Que é? I

Dende a Idade Media, os artesáns agrupábanse en gremios (xastres, xapateiros, mariñeiros...) para defenderen os seus intereses. Participaban nas festas dos lugares coas súas danzas gremiais. Por exemplo, o gremio dos zapateiros era o encargado da danza de Vilanova dos Infantes (Celanova, Ourense). Os gremios desapareceron, pero algunhas danzas perviviron, da man de grupos como as confrarías de mariñeiros ou de xente da parroquia.

Algunhas destas danzas gremiais acabáronse convertendo en danzas procesionais asociadas a festas relixiosas (Virxe da Franqueira, San Sebastián, San Roque...). 

Chámaselles tamén danzas brancas, pois seguen un vestiario semellante, a partir da roupa branca "interior" do traxe tradicional (camisas, enaguas, cirolas). Moitas veces inclúen bandas cruzando o peito e faixas _vermellas, doutras cores ou coa bandeira galega ou española_ ou con mantóns dobrados. Os chapeus son dunha feitura concreta, en xeral con adornos, fitas, espellos ou prumas. Os das 'damas' das danzas de Darbo e Aldán (Cangas, Pontevedra) pesan varios quilos. 

Cada lugar ten a súa peculiaridade no vestiario, así algunha deixou de empregar a roupa branca nos homes, e levan traxe de vestir escuro ou noutras danzas as mulleres visten traxe tradicional.

Nalgún tempo, debido ás prohibicións da Igrexa, non participaban mulleres e algúns homes vestían a roupa feminina, por exemplo en Darbo os homes levan pendentes dourados. 

Fanse nunha data concreta, moitas veces ligadas á festividade dun santo ou virxe. As primeiras do ano son as danzas de Reis, as de Entroido e moitas celébranse na festa do Corpus (data variable, a fins de maio ou en xuño) ou nas festas do verán, sobre todo polo 15 de agosto ou o 8 de setembro.