U. D. 4: IMPERIALISMO E PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL
| Sitio: | Aula virtual do espazoAbalar |
| Curso: | Xeacronos 4 (Xeografía e Historia. 4º ESO) |
| Libro: | U. D. 4: IMPERIALISMO E PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | domingo, 28 de decembro de 2025, 5:08 AM |
1. Introdución
O período que vai desde o derradeiro terzo do século XIX ata 1918 caracterízase por unha crecente conflitividade que acompaña á formación das grandes potencias económicas e políticas nun contexto de constante desenvolvemento industrial.
O desenvolvemento económico de países europeos (Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Bélxica, etc.) e extraeuropeos (EUA e Xapón) vai ter como consecuencia a nivel mundial o auxe do imperialismo. A rivalidade económica e política entre as potencias rematará por desencadear o primeiro conflito bélico a escala mundial do século XX: a I Guerra Mundial ou Gran Guerra.
Na imaxe pode apreciarse unha división de infantería india que participou na Gran Guerra no bando da súa metrópole.
2. O Imperialismo
Entre 1870 e 1914 ten lugar a época do imperialismo, definida como o dominio directo ou influenza indirecta dun país (metrópole) sobre outro territorio ou territorios (colonias) que quedan sometidos. Fórmanse así os imperios coloniais, nos que a metrópole emprega a súa forza militar, económica e/ou política para manter a dependencia das colonias.
- Investiga en que se diferencian os conceptos de colonialismo e imperialismo. Anota as fontes consultadas.
2.1. Causas e desenvolvemento
- Económicas: a grande expansión do capitalismo no contexto da segunda Revolución Industrial caracterízase pola busca de materias primas abondosas, man de obra barata e novos mercados nos que vender os produtos industriais e realizar investimentos de capital.
- Demográficas: o incremento de poboación europea debido ao mantemento de altas taxas de natalidade e ao descenso da mortalidade, derivado das melloras hixiénicas e médicas, impulsou a posta en práctica de políticas favorecedoras da emigración por parte das potencias europeas.
- Científico-culturais: a exploración xeográfica, asociada ao descubrimento de novas fontes de riquezas, experimentou un gran pulo.
- Ideolóxicas: o eurocentrismo, que defendía a superioridade da relixión, a lingua e a cultura dos europeos de raza branca, empregouse para lexitimar o carácter "civilizador" do imperialismo en África e en Asia.
Este conxunto de causas, paralelas ao desenvolvemento económico das grandes potencias en Europa, EUA e Xapón, marcou o inicio dunha carreira colonizadora que afectou principalmente ao continente africano e a Asia. Houbo conferencias internacionais para tentar ordenar o proceso colonizador, como a Conferencia de Berlín, pero na práctica os incidentes entre as potencias imperialistas, coma o caso de Fachoda, e a tensión política internacional non deixaron de aumentar.


a. Busca información sobre a Conferencia de Berlín, na que se tratou a cuestión do colonialismo en África, e anota os principais acordos entre os participantes.
b. Busca información sobre o incidente de Fachoda: lugar, cronoloxía e países implicados.
2.2. Consecuencias
O dominio do mundo supuxo un motivo máis de competencia para os principais imperios coloniais europeos: todos querían máis recursos naturais, máis territorios para aumentar o seu prestixio, máis man de obra e, axiña, máis soldados para unha guerra que semellaba inminente.
Coa axuda destes documentos, poderemos facer unha síntese das consecuencias do imperialismo, tanto para as metrópoles como para as colonias.
DOC 1.-
Hai un segundo punto que debo igualmente abordar: é o lado humanitario e civilizador da cuestión. É preciso dicir abertamente que, en efecto, as razas superiores teñen un dereito con respecto ás razas inferiores porque existe un deber cara a elas. As razas superiores teñen o deber de civilizar ás razas inferiores.
Discurso de JULES FERRY (1885)
DOC 2.-
Deixarán vostedes que outros distintos de nós se establezan en Túnez, que outros que non sexamos nós se sitúen na desembocadura do río Vermello [Vietnam], que outros que non sexamos nós disputen as rexións da África ecuatorial? (...) Nesta Europa, nesta competencia de tantos rivais que medran arredor nosa, a política do recollemento ou da abstención non é outra que o camiño cara á decadencia.

