ANM 6. As danzas

Sitio: Aula virtual do espazoAbalar
Curso: A nosa música
Libro: ANM 6. As danzas
Impreso por: Usuario convidado
Data: sábado, 27 de decembro de 2025, 11:08 PM

As danzas

Danza das espadas, Redondela, 1967. Ponte... Nas Ondas. Flickr. (CC BY-2.0) 

 

É moi habitual usarmos as palabras 'danza' e 'baile' como sinónimos, pero dun xeito máis específico podemos diferenciar dúas realidades ben diferentes.  

Mentres os bailes teñen unha parte de improvisación, as danzas teñen unha coreografía fixa, cuns puntos e posicións marcados, e só se fan nunha data ou festa concreta, por iso tamén lle dicimos danzas rituais
Consérvanse máis de trinta polo territorio galego, aínda que moitas se perderon. Neste mapa podes observar a maioría delas, case todas na metade sur de Galicia e en puntos da costa:

mapa das danzas brancas galegas

Imaxe: Mapa das danzas brancasConsello da cultura galega 

Que é? I

Dende a Idade Media, os artesáns agrupábanse en gremios (xastres, xapateiros, mariñeiros...) para defenderen os seus intereses. Participaban nas festas dos lugares coas súas danzas gremiais. Por exemplo, o gremio dos zapateiros era o encargado da danza de Vilanova dos Infantes (Celanova, Ourense). Os gremios desapareceron, pero algunhas danzas perviviron, da man de grupos como as confrarías de mariñeiros ou de xente da parroquia.

Algunhas destas danzas gremiais acabáronse convertendo en danzas procesionais asociadas a festas relixiosas (Virxe da Franqueira, San Sebastián, San Roque...). 

Chámaselles tamén danzas brancas, pois seguen un vestiario semellante, a partir da roupa branca "interior" do traxe tradicional (camisas, enaguas, cirolas). Moitas veces inclúen bandas cruzando o peito e faixas _vermellas, doutras cores ou coa bandeira galega ou española_ ou con mantóns dobrados. Os chapeus son dunha feitura concreta, en xeral con adornos, fitas, espellos ou prumas. Os das 'damas' das danzas de Darbo e Aldán (Cangas, Pontevedra) pesan varios quilos. 

Cada lugar ten a súa peculiaridade no vestiario, así algunha deixou de empregar a roupa branca nos homes, e levan traxe de vestir escuro ou noutras danzas as mulleres visten traxe tradicional.

Nalgún tempo, debido ás prohibicións da Igrexa, non participaban mulleres e algúns homes vestían a roupa feminina, por exemplo en Darbo os homes levan pendentes dourados. 

Fanse nunha data concreta, moitas veces ligadas á festividade dun santo ou virxe. As primeiras do ano son as danzas de Reis, as de Entroido e moitas celébranse na festa do Corpus (data variable, a fins de maio ou en xuño) ou nas festas do verán, sobre todo polo 15 de agosto ou o 8 de setembro.

Que é? II

A maioría destas danzas acompáñanse da música dun ou varios gaiteiros e percusión. Os grupos de danzantes son variables, dende grupos de catro, seis, oito ata un número indeterminado bastante máis numeroso. A persoa que dirixe a danza é o (ou a) guía, podendo haber contraguía no cabo do grupo.

Nalgunha danza van acompañados por 'xigantes' ou cocas, dragóns de orixe medieval que houbo por toda Europa e hoxe, no noso país, só sae en Redondela (Pontevedra). Aquí pervive tamén a danza das penlas, que houbera en máis lugares, na que unhas nenas _de branco, moi enxoiadas e con ás de anxo_ axitan os brazos e móvense sobre os ombreiros dunhas mulleres, chamadas burras, que bailan mentres ten lugar a danza de espadas.

Noutras danzas acompáñaos unha persoa cunha gran bandeira que vai movendo e xirando ou un personaxe disfrazado de demo, que abre paso mentres encirra aos danzantes e ao público; en Betanzos chámanlle o gamachiño.  

 

Imaxes: 1. O gamachiño no chan, Betanzos;  2. A Coca e os cabezudos, Redondela. 3. Penlas sobre as burras, Redondela. 4. Danza das espadas, Redondela.

As imaxes 3 e 4 tomáronse durante a gravación do filme Maria Solinha, Ignacio Vilar, 2019. FlickrCC BY

Cando a danza se celebra na honra dun santo ou virxe, empezan cunha reverencia inicial. Neste momento solemne, a música e os movementos son máis lentos. De seguido, fanse as danzas de distintos tipos e acaban cunha reverencia final.

As danzas poden ser de varios tipos:

  • de castañolas: os danzantes fan soar as castañolas a un ritmo fixado, erguendo e baixando os brazos, facendo que as fitas que adornan as castañolas se axiten.
  • de arcos: cada danzante leva un arco, de vimbio ou outro material flexible, e agárrao polos extremos ou só por un e engancha co do compañeiro, creando unha ringleira de danzantes e arcos que executa diversas figuras.
  • de espadas: os danzantes executan varias figuras en rea, como pontes, torre, caracol... Hai unha versión menos arriscada onde os danzantes agarran fitas de tea no canto de espadas.
  • de paus: cada danzante leva un par de paus cos que leva un ritmo prefixado, entrechocando os seus ou cos doutros danzantes. Adoitan ser tres "paloteos" diferentes que se executan seguidos.
  • de fitas: arredor dun mastro duns 2 metros do que colgan fitas de cores, os danzantes sitúanse en roda con cadansúa fita agarrada. Farán un trenzado das fitas no mastro, tecendo ao bailaren en roda, uns cara a un lado e outros cara ao outro, pasando unha vez por riba e outra por baixo. Despois hai que facer os movementos do revés para destrenzar e volver á roda inicial.

Dunha ollada

infografía sobre as danzas galegas

Dálle marcha!

DANZA DE PAUS DA SEARA 

Propoñemos unha parte da danza da Seara, Cartelle (Ourense), na honra de San Roque e San Vitoiro.

A danza vai encabezada por un guía, chamado avutarda. Viste un pantalón amarelo, faixa vermella, garavata negra, camisa branca e chapeu feito con cortiza de carballo, adornado con fitas de cores e unha cruz. Sobre o peito leva dúas bandas cruzadas. A danza orixinal é con catro parellas de danzantes masculinos vestidos coma o guía pero con pantalóns vermellos, só unha banda no peito e un chapeu de palla con fitas de cores.

Acompáñanse de gaita, tamboril e bombo. Consta de cinco partes: reverencia, danza de paus ou paloteado, ponte, cruz, serpentina e danza de fitas. As partes interprétanse de xeito independente e o guía indica o que se danza en cada momento. 

A parte escollida é a cuarta danza de paus.

No momento de percutiren os paus, inclínanse e fan os primeiros cinco toques á altura dos xeonllos. Os cinco seguintes faranos erguidos á altura da cabeza, mirando a parella. Repiten onda os xeonllos e despois á altura da cabeza.

Partitura da 4ª danza de paus da Seara

 

 

As posicións son moi complexas, polo que propoñemos empezar en fila de parellas enfrontadas cun paso valseado e ir facendo un túnel no que as parellas da beira esquerda pasan polo corredor das outras e fican na beira dereita.

(A versión completa da danza pódese encontrar en FERNÁNDEZ SENRA, MARILÓ, 1999)

Canto sei!