3. A Primeira Guerra Mundial: causas e evolución

"A guerra volve estúpido ao vencedor e rancoroso ao vencido"

F. Nietzsche (1844-1900)

  
 Soldados alemáns nun tren en dirección a París.

Entre 1914 e 1918 tivo lugar un conflito bélico completamente diferente aos anteriores.
  •      A nivel político, participaron países europeos, colonias e potencias como EUA e Xapón, de xeito que non quedou ningún continente habitado que non entrase directa ou indirectamente na contenda.
  •      A nivel económico, as potencias mundiais orientaron a súa economía, enormemente desenvolvida baixo os parámetros da segunda Revolución Industrial, á guerra, o que supuxo a creación de exércitos numerosos e tecnoloxicamente moi dotados con adiantos armamentísticos (fusís automáticos, ametralladoras, tanques, aviación militar, gases tóxicos...) que farán que as baixas nas frontes acaden cifras nunca vistas.
  •      A nivel ideolóxico, os Estados fomentarán a guerra como expresión do patriotismo a través da propaganda, de xeito que se xeran relatos maniqueos nos que se exalta a xustiza das aspiracións propias e a maldade do rival. Isto, sumado á confianza na propia superioridade, fará que, en vésperas do conflito, boa parte da poboación dos países europeos desexase unha guerra que consideraba xusta e doada de gañar.
Na fotografía da dereita vemos un grupo de soldados alemáns camiño de París para loitar na guerra. As pintadas no vagón ("De viaxe a París") deixan claras as súas expectativas dunha rápida vitoria e volta á casa. Este optimismo inicial non tardará en desaparecer ante o horror das trincheiras.


NOTA ARGUMENTA

  • Le o texto, observa a imaxe e sinala con que elementos da I Guerra Mundial se relacionan.

"Durante os calorosos días de finais de xullo, eu estaba en Cambridge, discutindo a situación con todo o mundo. Consideraba imposible crer que Europa estivese tan tola como para precipitarse á guerra, pero estaba convencido de que, se chegaba a haber guerra, Inglaterra veríase involucrada. Desexaba vivamente que Inglaterra permanecese neutral, polo que recollín sinaturas dun amplo número de profesores e compañeiros para unha declaración que, a tal efecto, apareceu no Manchester Guardian. O día que a guerra foi declarada case todos eles cambiaron de parecer. Botei a tarde paseando polas rúas, especialmente as próximas a Trafalgar Square, observando a un entusiasmado xentío que me facía a min mesmo sensible a tales emocións. (...) Eu supuxera inxenuamente o que a maioría dos pacifistas afirmaban: que as guerras eran unha imposición de gobernos despóticos e maquiavélicos sobre unha poboación que as rexeitaba. (...)”

BERTRAND RUSSELL (1872-1970): Autobiografía.

Cartel exército EUA 1917

Cartel do exército dos EUA (1917)