Discurso de JULES FERRY (1885)
DOC 3.-
A conquista da terra, que a meirande parte das veces significa roubar o territorio de seres de diferente cor ou de nariz máis aplanado có noso, non é unha cousa nada agradable cando se mira de preto.
JOSEPH CONRAD (1857-1924)
DOC 4.-
O noso obxectivo ao conquistar a India, o obxecto de todas as nosas crueldades, non foi outro cós cartos... Dise que da India se obtiveron uns mil millóns de libras esterlinas nos últimos noventa anos (1756-1846). Cada un destes xilins sacouse dun charco de sangue, limpouse a conciencia e foi parar ao peto dos asasinos. Porén, por moito que se limpe, esa "maldita mancha" non sairá xamais.
Sir C. NAPIER (1847)
DOC 5.-
Cando soubemos que un home de pel branca viña polo Luaba, quedamos moi sorprendidos (...). "Daremos unha gran festa", ordenei, "recibiremos solemnemente aos nosos irmáns e acompañarémolos ao poboado (...)". Puxémonos en marcha, a miña piragua diante para darlle a benvida. Pero ao achegarnos á súa embarcación oíuse "paff!, paff!" e os paus de ferro cuspiron lume contra nós (...). Non chegaba un irmán, senón o peor dos inimigos que contemplou o noso país.
Relato do cacique MOJIMBA a un misioneiro (P. HERMANN: Audacia e heroísmo dos descubrimentos modernos)
DOC 6.-
Nós comprobamos, bárbaros ingleses, que desenvolvestes unha natureza e costumes de lobo, saqueando e roubando bens pola forza (...). Viñestes ao noso país con espírito de lucro. Que sabedes de nós? A vosa ansia de ganancia semella a voracidade dos animais. Ignorades as nosas leis e as nosas institucións; nada sabedes de principios xustos (...). Máis aló da fortaleza dos vosos barcos, da violencia dos vosos fusís e da potencia dos vosos canóns, que outras cualidades tedes?
Panfleto dunha sociedade secreta china. (Cantón, 1856)

- Coa axuda dos documentos, elabora unha redacción sobre as consecuencias do imperialismo para colonias e metrópoles.
3. A Primeira Guerra Mundial: causas e evolución
"A guerra volve estúpido ao vencedor e rancoroso ao vencido"
F. Nietzsche (1844-1900)

- A nivel político, participaron países europeos, colonias e potencias como EUA e Xapón, de xeito que non quedou ningún continente habitado que non entrase directa ou indirectamente na contenda.
- A nivel económico, as potencias mundiais orientaron a súa economía, enormemente desenvolvida baixo os parámetros da segunda Revolución Industrial, á guerra, o que supuxo a creación de exércitos numerosos e tecnoloxicamente moi dotados con adiantos armamentísticos (fusís automáticos, ametralladoras, tanques, aviación militar, gases tóxicos...) que farán que as baixas nas frontes acaden cifras nunca vistas.
- A nivel ideolóxico, os Estados fomentarán a guerra como expresión do patriotismo a través da propaganda, de xeito que se xeran relatos maniqueos nos que se exalta a xustiza das aspiracións propias e a maldade
do rival. Isto, sumado á confianza na propia superioridade, fará que, en vésperas do conflito, boa parte da poboación dos países europeos desexase unha guerra que consideraba xusta e doada de gañar.

- Le o texto, observa a imaxe e sinala con que elementos da I Guerra Mundial se relacionan.
"Durante os calorosos días de finais de xullo, eu estaba en Cambridge, discutindo a situación con todo o mundo. Consideraba imposible crer que Europa estivese tan tola como para precipitarse á guerra, pero estaba convencido de que, se chegaba a haber guerra, Inglaterra veríase involucrada. Desexaba vivamente que Inglaterra permanecese neutral, polo que recollín sinaturas dun amplo número de profesores e compañeiros para unha declaración que, a tal efecto, apareceu no Manchester Guardian. O día que a guerra foi declarada case todos eles cambiaron de parecer. Botei a tarde paseando polas rúas, especialmente as próximas a Trafalgar Square, observando a un entusiasmado xentío que me facía a min mesmo sensible a tales emocións. (...) Eu supuxera inxenuamente o que a maioría dos pacifistas afirmaban: que as guerras eran unha imposición de gobernos despóticos e maquiavélicos sobre unha poboación que as rexeitaba. (...)”
BERTRAND RUSSELL (1872-1970): Autobiografía.

