2. O Imperialismo

2.1. Causas e desenvolvemento

As causas do imperialismo son de varios tipos:
  • Económicas: a grande expansión do capitalismo no contexto da segunda Revolución Industrial caracterízase pola busca de materias primas abondosas, man de obra barata e novos mercados nos que vender os produtos industriais e realizar investimentos de capital.
  • Demográficas: o incremento de poboación europea debido ao mantemento de altas taxas de natalidade e ao descenso da mortalidade, derivado das melloras hixiénicas e médicas, impulsou a posta en práctica de políticas favorecedoras da emigración por parte das potencias europeas.
  • Científico-culturais: a exploración xeográfica, asociada ao descubrimento de novas fontes de riquezas, experimentou un gran pulo.
  • Ideolóxicas: o eurocentrismo, que defendía a superioridade da relixión, a lingua e a cultura dos europeos de raza branca, empregouse para lexitimar o carácter "civilizador" do imperialismo en África e en Asia.

Este conxunto de causas, paralelas ao desenvolvemento económico das grandes potencias en Europa, EUA e Xapón, marcou o inicio dunha carreira colonizadora que afectou principalmente ao continente africano e a Asia. Houbo conferencias internacionais para tentar ordenar o proceso colonizador, como a Conferencia de Berlín, pero na práctica os incidentes entre as potencias imperialistas, coma o caso de Fachoda, e a tensión política internacional non deixaron de aumentar.

Mapa do reparto de África

Se ben África foi o territorio sometido a un proceso colonizador máis intenso, non foi o único afectado, xa que o colonialismo se estendeu por todos os continentes. Podemos velo claramente no seguinte mapa, que recolle os imperios coloniais en 1914.
O imperialismo en 1914. Mapa

NOTA INVESTIGA

a. Busca información sobre a Conferencia de Berlín, na que se tratou a cuestión do colonialismo en África, e anota os principais acordos entre os participantes.

b. Busca información sobre o incidente de Fachoda: lugar, cronoloxía e países implicados.