Se tes moi claro en que consisten os fenómenos de ocultación feminina, se cadra quererás saber máis sobre eles con esta serie de actividades:
- Describe outros casos de ocultación semellantes aos que se narran no Manual da Unidade. Se non se che ocorre un caso, podes inspirarte nesta ligazón. A túa descrición debería contar, como mínimo, estes apartados:
- Unha breve introdución histórica á sociedade en que se produciu o caso de ocultación.
- Un breve perfil biográfico da muller ou mulleres protagonistas.
- A descrición concreta da ocultación sufrida e as razóns que o motivaron.
- Unha reflexión crítica sobre os fenómenos de discriminación rexistrados.
2. O gráfico de embaixo foi publicado no xornal dixital Praza Pública o 26 de outubro de 2018. Recolle os resultados dun estudo sobre igualdade de xénero nas empresas galegas realizado pola Universidade de Vigo. No eixo horizontal ofrece os treitos salariais anuais e no eixo vertical a porcentaxe de homes (marrón) e mulleres (amarelo) que teñen un salario anual dentro dese tramo.

- Cal é o treito mínimo? E o máximo? Que porcentaxe de mulleres e homes reciben un e outro salario respectivamente?
- A porcentaxe de mulleres aumenta ou diminúe a medida que aumenta o treito salarial? Que sucede cos homes? Que causas cres que explican esta diferenza?
- Estudos recentes indican que a formación das mulleres menores de 45 anos é superior á dos varóns. Que razóns poden explicar as dificultades das mulleres para alcanzar postos de responsabilidade dentro das empresas?
3. A expresión chan pegañento, úsase para falar das causas que impiden ás mulleres mellorar a súa posición na escala laboral.
- Ocórrenseche exemplos que ilustren esta expresión?
- Que medidas poden tomar as empresas para romper ese teito de vidro?
- Coas vosas conclusións, elaborade un decálogo de boas prácticas en igualdade de xénero. Podedes facerlle chegar os resulltados á Confederación de Empresarios de Galicia.
4. Ao longo dunha semana retrata á túa familia realizando traballos domésticos ou de coidados. Con todas as fotografías compón un álbum que poña de relevo a importancia do traballo reprodutivo. Se queres, tamén podes incluír fotos de xeracións anteriores da túa familia.