Dálle marcha!

DANZA DE PAUS DA SEARA 

Propoñemos unha parte da danza da Seara, Cartelle (Ourense), na honra de San Roque e San Vitoiro.

A danza vai encabezada por un guía, chamado avutarda. Viste un pantalón amarelo, faixa vermella, garavata negra, camisa branca e chapeu feito con cortiza de carballo, adornado con fitas de cores e unha cruz. Sobre o peito leva dúas bandas cruzadas. A danza orixinal é con catro parellas de danzantes masculinos vestidos coma o guía pero con pantalóns vermellos, só unha banda no peito e un chapeu de palla con fitas de cores.

Acompáñanse de gaita, tamboril e bombo. Consta de cinco partes: reverencia, danza de paus ou paloteado, ponte, cruz, serpentina e danza de fitas. As partes interprétanse de xeito independente e o guía indica o que se danza en cada momento. 

A parte escollida é a cuarta danza de paus.

No momento de percutiren os paus, inclínanse e fan os primeiros cinco toques á altura dos xeonllos. Os cinco seguintes faranos erguidos á altura da cabeza, mirando a parella. Repiten onda os xeonllos e despois á altura da cabeza.

Partitura da 4ª danza de paus da Seara

 

 

As posicións son moi complexas, polo que propoñemos empezar en fila de parellas enfrontadas cun paso valseado e ir facendo un túnel no que as parellas da beira esquerda pasan polo corredor das outras e fican na beira dereita.

(A versión completa da danza pódese encontrar en FERNÁNDEZ SENRA, MARILÓ, 1999)