Estratexias e escalas de apropiación de espazos
4.- Implicación dos sentidos
Como xa se comentou con anterioridade, os sentidos xogan un papel fundamental á hora de percibir un espazo ou contorna. E para acadar unha experiencia arquitectónica significativa, como a define Pallasmaa (2005) deben activarse todos os sentidos, evocando encontros, enfrontamentos, etc. que interactúen coa memoria. A través deste tipo de experiencias facilitaremos tamén a consecución de aprendizaxes significativas.
Termos como aprendizaxe experiencial ou aprender facendo, indican a importancia da experimentación e do sentido a través do propio corpo no proceso de ensino-aprendizaxe. Cabe destacar, tamén, que a través do deseño de espazos que activen todos os sentidos, crearanse lugares plenamente accesibles, inclusivos e igualitarios, xa que potenciarán todas as capacidades sensoriais do nos alumnado, sen exclusión.
Experiencias táctiles:
En primeiro lugar, non se debe desprezar a importancia do sentido do tacto. Tal e como destaca Hall (1966), a pesar de todo canto sabemos sobre a capacidade informativa da pel, deseñadores, arquitectos e enxeñeiros non conseguen captar na maioría dos casos o grande significado do tacto, sendo algo que ocorre aínda hoxe en día. E cando elementos como as texturas aparecen na arquitectura, raramente son empregados a conciencia e con coñecemento psicolóxico ou social.
Polo tanto, será de vital importancia que consideremos como percibimos espazos, mobiliario, obxectos… a través da nosa pel. Por exemplo, non producirá a mesma sensación sentarnos nunha cadeira dun material cálido como a madeira ou nunha construída con metal. E, do mesmo xeito que se ten en consideración en idades máis temperás o tacto como sentido de descubrimento do mundo, non debemos desdeñar o seu poder na educación secundaria.
Neste sentido, tamén hai que destacar a importancia dun correcto illamento térmico que permita manter unha temperatura de confort nos nosos espazos educativos.
Importancia da visión periférica:
No mundo actual, a importancia do sentido da visión dáse por asumida, considerándose o sentido por excelencia (probablemente por ser o último en desenvolverse no ser humano). Pero en lugar de pensar na visión central, neste caso queremos destacar a importancia da visión periférica no proceso de ensino-aprendizaxe.
Neste sentido unha correcta iluminación dos espazos educativos tórnase en fundamental. Debemos favorecer e potenciar o aproveitamento da luz natural difusa, que non xere sombras ou deslumbramentos e recorrer a unha iluminación artificial de calidade cando sexa preciso. Existen multitude de normativas e tratados sobre os niveis de iluminación adecuados para os espazos educativos e deben terse sempre presentes xa que será fundamental para que o alumnado atope o confort adecuado.
Por outra banda, outro aspecto destacable na percepción a través da visión periférica é a chamada psicoloxía da cor. As cores poden actuar sobre os sentimentos e a razón sen que nos decatemos de forma consciente. Tal e como estipula Heller (2004), artistas, terapeutas, deseñadores, arquitectos… deben coñecer o efecto que producen as cores nos demais, xa que este é bastante universal. Un exemplo comunmente empregado é o uso de verdes e azuis nos uniformes do persoal médico xa que son cores que transmiten tranquilidade e o arquitecto Alvar Aalto fixo uso da psicoloxía das cores no seu sanatorio de Paimio para facilitar a estancia dos pacientes con tuberculose.
Hai que ter en conta que coñecemos moitos máis sentimentos que cores, polo que unha mesma cor pode producir efectos diferentes e incluso contraditorios. Ademais, tan importante como as cores de xeito illado, son as asociacións entre elas, xa que os efectos variarán en función de como as combinemos.
No seguinte interactivo podedes probar a asociar cada cor co concepto que creades que máis se achega á ela. As solucións están baseadas na investigación realizada por Heller (2004).
Acústica:
O coidado do sentido do oído sábese primordial no proceso de ensino-aprendizaxe. En moitos casos, cando falamos de acústica tense en conta o illamento da edificación fronte ao ruído exterior; pero non debemos esquecer o coidado da calidade do son dos nosos espazos a través da elección de materiais que aseguren un adecuado confort e transmisión do son.
Olfato e gusto:
Aínda que poden parecer dous sentidos que pouco poden aportar ao proceso de ensino-aprendizaxe, debe destacarse o papel que multitude de estudos e experiencias lles confiren como sentidos evocadores da memoria e, polo tanto, deberán formar parte das experiencias significativas que buscamos.