5. A arte de finais do s. XIX e principios do s. XX

Impresión: sol nacente, de MonetImpresión: sol nacente (Claude Monet, 1872)

Na segunda metade do século XIX xorde en Francia o impresionismo. Este movemento artístico, cuxo nome parte do cadro de Monet Impresión: sol nacente, causou un grande escándalo pola orixinalidade das súas propostas. Ademais, sentou as bases da arte moderna, que se consolidará nas primeiras décadas do século XX cunha serie de movementos que romperán definitiva e radicalmente coa tradición europea: as vangardas.

As vangardas comprenden estilos moi diversos, pero teñen en común algo fundamental: o seu carácter experimental, arriscado, e o rexeitamento da estética clásica. Así, na pintura abandonáronse a perspectiva e o tratamento naturalista da cor e as formas, chegando a substituír a representación figurativa pola abstracción. En canto á escultura, asistimos a unha tendencia cara á simplificación de volumes na procura da depuración formal.

Entre os distintos estilos que se encadran nas chamadas vangardas atopamos o cubismo, o futurismo, o surrealismo, o dadaísmo ou o expresionismo, do que falaremos noutro apartado.

Escultura de Umberto BoccioniFormas únicas da continuidade no espazo (U. Boccioni, 1913)