LOCALIZACIÓN DA HORTA
Requisitos de finalización
Ha obtenido 0 punto(s) sobre 0 hasta ahora.
¿ONDE ESTÁ O MELLOR SOLO?
PROFUNDIDADE
Canta maior profundidade teña o noso solo antes de atopar rocha, mellor. Lembra que para facer os bancais temos que remover a terra entre 40 e 60 centímetros de profundidade.
Por iso temos que facer un estudo das zonas posibles e descartas aquelas que teñan rocha moi preto da superficie.
DRENAXE DE AUGA
Hai terreos que reteñen a auga e enchárcanse cando chove ou pola acumulación de aguas de mananciais ou torrentes. Eses terreos temos que descartalos porque, como sabes, cando o solo ten exceso de auga non queda espazo para o osíxeno e como consecuencia as raíces apodrecen e os microorganismos descompoñedores non poden traballar.
PENDENTE
É mellor que o terreo onde estea a nosa horta sexa cha. Os terreos en pendente son máis difíciles de cultivar e ademais cando chove a auga, na súa caída pola pendente, arrastra os nutrientes do solo empobrecéndoo.
ACIDEZ
Como xa vimos para favorecer o crecemento das plantas é mellor que o solo sexa neutro, é dicir, nen ácido nen básico. Iso sabémolo facendo a medida dun parámetro que se chama pH.
O pH ideal para o solo é de 6.5.
Se o solo no noso centro ten un pH inferior, no momento de preparar os bancais, e de vez en cando ó longo do ano, teremos que engadir algunha substancia que faga que sexa menos ácido.
En cambio se o pH é superior a 6.5 basta con aportar a materia orgánica do compost.
A TEXTURA DO SOLO
A textura do solo ven dada polo contido de arxila, limo e area. O bo solo ten que ter unha boa proporción destes tres compoñentes.
Hai un experimento moi sinxelo para determinar a textura. Imos velo a continuación.
- Hai que coller na man unha mostra do solo e humedecela un pouco, sen que chegue a pegarse á man.
- Amásase ata que formamos unha boliña duns 3 centímetros de diámetro.
- Deixamos caer a bola. Se esta se rompe en moitos pedazos quere dicir que é moi areoso. Un solo areoso non terá unha boa estrutura para ser cultivado.
- Se non se rompe seguimos adiante e sobre unha superficie ou entre as mans intentamos facer un "churro" que vaia facéndose máis fino e aumentando de lonxitude. Se se fragmenta antes de chegar aos 10 cm. o solo aínda ten un contido demasiado alto de area.
- Se podemos chegar a facer un churro duns 15 cm. intentamos facer un semicírculo con el. Se non o conseguimos quere dicir que temos un solo cun bo equilibrio entre area, limo e arxila.
- Se podemos facer o semicírculo sen que o churro se rompa quere dicir que temos un solo demasiado arxiloso.
- Se podemos pechar o círculo e o churro segue sen romperse atopámonos cun solo excesivamente arxiloso.
A DECISIÓN FINAL
Despois de ter estudado o solo do terreo no que se atopa o voso centro podedes facer un plano onde reflictades as áreas de maior e menor calidade, para utilizalo nos seguintes pasos no deseño da horta.