Cartel do exército dos EUA (1917)
3.1. Causas

Desde o derradeiro terzo do século XIX as tensións e conflitividade entre as potencias europeas non deixaron de medrar, xerando un contexto de tensión política no que era inminente —e ata desexado— un conflito a grande escala. Podemos sinalar as seguintes causas da Gran Guerra, que interactúan entre elas retroalimentándose nun contexto de inestabilidade crecente.
- Causas económicas: no contexto da segunda revolución industrial, a hexemonía económica británica enfrontouse ao gran crecemento de Alemaña, que acompañou o seu desenvolvemento industrial dunha activa política de reforzamento do seu sector naval para disputar o liderado británico no comercio marítimo.
- Causas derivadas do imperialismo: a expansión imperialista das principais potencias europeas na busca de espazos nos continentes asiático e, sobre todo, africano para obter un beneficio económico ou un prestixio político xerou enfrontamentos e propiciou o establecemento dun sistema de alianzas que preparou o camiño cara á guerra.
- Tensións territoriais en Europa: xunto coas disputas nas áreas coloniais, intensifícanse as tensións relacionadas cos territorios europeos que eran reclamados por varios países, como por exemplo Alsacia e Lorena, reivindicados por Francia e Alemaña; ou o caso da área balcánica, que se converteu na zona máis inestable de Europa ao coincidir tanto a desintegración progresiva do Imperio Otomán como os intereses enfrontados de potencias como Austria, Alemaña, Rusia ou Italia.
- Intensificación das posturas nacionalistas e patrióticas: as potencias europeas incrementaron os discursos de exaltación nacional e confrontación contra os países considerados rivais para xerar unha opinión pública favorable a un conflito que só precisaba dunha chispa para prender.
- Sistema de alianzas: as tensións e rivalidades entre as potencias europeas derivou no establecemento de dous bloques que rematarían por ser os contendentes na guerra. Por unha banda estaban as potencias centrais ou Triple Alianza (Alemaña, Imperio Austrohúngaro e Italia, se ben esta última rematará por cambiar de bando e será substituída na alianza polo Imperio Otomán) e a Tripla Entente (Gran Bretaña, Francia e Rusia).
O detonante: Saraxevo, 28 de xuño de 1914.
O suceso histórico que supón o inicio da Primeira Guerra Mundial ten lugar na zona balcánica en 1914, cando o herdeiro do Imperio Austrohúngaro, Francisco Fernando, é asasinado nas rúas de Saraxevo por un estudante serbio contrario á influenza austríaca nos Balcáns. A partir deste feito, o sistema de alianzas activouse e comezou a guerra.

- Busca información sobre conflitos imperialistas entre 1901 e 1914 que exemplifiquen a tensión entre as potencias europeas. Anota as fontes consultadas.
3.2. Evolución

