As metodoloxías e a súa implementación
Gamificación
A gamificación ou ludificación propón o aproveitamento de elementos dos xogos con fins educativos, co fin de lograr unha aprendizaxe significativa. Por exemplo, algúns dos elementos ou dinámicas que se poderían extrapolar son:
- Recoñecemento: clasificacións, "premios", insignias...
- Progresión: niveis, puntos...
- Teoría da cascada: desbloqueo de retos ou desafíos para acadar información e poder avanzar.
O MIT destaca a vertente liberadora do xogo, ao longo de 5 eixos diferenciados:
- Liberdade para o erro ou o fallo.
- Liberdade para experimentar.
- Liberdade para modelar identidades.
- Liberdade de esforzo.
- Liberdade de interpretación.
E tamén destaca diversos empregos do xogo no proceso de ensino-aprendizaxe, como:
- Creación, o xogo permite a creación dalgún elemento, construción, produto....
- Adquisición de contidos.
- Simulacións.
- Desencadeantes, como introdución a novos contidos.
- Promotores do uso das TIC.
- Cambios de rol.
- Recollida de información ou documentación.
- Pensamento crítico.
- Investigación.
Así, algúns dos beneficios que pode aportar esta metodoloxía son o aumento da motivación no alumnado, a promoción da autoavaliación (o alumnado é consciente do seu desempeño ou avance), o traballo en equipo a través do cooperativismo, a socialización, a xeración de experiencias positivas e significativas, etc.
Hai que destacar, que coa gamificación non se trata unicamente de xogar na aula, senón do emprego de ferramentas e dinámicas propias do xogo que permitan crear un clima propicio nas nosas clases.
Como nas metodoloxías anteriormente vistas, o protagonismo será ocupado polo alumnado e o profesorado será guía nese proceso de ensino-aprendizaxe.
No seguinte interactivo poderedes emparellar algunhas aplicacións, que vos permitirán achegar o mundo da gamificacións ás vosas clases, coas súas utilidades.