente unha fogueira visible dende cen millas.

 

 

Reconstrución do faro de Alexandría.

 

“CANDIDATO”

GALEGO: “candidato”.

SIGNIFICADO ACTUAL: persoa considerada adecuada para solicitar un determinado posto de traballo ou para ser nominada para unha elección ou un cargo.

ORIXE: en ocasións, a orixe dunha palabra parece a negación do que significa na actualidade. De feito, a candidez non é un atributo que identifique a ningún candidato a cargo público. Curiosamente, este termo procede do adxectivo latino candidus “branco”, cor da toga coa que vestía durante a campaña electoral o que se presentaba ás eleccións na antiga Roma.

 

“OITAVA MARABILLA DO MUNDO”

GALEGO: “oitava marabilla do mundo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: esta expresión úsase co significado de obra humana excepcional e só comparable coa lista das sete construcións máis salientables da antigüidade clásica.

ORIXE: procede da comparación coa amplamente coñecida lista das sete construcións máis destacadas da antigüidade clásica, chamada as Sete marabillas do mundo.

 

 

As sete marabillas do mundo antigo.

“LACÓNICO”

GALEGO: “lacónico”.

SIGNIFICADO ACTUAL: expresar moito con poucas palabras; conciso, breve, exacto.

ORIXE: procede do grego Lakon, habitante de Laconia, unha rexión da antiga Esparta na que os seus habitantes tiñan reputación de falar con brevidade.

 

“ESPARTANO”

GALEGO: “espartano”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fai referencia a un tipo de vida ou actitude extremadamente austera, disciplinada e sinxela.

ORIXE: vén da antiga cidade de Esparta coñecida por un sistema educativo de extrema dureza e disciplina ao que se sometían tanto os nenos como as nenas.

 

 

Mozos espartanos facendo exercicio. Edgar Degas.

“A GARDA PRETORIANA”

GALEGO: “a garda pretoriana”.

SIGNIFICADO ACTUAL: gardacostas, grupo de homes que escoltan e protexen a unha persoa importante.

ORIXE: vén da Garda Pretoriana, a elite de gardacostas usada polo emperador romano. O termo pretoriano ten a súa orixe no praetorium, tenda de campaña do praetor, xeneral dun exército romano.

 

“A CUADRATURA DO CÍRCULO”

GALEGO: “a cuadratura do círculo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: en sentido figurado, representa un problema moi difícil ou imposible de resolver ou intentar facer algo que resulta imposible.

ORIXE: cadrar o círculo é un problema irresoluble proposto polos antigos xeómetras no que tiñan o reto de construír un cadrado coa mesma área que un círculo dado.

 

 

A cuadratura do círculo. Durero.

 “CÍNICO”

GALEGO: “cínico”.

SIGNIFICADO ACTUAL: descarado, desprezativo, que non ten pudor en centrarse só nos seus propios intereses e que desconfía da sinceridade e integridade humana.

ORIXE: este adxectivo procede do grego κύων, κυνός, “can” e usábase para denominar a escola de filosofía cínica da antiga Grecia caracterizada pola súa forma de vida frugal, “perruna”. Os filósofos cínicos aspiraban a identificarse coa figura do can, buscando a sinxeleza da vida canina.

 

 

Dióxenes, o filósofo cínico. Jean-Léon Jérôme.

“SÍNDROME DE DIÓXENES”

GALEGO: “síndrome de Dióxenes”.

SIGNIFICADO ACTUAL: trátase dun desorde do comportamento que se caracteriza polo total abandono persoal e social, así como polo illamento voluntario no propio fogar, a acumulación nel de lixo e desperdicios domésticos e a falta de vergoña.

ORIXE: o nome deriva de Dióxenes de Sínope, un filósofo grego que pertencía á escola cínica e era coñecido por vivir nunha talla e por buscar unha vida natural e afastada dos luxos da sociedade.

 

 

Alexandre visita a Dióxenes en Corinto. W. Matthews.

 “TRABALLO”

GALEGO: “traballo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: actividade humana realizada con esforzo para producir algo.

ORIXE: na súa orixe esta palabra está asociada á idea de sufrimento. Procede do substantivo latino tripalium, “tres paus”, especie de instrumento de tortura formado por tres madeiros cruzados aos que se ataba o reo.

 

 “OSTRACISMO”

GALEGO: “ostracismo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: no seu uso moderno fai referencia á exclusión ou desterro dunha persoa dun grupo particular ou da sociedade.

ORIXE: procede do termo grego ὀστρακισμός, un procedemento usado na democracia grega segundo o cal calquera cidadán considerado unha ameaza podía ser expulsado da cidade-estado de Atenas durante dez anos. Consistía nunha votación na que se escribía nun anaco de vasilla chamado ostrakon o nome da persoa que se quería expulsar.

 

 

Ostrakon co nome do estratego Temístocles. Museo da ágora de Atenas.

 

“DURMIRSE NOS LOUREIROS”

GALEGO: “durmirse nos loureiros”.

SIGNIFICADO ACTUAL: descoidarse, deixar de esforzarse por estar satisfeito cos logros ou éxitos acadados.

ORIXE: provén do Imperio Romano no que o loureiro era considerado un símbolo da vitoria co que se coroaba aos emperadores e xenerais militares vitoriosos, de aí a palabra laureado ou a palabra bacharelato do latín baccae lauriatus “coroado con bagas de loureiro”. Se, despois dun determinado tempo, os laureados deixaban de esforzarse por estar compracidos nos seus éxitos pasados, a poboación empezaba a dicir que se “durmiran nos seus loureiros”.

 

 

Busto de Augusto levando a coroa cívica. Gliptoteca de Munich.

 

“ÁLBUM”

GALEGO: “álbum”.

SIGNIFICADO ACTUAL: hoxe significa libro en branco cuxas follas conteñen fotos, selos…

ORIXE: procede do adxectivo latino albus “branco”. No mundo romano fai referencia a un encerado branco no que se expoñían os edictos do pobo.