Axiña foi evidente que a guerra non sería o rápido conflito ao que aludía constantemente a propaganda de todos os contendentes: a formación de numerosos exércitos polo recrutamento dun grande número de soldados, a orientación das economías cara á guerra e as innovacións tecnolóxicas que se puxeron en marcha na fronte déronlle nome á Gran Guerra e convertérona nun escenario de destrución xamais vista.
O conflito desenvolveuse en varias fases:
1.- Guerra de movementos (1914):
- Na fronte occidental, Alemaña atacou Francia despois de invadir Luxemburgo e Bélxica. Deste xeito, en poucos días o exército alemán chegou a estar a uns 50 kilómetros de París. Este avance foi detido na batalla do Marne por tropas francesas e británicas.
- Na fronte oriental, Rusia foi derrotada polos alemáns en Tannenberg, pero esta vitoria non supuxo un avance significativo xermano no territorio. Paralelamente, as tropas austrohúngaras atacaron Serbia, sen lograr obxectivos relevantes.
2.- Guerra de posicións (1915 - 1917): as
frontes estabilizáronse e comezou a guerra de trincheiras. Os avances foron practicamente inexistentes e a un elevado custo de baixas: as ofensivas alemás de Verdún e franco-británica do Somme remataron
sen que ningún dos bloques conseguise unha vitoria relevante e cun número de baixas que superou, entre ámbolos dous bandos, os dous millóns de soldados (con arredor de 600000 mortos ou desaparecidos). Se queres ver un mapa da fronte estancada entre
1915 e 1916, preme aquí.
3.- A crise de 1917:
- Na fronte oriental, a revolución bolxevique que tivo lugar en Rusia fixo que este país solicitase o armisticio e negociase a paz con Alemaña, que puido orientar os seus recursos militares cara á fronte oriental, contra Francia e Gran Bretaña.
- Na fronte occidental, os EUA entraron na guerra no bando de Gran Bretaña e Francia, xustificando a súa decisión nos ataques dos submarinos alemáns aos seus barcos. Aportaron case un millón de soldados e abondosa subministración bélica.
4.- A fin da Gran Guerra (1918): derrotadas Austria-Hungría e o Imperio Otomán, Alemaña resistiu e mesmo comezou unha derradeira ofensiva na segunda batalla do Marne, fracasando ante as tropas francesas, británicas e estadounidenses. Ante esta situación, tanto no exército como na sociedade xermana comezaron revoltas obreiras e protestas contra a continuación da guerra. O temor a unha revolución como a bolxevique rusa precipitou a decisión de poñer fin á guerra: o káiser Guillermo II abdicou, proclamouse a República de Weimar e o 11 de novembro de 1918 Alemaña asinou o armisticio. Remataba deste xeito a Gran Guerra.

- Investiga cal é a relación dos seguintes conceptos coa Gran Guerra: plano Schlieffen, paz de Brest-Litovsk, cruceiro Lusitania. Anota as fontes consultadas.
4. A I Guerra Mundial: consecuencias

O final da Gran Guerra trouxo unha nova situación mundial que se pode abordar poñendo o foco en diferentes aspectos: as posturas políticas de vencedores e vencidos, a consolidación dos EUA como potencia mundial, a revolución bolxevique en Rusia, que cuestiona o capitalismo e o liberalismo como sistemas dominantes e que serve de espello para o movemento obreiro, etc.
A complexidade deste contexto histórico comeza co deseño da posguerra nos tratados que poñen fin á Gran Guerra e que, lonxe de asegurar a paz e a estabilidade internacionais, serán semente do seguinte conflito mundial.
4.1. Os tratados de paz
- Os EUA buscaban a estabilidade internacional, fortalecendo as bases do liberalismo político e do capitalismo económico fronte á revolución bolxevique de Rusia. Os postulados estadounidenses están recollidos nos denominados 14 puntos de Wilson.
- Os países europeos vencedores, especialmente Francia, querían compensacións polos cuantiosos danos sufridos, reparacións de guerra que debían proceder especialmente de Alemaña. Esas peticións estaban dominadas por un forte sentimento de desquite provocado por afrontas pasadas.

Finalmente, impúxose a postura francesa e Alemaña viuse obrigada a asinar o Tratado de Versalles o 28 de xuño de 1919. As condicións deste tratado, que consideraban a Alemaña e os seus aliados os únicos responsables da guerra, eran moi duras para o país xermano e serán a orixe de futuros conflitos. Resúmense nos seguintes puntos:
- Francia recuperaba Alsacia e Lorena.
- As posesións coloniais alemás foron repartidas entre os vencedores.
- Establecíase o pagamento de elevadísimas reparacións de guerra que Alemaña debía sufragar anualmente aos vencedores.
- A rexión de Renania, fronteiriza con Francia, quedaba completamente desmilitarizada.
- Alemaña vía como o seu exército quedaba practicamente disolto, limitándose o seu poder militar a un número de soldados e armamento case testemuñal.
- O territorio oriental alemán quedaba dividido e dúas partes, co fin de facilitar unha saída ao mar ao novo estado polaco a través do corredor de Danzig (Gdansk en polaco).
Estas condicións que Alemaña se viu obrigada a asinar (pero que nunca aceptou) foron consideradas unha humillante imposición e un abuso (Diktat) que espertaría nos alemáns desexos de desquite e que, xunto cunha crise económica galopante, crearía no país o contexto perfecto para o futuro agromo do nazismo.
Ademais do de Versalles, tamén se asinaron outros tratados co resto de potencias derrotadas:
- O de Saint Germain con Austria.
- O de Sévres con Turquía.
- O de Trianon con Hungría.
- O de Neuilly con Bulgaria.

