U. D. 4: IMPERIALISMO E PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL
4. A I Guerra Mundial: consecuencias
4.2. A nova orde mundial
" O dicionario da guerra foi feito polos diplomáticos, os militares e os gobernantes. Deberían corrixilo os que volven das trincheiras, as viúvas, os orfos, os médicos e os poetas"
(Arthur Schnitzler, 1862-1931)
Os tratados de paz firmados que poñían fin ao conflito estableceron unha nova orde mundial na que Europa, semidestruída, arruinada, desgastada, endebedada e esgotada mental e demograficamente, perdía a súa hexemonía en favor de potencias emerxentes como Estados Unidos ou Xapón.
Porén, as consecuencias da guerra máis grande que viran os ollos humanos foron moito máis profundas e podemos dividilas en varias categorías:
CONSECUENCIAS POLÍTICAS. A máis importante é a creación dun novo mapa de Europa, que leva parella unha nova situación política resumida nos seguintes puntos:
- Desaparición das grandes dinastías e desintegración dos antigos imperios derrotados, como o turco, que limitou o territorio a Turquía e foi rodeado de protectorados tutelados por ingleses e franceses, como Iraq, Siria, Líbano ou Palestina. Tamén o imperio austrohúngaro viu como Austria se convertía nunha pequena república e xurdían novos estados ao seu redor, como Hungría, Checoslovaquia ou Iugoslavia. Pola súa banda, Alemaña perdeu unha importante parte do seu territorio, sobre todo na parte oriental.
- Illamento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (a URSS), que era considerada un perigo polos sistemas liberais europeos. Para iso, e a modo de tapón, creáronse Polonia e Romanía, ademais de estados como Finlandia, Estonia, Letonia e Lituania.
- Unha das consecuencias das modificacións territoriais dos dous puntos anteriores foi que importantes núcleos de poboación quedasen dentro das fronteiras de estados distintos á súa etnia ou cultura (por exemplo, alemáns baixo dominio checoslovaco ou húngaros en Romanía). Polo tanto, ao tentar solucionar os problemas dunhas nacionalidades, creábanse o xerme de posteriores conflitos.
- A presión do presidente norteamericano Wilson impulsou a creación da Sociedade de Nacións, con sé en Xenebra (Suíza). O seu obxectivo era manter a paz e resolver os conflitos entre países mediante negociacións. Sen embargo, a súa eficacia foi moi limitada, xa que non estaban presentes países como Rusia, Alemaña, Italia ou o mesmo Estados Unidos, cuxo Congreso rexeitou a súa incorporación.
Para ver nun mapa a situación descrita anteriormente, preme aquí.
CONSECUENCIAS SOCIAIS.
- As cifras do conflito falan por si mesmas: sesenta e cinco millóns de persoas mobilizadas, dez millóns de mortos, dous millóns de viúvas, catro millóns de orfos... A iso teríamos que engadir os millóns de feridos, mutilados e desaparecidos. Ademais, a poboación europea sufriu moito na recuperación, debido á gran mortalidade e ao descenso da natalidade e a man de obra.
- O empobrecemento da poboación provocou tensións sociais.
- As mulleres, que conseguiran certos avances de carácter social durante o conflito, experimentaron un retroceso ao finalizar a guerra. Ao volver os homes incorporarse ao mundo laboral, desprazáronas de novo ao ámbito doméstico. Non había traballo para todos e as mulleres volveron ser as que quedaron no paro.

CONSECUENCIAS ECONÓMICAS. A destrución material en Europa foi brutal en cidades, campos, fábricas, infraestruturas... especialmente en países como Francia, Bélxica e norte de Italia. A reconstrución ía ser esixente e difícil para as economías debilitadas polo conflito:
- Emitiuse máis moeda e aumentouse a débeda pública, o cal provocou unha forte inflación (subida de prezos).

- Tiveron que solicitarse cuantiosos préstamos, recorrendo sistematicamente ao endebedamento.
- O gran beneficiado da situación europea foi Estados Unidos, convertido no máximo provedor de recursos e produtos industriais e maior prestamista. Estados Unidos viviu neste momento a súa época máis dourada (os felices anos vinte) e converteuse na primeira potencia económica mundial.