4. A I Guerra Mundial: consecuencias

4.1. Os tratados de paz

O 11 de novembro de 1918 asinábase o armisticio que poñía fin ás hostilidades armadas. En xaneiro de 1919 comezaban en París as negociacións para establecer as condicións dos tratados de paz, coa presencia de 32 países liderados polos vencedores: Francia, Gran Bretaña, Estados Unidos e Italia. Non permitiron a presencia dos derrotados. Sen embargo, as posturas de partida xa foron diverxentes e atendían aos intereses de cada un dos vencedores:
  • Os EUA buscaban a estabilidade internacional, fortalecendo as bases do liberalismo político e do capitalismo económico fronte á revolución bolxevique de Rusia. Os postulados estadounidenses están recollidos nos denominados 14 puntos de Wilson.
  • Os países europeos vencedores, especialmente Francia, querían compensacións polos cuantiosos danos sufridos, reparacións de guerra que debían proceder especialmente de Alemaña. Esas peticións estaban dominadas por un forte sentimento de desquite provocado por afrontas pasadas.

    Sinatura do Tratado de Versalles pintada por William Orpen

Finalmente, impúxose a postura francesa e Alemaña viuse obrigada a asinar o Tratado de Versalles o 28 de xuño de 1919. As condicións deste tratado, que consideraban a Alemaña e os seus aliados os únicos responsables da guerra, eran moi duras para o país xermano e serán a orixe de futuros conflitos. Resúmense nos seguintes puntos:

  • Francia recuperaba Alsacia e Lorena.
  • As posesións coloniais alemás foron repartidas entre os vencedores.
  • Establecíase o pagamento de elevadísimas reparacións de guerra que Alemaña debía sufragar anualmente aos vencedores.
  • A rexión de Renania, fronteiriza con Francia, quedaba completamente desmilitarizada.
  • Alemaña vía como o seu exército quedaba practicamente disolto, limitándose o seu poder militar a un número de soldados e armamento case testemuñal.
  • O territorio oriental alemán quedaba dividido e dúas partes, co fin de facilitar unha saída ao mar ao novo estado polaco a través do corredor de Danzig (Gdansk en polaco).

Estas condicións que Alemaña se viu obrigada a asinar (pero que nunca aceptou) foron consideradas unha humillante imposición e un abuso (Diktat) que espertaría nos alemáns desexos de desquite e que, xunto cunha crise económica galopante, crearía no país o contexto perfecto para o futuro agromo do nazismo.

Ademais do de Versalles, tamén se asinaron outros tratados co resto de potencias derrotadas:

  • O de Saint Germain con Austria.
  • O de Sévres con Turquía.
  • O de Trianon con Hungría.
  • O de Neuilly con Bulgaria.

NOTA ARGUMENTA

  • Le os textos con atención e responde as cuestións.

[A foto que ilustra a actividade recolle unha conversa informal entre catro dos protagonistas do Tratado de Versalles. De esquerda a dereita: Lloyd George, Vittorio Orlando, Georges Clemenceau e Woodrow Wilson.]

TEXTO 1

Memorando de Lloyd George (británico) do 25 marzo de 1919: Desde todos os puntos de vista, penso que debemos esforzarnos por establecer un acordo de paz como se fósemos árbitros imparciais, esquecendo as paixóns da guerra. Este acordo deberá ter tres obxectivos: ante todo, facer xustiza aos Aliados, tendo en conta a responsabilidade de Alemaña nas orixes e nos métodos da guerra; seguidamente, o acordo debe ser tal que un goberno aleman consciente das súas responsabilidades poida asinalo considerando que poderá cumprir as obrigas que subscribiu; por último, este acordo non deberá ter ningunha cláusula cuxa natureza poida provocar novas guerras, e deberá ofrecer unha alternativa ao bolxevismo, porque será para as xentes razonables unha solución igualitaria do problema europeo. 

DAVID LLOYD GEORGE, Some considerations for the Peace conference, 1919
Participantes no Tratado de Versalles

TEXTO 2

O Presidente Wilson (EUA) dirixíndose a Clemenceau no Consello dos Catro: Espero que vostede estea de acordo, en principio, co Sr. Lloyd George na moderación que é preciso mostrar con Alemaña. Non queremos nin poderiamos destruíla: o noso maior erro sería darlle razóns poderosas para que quixera un día desquitarse. Cláusulas excesivas plantarían a semente segura da guerra [...]. É preciso que evitemos dar aos nosos inimigos a impresión de inxustiza. Non temo para o futuro as guerras preparadas por complots secretos dos gobernos, senón máis ben os conflitos creados polo descontento dos pobos. Se nos facemos a nós mesmos culpables de inxustiza, ese descontento é inevitable.

P. MANTOUX, Les Délibérations du conseil des Quatre, C.N.R.S., 1955

TEXTO 3

Georges Clemenceau (francés), dirixíndose ao Consello dos Catro: Tomo acta das palabras e das excelentes intencións do Presidente Wilson. El elimina o sentimento e o recordo: é aí onde teño unha observación que facer ao respecto do que acaba de dicir. O presidente dos EUA descoñece o fondo da natureza humana. O feito da guerra non pode ser esquecido. América non viu esta guerra de preto durante os tres primeiros anos; nós, durante ese tempo, perdemos un millón e medio de homes. Non nos queda man de obra. Os nosos amigos ingleses, que perderon menos ca nós pero o bastante para tamén ter sufrido moito, comprenderanme.

As probas que tivemos que pasar crearon un sentimento profundo sobre as reparacións que nos son debidas; e non se trata só de reparacións materiais: a necesidade de reparacións morais non é menos forte [...].

Buscades facer xustiza aos alemáns. Non pensedes que eles nos van perdoar, buscarán a ocasión de desquitarse, nada destruirá a rabia de aqueles que quixeron establecer a súa dominación no mundo e que se sentiron tan preto de conseguilo.

PIERRE RENOUVIN, Le traité de Versailles, Paris, 1969

CUESTIÓNS:

  1. Despois de ler os textos e facendo referencia a eles, sintetiza as posturas de Gran Bretaña, Francia, Estados Unidos e Alemaña tendo en conta a súa experiencia durante a guerra e os antecedentes históricos. 

  2. Busca información sobre la situación de Alemaña nos inicios de 1919 e comenta as razóns do temor de Lloyd George ante a expansión do bolxevismo.

  3. Resume brevemente como quedaron finalmente os acordos do Tratado de Versalles.