- Le os textos con atención e responde as cuestións.
[A foto que ilustra a actividade recolle unha conversa informal entre catro dos protagonistas do Tratado de Versalles. De esquerda a dereita: Lloyd George, Vittorio Orlando, Georges Clemenceau e Woodrow Wilson.]
TEXTO 1
Memorando de Lloyd George (británico) do 25 marzo de 1919: Desde todos os puntos de vista, penso que debemos esforzarnos por establecer un acordo de paz como se fósemos árbitros imparciais, esquecendo as paixóns da guerra. Este acordo deberá ter tres obxectivos: ante todo, facer xustiza aos Aliados, tendo en conta a responsabilidade de Alemaña nas orixes e nos métodos da guerra; seguidamente, o acordo debe ser tal que un goberno aleman consciente das súas responsabilidades poida asinalo considerando que poderá cumprir as obrigas que subscribiu; por último, este acordo non deberá ter ningunha cláusula cuxa natureza poida provocar novas guerras, e deberá ofrecer unha alternativa ao bolxevismo, porque será para as xentes razonables unha solución igualitaria do problema europeo.
DAVID LLOYD GEORGE, Some considerations for the Peace conference, 1919
TEXTO 2
O Presidente Wilson (EUA) dirixíndose a Clemenceau no Consello dos Catro: Espero que vostede estea de acordo, en principio, co Sr. Lloyd George na moderación que é preciso mostrar con Alemaña. Non queremos nin poderiamos destruíla: o noso maior erro sería darlle razóns poderosas para que quixera un día desquitarse. Cláusulas excesivas plantarían a semente segura da guerra [...]. É preciso que evitemos dar aos nosos inimigos a impresión de inxustiza. Non temo para o futuro as guerras preparadas por complots secretos dos gobernos, senón máis ben os conflitos creados polo descontento dos pobos. Se nos facemos a nós mesmos culpables de inxustiza, ese descontento é inevitable.
P. MANTOUX, Les Délibérations du conseil des Quatre, C.N.R.S., 1955
TEXTO 3
Georges Clemenceau (francés), dirixíndose ao Consello dos Catro: Tomo acta das palabras e das excelentes intencións do Presidente Wilson. El elimina o sentimento e o recordo: é aí onde teño unha observación que facer ao respecto do que acaba de dicir. O presidente dos EUA descoñece o fondo da natureza humana. O feito da guerra non pode ser esquecido. América non viu esta guerra de preto durante os tres primeiros anos; nós, durante ese tempo, perdemos un millón e medio de homes. Non nos queda man de obra. Os nosos amigos ingleses, que perderon menos ca nós pero o bastante para tamén ter sufrido moito, comprenderanme.
As probas que tivemos que pasar crearon un sentimento profundo sobre as reparacións que nos son debidas; e non se trata só de reparacións materiais: a necesidade de reparacións morais non é menos forte [...].
Buscades facer xustiza aos alemáns. Non pensedes que eles nos van perdoar, buscarán a ocasión de desquitarse, nada destruirá a rabia de aqueles que quixeron establecer a súa dominación no mundo e que se sentiron tan preto de conseguilo.
PIERRE RENOUVIN, Le traité de Versailles, Paris, 1969
CUESTIÓNS:
-
Despois de ler os textos e facendo referencia a eles, sintetiza as posturas de Gran Bretaña, Francia, Estados Unidos e Alemaña tendo en conta a súa experiencia durante a guerra e os antecedentes históricos.
-
Busca información sobre la situación de Alemaña nos inicios de 1919 e comenta as razóns do temor de Lloyd George ante a expansión do bolxevismo.
