A percepción da arquitectura
Percepción do espazo educativo
Polo tanto, do mesmo xeito que no mundo da arquitectura non se debe desdeñar o papel de cada un dos sentidos, dende o ámbito educativo non debemos tampouco esquecernos de que todos eles deben ser activados. E non debemos caer no erro de considerar a aula como ese caixón delimitado unicamente por catro paredes, senón entendela como o lugar ou contorna onde se produce o proceso de ensino-aprendizaxe. Se queremos acadar aprendizaxes significativas, as nosas aulas deberán entrar nesa categoría de arquitectura enriquecedora da que fala Pallasmaa e, sobre todo, non pensar unicamente nun contedor, recordando que hai vida alén das catro paredes
Como docentes, non debemos perseguir esa foto ou imaxe retiniana que nos transmite o mundo visual actual a través de publicacións, revistas e demais medios. Non se trata de converternos en influencers educativos, senón de comprender as necesidades do noso alumnado e de xerar contornas de aprendizaxe que o potencien. A análise dos espazos educativos dende unha perspectiva que englobe todos os sentidos, permitiranos facilitar a inclusión e a igualdade, achegando a perspectiva de xénero e creando contornas accesibles para todo o alumnado, especialmente para aquel con necesidades educativas especiais.