U. D. 4: IMPERIALISMO E PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL
5. A arte de finais do s. XIX e principios do s. XX
5.2. O expresionismo: unha arte para unha guerra.
Entre os movementos de vangarda máis representativos do que significou a Primeira Guerra Mundial destaca sen dúbida o expresionismo, desenvolvido principalmente en Alemaña coa finalidade de manifestar a amargura e o malestar existencial producidos pola crise dos ideais sociais e os horrores da guerra. Para expresar eses sentimentos, os pintores expresionistas recorren á deformación das figuras e á utilización de cores que dan lugar a contrastes violentos e estridentes. Entre as cores non existe, pois, harmonía, senón disonancia e, en ocasións, os rostros humanos semellan máscaras máis ca rostros, polo que as figuras presentan un aspecto fero e caricaturesco. Así, os arquetipos de beleza tradicional son destruídos deliberadamente.
En canto aos representantes da pintura expresionista alemá, destacan Emil Nolde, Max Beckmann, Gabriele Münter ou Ernst Ludwig Kirchner. Deste último é unha das pinturas máis características deste período, Autorretrato como soldado (1915), pintado despois de alistarse voluntariamente no exército á idade de 35 anos.

Neste cadro, Kirchner aparece en primeiro plano no seu estudio de pintor, vestindo o uniforme de soldado e cun cigarro apagado entre os beizos. Dirixe o seu ollar baleiro e ausente cara ao espectador e semella non advertir a modelo espida que hai detrás del. A sensación de desacougo que rodea o cadro é unha mostra do estado anímico do artista, angustiado por unha guerra que non comprende e que lle provoca a perda da súa propia identidade e mesmo o seu afastamento voluntario do mundo da arte (do que fora un grande activista), simbolizado aquí na man amputada e na modelo espida á que el é totalmente alleo. A man, un toco en carne viva é unha falsa ferida de guerra que reflicte os medos e obsesións do artista. A potente cor empregada, con tonalidades intensas e vivas, remarca a sensación de angustia e crise vividas por Kirchner nesa época.