Que é? II

A maioría destas danzas acompáñanse da música dun ou varios gaiteiros e percusión. Os grupos de danzantes son variables, dende grupos de catro, seis, oito ata un número indeterminado bastante máis numeroso. A persoa que dirixe a danza é o (ou a) guía, podendo haber contraguía no cabo do grupo.

Nalgunha danza van acompañados por 'xigantes' ou cocas, dragóns de orixe medieval que houbo por toda Europa e hoxe, no noso país, só sae en Redondela (Pontevedra). Aquí pervive tamén a danza das penlas, que houbera en máis lugares, na que unhas nenas _de branco, moi enxoiadas e con ás de anxo_ axitan os brazos e móvense sobre os ombreiros dunhas mulleres, chamadas burras, que bailan mentres ten lugar a danza de espadas.

Noutras danzas acompáñaos unha persoa cunha gran bandeira que vai movendo e xirando ou un personaxe disfrazado de demo, que abre paso mentres encirra aos danzantes e ao público; en Betanzos chámanlle o gamachiño.  

 

Imaxes: 1. O gamachiño no chan, Betanzos;  2. A Coca e os cabezudos, Redondela. 3. Penlas sobre as burras, Redondela. 4. Danza das espadas, Redondela.

As imaxes 3 e 4 tomáronse durante a gravación do filme Maria Solinha, Ignacio Vilar, 2019. FlickrCC BY

Cando a danza se celebra na honra dun santo ou virxe, empezan cunha reverencia inicial. Neste momento solemne, a música e os movementos son máis lentos. De seguido, fanse as danzas de distintos tipos e acaban cunha reverencia final.

As danzas poden ser de varios tipos:

  • de castañolas: os danzantes fan soar as castañolas a un ritmo fixado, erguendo e baixando os brazos, facendo que as fitas que adornan as castañolas se axiten.
  • de arcos: cada danzante leva un arco, de vimbio ou outro material flexible, e agárrao polos extremos ou só por un e engancha co do compañeiro, creando unha ringleira de danzantes e arcos que executa diversas figuras.
  • de espadas: os danzantes executan varias figuras en rea, como pontes, torre, caracol... Hai unha versión menos arriscada onde os danzantes agarran fitas de tea no canto de espadas.
  • de paus: cada danzante leva un par de paus cos que leva un ritmo prefixado, entrechocando os seus ou cos doutros danzantes. Adoitan ser tres "paloteos" diferentes que se executan seguidos.
  • de fitas: arredor dun mastro duns 2 metros do que colgan fitas de cores, os danzantes sitúanse en roda con cadansúa fita agarrada. Farán un trenzado das fitas no mastro, tecendo ao bailaren en roda, uns cara a un lado e outros cara ao outro, pasando unha vez por riba e outra por baixo. Despois hai que facer os movementos do revés para destrenzar e volver á roda inicial.