-
Resume brevemente como quedaron finalmente os acordos do Tratado de Versalles.
4.2. A nova orde mundial
" O dicionario da guerra foi feito polos diplomáticos, os militares e os gobernantes. Deberían corrixilo os que volven das trincheiras, as viúvas, os orfos, os médicos e os poetas"
(Arthur Schnitzler, 1862-1931)
Os tratados de paz firmados que poñían fin ao conflito estableceron unha nova orde mundial na que Europa, semidestruída, arruinada, desgastada, endebedada e esgotada mental e demograficamente, perdía a súa hexemonía en favor de potencias emerxentes como Estados Unidos ou Xapón.
Porén, as consecuencias da guerra máis grande que viran os ollos humanos foron moito máis profundas e podemos dividilas en varias categorías:
CONSECUENCIAS POLÍTICAS. A máis importante é a creación dun novo mapa de Europa, que leva parella unha nova situación política resumida nos seguintes puntos:
- Desaparición das grandes dinastías e desintegración dos antigos imperios derrotados, como o turco, que limitou o territorio a Turquía e foi rodeado de protectorados tutelados por ingleses e franceses, como Iraq, Siria, Líbano ou Palestina. Tamén o imperio austrohúngaro viu como Austria se convertía nunha pequena república e xurdían novos estados ao seu redor, como Hungría, Checoslovaquia ou Iugoslavia. Pola súa banda, Alemaña perdeu unha importante parte do seu territorio, sobre todo na parte oriental.
- Illamento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (a URSS), que era considerada un perigo polos sistemas liberais europeos. Para iso, e a modo de tapón, creáronse Polonia e Romanía, ademais de estados como Finlandia, Estonia, Letonia e Lituania.
- Unha das consecuencias das modificacións territoriais dos dous puntos anteriores foi que importantes núcleos de poboación quedasen dentro das fronteiras de estados distintos á súa etnia ou cultura (por exemplo, alemáns baixo dominio checoslovaco ou húngaros en Romanía). Polo tanto, ao tentar solucionar os problemas dunhas nacionalidades, creábanse o xerme de posteriores conflitos.
- A presión do presidente norteamericano Wilson impulsou a creación da Sociedade de Nacións, con sé en Xenebra (Suíza). O seu obxectivo era manter a paz e resolver os conflitos entre países mediante negociacións. Sen embargo, a súa eficacia foi moi limitada, xa que non estaban presentes países como Rusia, Alemaña, Italia ou o mesmo Estados Unidos, cuxo Congreso rexeitou a súa incorporación.
Para ver nun mapa a situación descrita anteriormente, preme aquí.
CONSECUENCIAS SOCIAIS.
- As cifras do conflito falan por si mesmas: sesenta e cinco millóns de persoas mobilizadas, dez millóns de mortos, dous millóns de viúvas, catro millóns de orfos... A iso teríamos que engadir os millóns de feridos, mutilados e desaparecidos. Ademais, a poboación europea sufriu moito na recuperación, debido á gran mortalidade e ao descenso da natalidade e a man de obra.
- O empobrecemento da poboación provocou tensións sociais.
- As mulleres, que conseguiran certos avances de carácter social durante o conflito, experimentaron un retroceso ao finalizar a guerra. Ao volver os homes incorporarse ao mundo laboral, desprazáronas de novo ao ámbito doméstico. Non había traballo para todos e as mulleres volveron ser as que quedaron no paro.

