3. A Primeira Guerra Mundial: causas e evolución

3.2. Evolución

Evolución da Primeira Guerra Mundial

Axiña foi evidente que a guerra non sería o rápido conflito ao que aludía constantemente a propaganda de todos os contendentes: a formación de numerosos exércitos polo recrutamento dun grande número de soldados, a orientación das economías cara á guerra e as innovacións tecnolóxicas que se puxeron en marcha na fronte déronlle nome á Gran Guerra e convertérona nun escenario de destrución xamais vista.

O conflito desenvolveuse en varias fases:

1.- Guerra de movementos (1914):

  • Na fronte occidental, Alemaña atacou Francia despois de invadir Luxemburgo e Bélxica. Deste xeito, en poucos días o exército alemán chegou a estar a uns 50 kilómetros de París. Este avance foi detido na batalla do Marne por tropas francesas e británicas.
  • Na fronte oriental, Rusia foi derrotada polos alemáns en Tannenberg, pero esta vitoria non supuxo un avance significativo xermano no territorio. Paralelamente, as tropas austrohúngaras atacaron Serbia, sen lograr obxectivos relevantes.

Trincheira na batalla do Somme 19162.- Guerra de posicións (1915 - 1917): as frontes estabilizáronse e comezou a guerra de trincheiras. Os avances foron practicamente inexistentes e a un elevado custo de baixas: as ofensivas alemás de Verdún e franco-británica do Somme remataron sen que ningún dos bloques conseguise unha vitoria relevante e cun número de baixas que superou, entre ámbolos dous bandos, os dous millóns de soldados (con arredor de 600000 mortos ou desaparecidos). Se queres ver un mapa da fronte estancada entre 1915 e 1916, preme aquí.

3.- A crise de 1917:

  • Na fronte oriental, a revolución bolxevique que tivo lugar en Rusia fixo que este país solicitase o armisticio e negociase a paz con Alemaña, que puido orientar os seus recursos militares cara á fronte oriental, contra Francia e Gran Bretaña.
  • Na fronte occidental, os EUA entraron na guerra no bando de Gran Bretaña e Francia, xustificando a súa decisión nos ataques dos submarinos alemáns aos seus barcos. Aportaron case un millón de soldados e abondosa subministración bélica.

4.- A fin da Gran Guerra (1918): derrotadas Austria-Hungría e o Imperio Otomán, Alemaña resistiu e mesmo comezou unha derradeira ofensiva na segunda batalla do Marne, fracasando ante as tropas francesas, británicas e estadounidenses. Ante esta situación, tanto no exército como na sociedade xermana comezaron revoltas obreiras e protestas contra a continuación da guerra. O temor a unha revolución como a bolxevique rusa precipitou a decisión de poñer fin á guerra: o káiser Guillermo II abdicou, proclamouse a República de Weimar e o 11 de novembro de 1918 Alemaña asinou o armisticio. Remataba deste xeito a Gran Guerra.


NOTA INVESTIGA

  • Investiga cal é a relación dos seguintes conceptos coa Gran Guerra: plano Schlieffen, paz de Brest-Litovsk, cruceiro Lusitania. Anota as fontes consultadas.