1.- Introdución

Como xa vimos comentando en anteriores bloques, cando facemos fronte á introdución de cambios no proceso de ensino-aprendizaxe, non existen receitas universais. E este caso non é diferente. A importancia do contexto será primordial e non se pode facilitar un catálogo con solucións universais, xa que estas non existen.

Cando falamos da percepción da arquitectura, dos espazos e das contornas, o primeiro condicionante é a propia cultura. Hall (1966) fai sempre fincapé nas diferentes percepcións segundo ela. Un espazo non será percibido de igual maneira na cultura oriental ou na occidental, e incluso dentro destas tamén establece diferentes matices entre países ou procedencias diversas. Tanizaki (1994) tamén establece innumerables diferencias entre a estética predominante en occidente e na cultura xaponesa. Parte da premisa de que, mentres en occidente a luz é a maior aliada da beleza, na estética tradicional nipoa o esencial é captar o enigma da sombra. Polo tanto, sen ter que chegar aos contrastes entre as antípodas do mundo, debemos ser conscientes de que as solucións deben ir adaptadas á realidade dos nosos centros.

Neste apartado, estableceremos diversas estratexias e escalas dende as que abordar á apropiación dos espazos e a rotura dos límites da aula, facilitando exemplos, ferramentas, guías… en cada caso, para que sirvan de inspiración ou orientación para afrontar os cambios nos nosos propios centros. Así, estableceremos cinco escalas:

      • Arquitectura do centro.
      • Microarquitecturas.
      • Implicación dos sentidos.
      • Uso da contorna.
      • Novas tecnoloxías.

Antes de comezar, cabe recordar que calquera dos cambios físicos os que fagamos referencia neste bloque deberán ir acompañados, inevitablemente, de cambios metodolóxicos se queremos que non queden en meros cambios estéticos baleiros de significado.

Vostede completou o 100% da lección
100%