CONSECUENCIAS ECONÓMICAS. A destrución material en Europa foi brutal en cidades, campos, fábricas, infraestruturas... especialmente en países como Francia, Bélxica e norte de Italia. A reconstrución ía ser esixente e difícil para as economías debilitadas polo conflito:
- Emitiuse máis moeda e aumentouse a débeda pública, o cal provocou unha forte inflación (subida de prezos).

- Tiveron que solicitarse cuantiosos préstamos, recorrendo sistematicamente ao endebedamento.
- O gran beneficiado da situación europea foi Estados Unidos, convertido no máximo provedor de recursos e produtos industriais e maior prestamista. Estados Unidos viviu neste momento a súa época máis dourada (os felices anos vinte) e converteuse na primeira potencia económica mundial.
5. A arte de finais do s. XIX e principios do s. XX
Impresión: sol nacente (Claude Monet, 1872)
Na segunda metade do século XIX xorde en Francia o impresionismo. Este movemento artístico, cuxo nome parte do cadro de Monet Impresión: sol nacente, causou un grande escándalo pola orixinalidade das súas propostas. Ademais, sentou as bases da arte moderna, que se consolidará nas primeiras décadas do século XX cunha serie de movementos que romperán definitiva e radicalmente coa tradición europea: as vangardas.
As vangardas comprenden estilos moi diversos, pero teñen en común algo fundamental: o seu carácter experimental, arriscado, e o rexeitamento da estética clásica. Así, na pintura abandonáronse a perspectiva e o tratamento naturalista da cor e as formas, chegando a substituír a representación figurativa pola abstracción. En canto á escultura, asistimos a unha tendencia cara á simplificación de volumes na procura da depuración formal.
Entre os distintos estilos que se encadran nas chamadas vangardas atopamos o cubismo, o futurismo, o surrealismo, o dadaísmo ou o expresionismo, do que falaremos noutro apartado.
Formas únicas da continuidade no espazo (U. Boccioni, 1913)
5.1. O impresionismo
Na segunda metade do século XIX, Xapón abriu as súas fronteiras á influencia occidental, inaugurando así un intercambio cultural que non cesará. Nos inicios deste intercambio foron de grande importancia os
gravados xaponeses da arte "Ukiyo-e", moi valorados polos primeiros pintores impresionistas. O tema principal deses gravados eran a vida cotiá e as paisaxes e, en canto á forma, tratábase de debuxos nítidos, con cores luminosas e variadas, liñas onduladas e practicamente ausencia de sombras. Ademais, mostraban pouca preocupación pola perspectiva e a simetría. Entre os autores xaponeses con máis influencia nos pintores europeos podemos citar a Hokusai (cuxa obra A gran ola de Kanagawa, de arredor do ano 1831, ilustra este texto) ou Hiroshige.
Así, podemos dicir que o gran movemento artístico da segunda metade do século XIX, o impresionismo, recibiu claras influencias da arte oriental relacionadas cunha nova forma de comprender a beleza ou a luz. Outras influenzas son os avances científicos e técnicos nos campos da óptica e da fotografía. O desenvolvemento desta última abriu novos camiños para a arte máis aló do realismo: a pintura deixaba de ser, por exemplo, o único xeito de retratar.
Entre os trazos máis destacados do impresionismo podemos citar os seguintes:
- A luz é a gran protagonista do cadro e os contornos dilúense. Así, as cousas non se definen, senón que se pinta a impresión visual desas cousas.
- A pincelada non se oculta, senón que se volve máis solta, e as cores son puras.
- Os artistas saen dos seus estudos e pintan ao aire libre, coa intención de captar o momento fugaz, pois o mesmo obxecto cambia de aspecto segundo as estacións e o momento do día.
Entre os principais representantes do movemento impresionista podemos citar a Claude Monet, Pierre-Auguste Renoir ou Camille Pisarro. Así mesmo, podemos sinalar que a influenza do impresionismo se deixa sentir nos denominados postimpresionistas, un grupo de artistas que non constitúen unha escola pictórica senón que destacan pola súa orixinalidade e por influír nas vangardas de principios do século XX: Paul Gauguin, Vincent Van Gogh e Paul Cezanne.
A historia da arte, como podemos ver, privilexiou aos homes pintores do impresionismo (e en xeral de calquera estilo). Porén, tamén existiron no século XIX destacadas mulleres pintoras nos movementos de renovación e vangarda, entre as que podemos sinalar a Berthe Morisot (cuxa obra Día de verán, de 1879 podemos ver aquí abaixo), Mary Cassatt ou Louise Breslau.
Día de verán, de Berthe Morisot (1879)

Realiza as seguintes actividades, anotando as fontes empregadas en cada caso.
a. Ao longo da súa vida, Monet fixo moitas veces o mesmo que fixera Hokusai co monte Fuji, ¿de que se trata? Ilústrao tomando como exemplo algunha obra destes pintores.
b. Investiga a relación destas dúas obras de Van Gogh coa arte xaponesa:

