Section outline
-
A pesar de que a porcentaxe de mulleres que acceden a carreiras universitarias é paritaria ou incluso superior á porcentaxe de homes, hai un claro sesgo na elección do tipo de carreira. Tan só un 25% da matrícula en Enxeñerías foron mulleres no curso 17-18 mentres que o 70% da matrícula en Ciencias da Saúde foron mulleres. Na investigación tamén se reproduce o mesmo patrón. O que é máis, moitas mulleres acceden a facer o doutoramento en diferentes ámbitos, sobre todo en ciencias da saúde, pero moi poucas deciden continuar a carreira investigadora e aínda menos compiten polos postos de dirección en moitos centros de investigación e universidades.
Por iso se aposta dende o centro por fomentar a investigación xa dende a secundaria e por visibilizar o papel das científicas neste ámbito. Co obxectivo de potenciar estas destrezas e competencias e favorecer a igualdade de oportunidades á hora de tomar opcións profesionais ou de estudos no futuro.
Participamos co 100% de alumnas neste foro de Investigación celebrado en Vigo entre os días 21 e 23 de novembro de 2019. As alumnas realizaron dous traballos de investigación: A dieta en Pedrafita e o Sistema Solar. Mediante estas tarefas de indagación puxeron en práctica o método científico, realizaron un experimento sociolóxico mediante enquisas á poboación de Pedrafita, entrevistas a científicas expertas en nutrición e saúde, realizaron unha maqueta do sistema solar usando para iso a impresora 3D, etc.
Expuxeron os seus resultados neste Foro no que tamén participaban escolas de todo Galicia, Cataluña, Portugal e Alemaña.
Ademais de toda a aprendizaxe directamente relacionada coas ciencias, puxemos en valor o papel das mulleres como científicas e participamos dunha convivencia na que se reforzan as habilidades sociais e emocionais, tan importantes ou máis que os contidos máis académicos.