Estratexias e escalas de apropiación de espazos
5.- Uso da contorna
Se a nosa pretensión é traspasar os límites da aula tradicional, parece inmediato pensar no aproveitamento da contorna. Neste sentido podemos empezar polos espazos máis próximos como patios e espazos exteriores do noso centro. Nese sentido, xa vimos como o Plan de nova arquitectura pedagóxica pon o foco nestes espazos para convertelos en lugares de usos múltiples.
Ademais dos propios espazos físicos, resulta de interese a realización de actividades complementarias e extraescolares que acheguen ao noso alumnado ao mundo real.
E, por último, tamén resulta tremendamente enriquecedor o contacto con organizacións externas (universidades, empresas, asociacións) así como a participación en programas transversais como o STEMBach, que pon en contacto ao noso alumnado co mundo universitario e da investigación; programas de voluntariado; ou concursos e proxectos como, por exemplo, Talentos Inclusivos que achega ao noso alumnado ao mundo da inclusión colaborando coa UDC e ASPACE.