5.2. O expresionismo: unha arte para unha guerra.
Entre os movementos de vangarda máis representativos do que significou a Primeira Guerra Mundial destaca sen dúbida o expresionismo, desenvolvido principalmente en Alemaña coa finalidade de manifestar a amargura e o malestar existencial producidos pola crise dos ideais sociais e os horrores da guerra. Para expresar eses sentimentos, os pintores expresionistas recorren á deformación das figuras e á utilización de cores que dan lugar a contrastes violentos e estridentes. Entre as cores non existe, pois, harmonía, senón disonancia e, en ocasións, os rostros humanos semellan máscaras máis ca rostros, polo que as figuras presentan un aspecto fero e caricaturesco. Así, os arquetipos de beleza tradicional son destruídos deliberadamente.
En canto aos representantes da pintura expresionista alemá, destacan Emil Nolde, Max Beckmann, Gabriele Münter ou Ernst Ludwig Kirchner. Deste último é unha das pinturas máis características deste período, Autorretrato como soldado (1915), pintado despois de alistarse voluntariamente no exército á idade de 35 anos.

Neste cadro, Kirchner aparece en primeiro plano no seu estudio de pintor, vestindo o uniforme de soldado e cun cigarro apagado entre os beizos. Dirixe o seu ollar baleiro e ausente cara ao espectador e semella non advertir a modelo espida que hai detrás del. A sensación de desacougo que rodea o cadro é unha mostra do estado anímico do artista, angustiado por unha guerra que non comprende e que lle provoca a perda da súa propia identidade e mesmo o seu afastamento voluntario do mundo da arte (do que fora un grande activista), simbolizado aquí na man amputada e na modelo espida á que el é totalmente alleo. A man, un toco en carne viva é unha falsa ferida de guerra que reflicte os medos e obsesións do artista. A potente cor empregada, con tonalidades intensas e vivas, remarca a sensación de angustia e crise vividas por Kirchner nesa época.
6. Licenzas de imaxes
LICENZAS DE IMAXES _UNIDADE DIDÁCTICA 4: IMPERIALISMO E PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL
Infantería india do exército británico - DP (wikimedia commons)
Caricatura sobre o reparto de China - DP (wikimedia commons)
Mapa do reparto de África - CC BY NC SA (kairós)
Imperios coloniais en 1914 - CC BY Andrew0921 (wikimedia commons)
Viñeta sobre o reparto de África desde o punto de vista español - DP (wikimedia commons)
Soldados alemáns camiño de París - DP (wikimedia commons)
Propaganda exército estadounidense (1917) - DP (wikimedia commons)
Asasinato de Francisco Fernando - DP (wikimedia commmons)
Mapa da evolución da guerra 1914-18 - CC BY NC SA (kairós)
Trincheira na batalla do Somme (1916) DP - (wikimedia commons)
Tumbas de soldados non identificados da Primeira Guerra Mundial - DP (pixabay)
“Sinatura da Paz no salón dos espellos de Versalles” (William Orpen, 1919) - DP (wikimedia commons)
Participantes no Tratado de Versalles - DP (wikimedia commons)
Cartel “Women win the war” - DP (wikimedia commons)
Mulleres traballando nunha fábrica - DP (wikimedia commons)
Mulleres conducindo un tranvía - DP (wikimedia commons)
Viñeta sobre os préstamos dos EUA a Alemaña - DP (wikimedia commons)
“Impresión: sol nacente”, de Monet - DP (wikimedia commons)
Escultura de Umberto Boccioni - DP (wikimedia commons)
“A ola de Kanagawa”, de Hokusai - DP (wikimedia commons)
“Día de verán”, de Berthe Morisot (1879) - DP (wikimedia commons)
“Retrato de Pére Tanguy”, de Van Gogh (1887-8) - DP (wikimedia commons)
“Ponte baixo a choiva (segundo Hiroshige), de Van Gogh (1887) - DP (wikimedia commons)
“Autorretrato como soldado” de E.L. Kirchner 1915 - DP (wikimedia commons)
