Este gráfico retrata a composición das familias no Brasil no censo do ano 2010. Pica na imaxe para velo con detalle. Non te asustes de que estea escrito en portugués, simplemente coas imaxes serás capaz a entender que persoas compoñen cada tipo de familia. Comentádeo na clase en base aos seguintes aspectos:
- Cantos millóns de familias existían no Brasil nese ano?
- Cal era o tipo de familia máis habitual? De que membros constaba ese tipo de familia? Quen adoita ser a cabeza de familia neste tipo
- Outros tipos de familia eran a unipersoal, extensa (estendida) e a composta, ademais dos matrimonios (casais) gays. De que membros consta cada un deles?
- Na última liña aparece o dato do responsábel da familia. Que significa este concepto? Cantos fogares teñen como responsábel a un home e cantos a unha muller? Pódese concluír que as familias brasileiras son, na súa maioría, patriarcais?
Despois de faceres este exercicio, imos pedirche que averigues se a rapazada do teu centro vive en familias patriarcais. Repartídevos en grupos de tres persoas. Cada grupo encargarase dunha clase. Deseñade unha folla de datos para recollerdes estes datos entre as/os compañeiras/os da clase que vos corresponda:
- Tipo de familia. En que tipo de familia viven as/os compañeiras/os? Nuclear, extensa, composta, monoparental, homoparental?
- Responsábel dos ingresos. Que persoas achegan ingresos á familia? Nas familias en que varias persoas achegan ingresos á familia, algunha delas gaña moito máis que o resto?
- Corresponsabilidade. Nas tarefas do fogar e nos coidados das persoas dependentes, existe corresponsabilidade entre sexos? É dicir, máis ou menos todas as persoas da familia ocupan o mesmo tempo neste traballo?
Presentade as vosas conclusións acompañadas de gráficos tirados dos datos que obteñades. Podedes usar un programa de presentación de diapositivas onde incluades os gráficos que elaboraredes en follas de cálculo. A mellor opción será que usedes un programa de infografías. Na rede hai numerosos programas gratuítos que permiten facer infografías vistosas, como Infogram ou Piktochart.
Os criterios de avaliación serán os seguintes:
- Contido do traballo e calidade da información e as conclusións: 4 puntos.
- Presentación, en especial a calidade e a apariencia dos gráficos: 2 puntos.
- Deseño da folla de recollida de datos e proceso de enquisas: 2 puntos
- Capacidade de traballo en equipo: 2 puntos.