5. A arte de finais do s. XIX e principios do s. XX

5.1. O impresionismo

Na segunda metade do século XIX, Xapón abriu as súas fronteiras á influencia occidental, inaugurando así un intercambio cultural que non cesará. Nos inicios deste intercambio foron de grande importancia os A gran ola de Hokusaigravados xaponeses da arte "Ukiyo-e", moi valorados polos primeiros pintores impresionistas. O tema principal deses gravados eran a vida cotiá e as paisaxes e, en canto á forma, tratábase de debuxos nítidos, con cores luminosas e variadas, liñas onduladas e practicamente ausencia de sombras. Ademais, mostraban pouca preocupación pola perspectiva e a simetría. Entre os autores xaponeses con máis influencia nos pintores europeos podemos citar a Hokusai (cuxa obra A gran ola de Kanagawa, de arredor do ano 1831, ilustra este texto) ou Hiroshige.

Así, podemos dicir que o gran movemento artístico da segunda metade do século XIX, o impresionismo, recibiu claras influencias da arte oriental relacionadas cunha nova forma de comprender a beleza ou a luz. Outras influenzas son os avances científicos e técnicos nos campos da óptica e da fotografía. O desenvolvemento desta última abriu novos camiños para a arte máis aló do realismo: a pintura deixaba de ser, por exemplo, o único xeito de retratar.

Entre os trazos máis destacados do impresionismo podemos citar os seguintes:

  • A luz é a gran protagonista do cadro e os contornos dilúense. Así, as cousas non se definen, senón que se pinta a impresión visual desas cousas.
  • A pincelada non se oculta, senón que se volve máis solta, e as cores son puras.
  • Os artistas saen dos seus estudos e pintan ao aire libre, coa intención de captar o momento fugaz, pois o mesmo obxecto cambia de aspecto segundo as estacións e o momento do día.

Entre os principais representantes do movemento impresionista podemos citar a Claude Monet, Pierre-Auguste Renoir ou Camille Pisarro. Así mesmo, podemos sinalar que a influenza do impresionismo se deixa sentir nos denominados postimpresionistas, un grupo de artistas que non constitúen unha escola pictórica senón que destacan pola súa orixinalidade e por influír nas vangardas de principios do século XX: Paul Gauguin, Vincent Van Gogh e Paul Cezanne.

A historia da arte, como podemos ver, privilexiou aos homes pintores do impresionismo (e en xeral de calquera estilo). Porén, tamén existiron no século XIX destacadas mulleres pintoras nos movementos de renovación e vangarda, entre as que podemos sinalar a Berthe Morisot (cuxa obra Día de verán, de 1879 podemos ver aquí abaixo), Mary Cassatt ou Louise Breslau.

Día de verán, de Berthe MorisotDía de verán, de Berthe Morisot (1879)


NOTA INVESTIGA

Realiza as seguintes actividades, anotando as fontes empregadas en cada caso.

a. Ao longo da súa vida, Monet fixo moitas veces o mesmo que fixera Hokusai co monte Fuji, ¿de que se trata? Ilústrao tomando como exemplo algunha obra destes pintores.

b. Investiga a relación destas dúas obras de Van Gogh coa arte xaponesa:

Retrato de Pére Tanguy, de Van Gogh       Ponte de Hiroshige pintado por Van Gogh