Unha fotonovela é un relato ilustrado con fotografías. En España tiveron un gran éxito nas décadas dos 60 e 70. Aínda que estaban fundamentalmente dirixidas a mulleres gozaron de público de ambos os dous sexos. Propoñémosvos que realicedes unha fotonovela que toque, como mínimo, dous conflitos típicos da adolescencia e a súa relación cos estereotipos de xénero.
Existen múltiples ferramentas informáticas para crear fotonovelas, como StoryboardThat. De todas maneiras, pode servir tamén un programa de presentación de diapositivas, ou mesmo realizalo á man. Se non vos presta realizar unha fotonovela, aínda podedes debuxar un cómic.
- O proxecto farase en grupos de dúas ou tres persoas.
- O traballo constará de:
- Portada con título e autores.
- Un relato cunha extensión non inferior a 15 fotografías. No caso dun cómic non será inferior a oito páxinas
- Repartición de tarefas entre os membros do grupo e contraportada.
- Á hora de ideardes a trama, tede en conta os seguintes aspectos:
- A trama conterá exemplos reais, concretos e actuais de estereotipos asociados a mulleres e homes no ámbito elixido.
- A trama resultará máis realista se recreades unha historia real, ben que preservando a identidade das/dos protagonistas. Obviamente, debedes excluír calquera contido que poida resultar ofensivo.
- A trama deberá conter algún mecanismo para a resolución pacífica dos conflitos presentados.
- A valoración do traballo terá en conta:
- O realismo e intensidade do conflito exposto, das emocións e dos afectos experimentados polas/os protagonistas e a resolución do mesmo: 4 puntos.
- A presentación, incluída a calidade da expresión escrita ou plástica: 3 puntos.
- A capacidade de traballo en grupo: 3 puntos.