Dende o equipo directivo, xa transmitimos á nosa inspectora algunhas cuestións que pensamos que deberían ser tidas en conta nas modificacións normativas:
- A flexibilización da oferta educativa, tanto nos horarios (posibilidade de diferente número de sesións semanais e duración das sesións), como na modalidade (posibilidade de cursos a distancia o semipresenciais en todos os idiomas), na duración en cursos (posibilidade de cursos intensivos o integrados en todos os idiomas) e nos contidos (posibilidade de cursos adicados soamente a certas destrezas - escritas, orais, mediación -, ou de cursos temáticos ou con fins específicos).
- A data das probas de nivel: o ideal sería que as probas de nivel para novo alumnado fosen en setembro, que é cando maioritariamente o noso alumnado novo decide vir á escola, e non en xuño como son neste momento.
- A definición clara das datas de exame, matrícula e comezo de curso en setembro, de forma que non se solapen e sexan realizábeis.
- A posibilidade de contar con dous xefes de estudo no equipo directivo daquelas escolas que teñan un tamaño e/ou un número de alumnos que o xustifique (como de feito outros tipos de centros contan con un xefe de estudos diurno e outro nocturno, por exemplo).
- A definición de reducións docentes para certas funcións. A normativa actual considera reducións docentes para o coordinador TIC e o coordinador do EDL. Sería bo contar tamén con reducións docentes para funcións como: responsábel de biblioteca; coordinador de proxectos europeos; coordinador de formación do profesorado no centro.
- A posibilidade (que se contemplou inicialmente para o sistema actual) de separar a promoción do alumnado mediante avaliación continua da certificación de nivel mediante as probas de certificación, de maneira que o alumnado poida promocionar ao curso seguinte aínda que non acade a certificación.