A avaliación e o rol docente
3. A avaliación
3.3. A avaliación formativa na Aula Virtual
Ligando o segundo punto (a retroalimentación) cos tipos de avaliación observamos que a avaliación formativa é a que mellor une ambos aspectos de forma que se proporcione un adecuado feedback para o avance na adquisición das aprendizaxes e competencias e poder implementar estratexias de mellora. Ademais, este tipo de avaliación permite a incorporación de elementos como a coavaliación (conxunta entre docentes e alumnado) ou a heteroavaliación (entre alumnado) que entronca coas vantaxes claras que metodoloxías como a aprendizaxe cooperativa presentan nos procesos de aprendizaxe, tal e como vimos no primeiro apartado deste módulo.
Para lograr isto é fundamental recoller en diferentes momento do proceso de ensino-aprendizaxe as evidencias das tarefas realizadas polos estudantes e a súa correspondente retroalimentación (do docente e/ou do alumnado). En base ao que imos traballar neste curso, centraremos a atención en tres ferramentas da Aula Virtual, lembrando que non só se poden configurar para realizar actividades de avaliación (formando parte da avaliación sumativa), mais tamén como actividades de ensino (sen cualificación) formando parte da avaliación formativa:
- Tarefas, que aportan un intercambio claro entre docente e alumnado. Mediante elas podemos dar instrucións claras de realización, con datas de entrega para a súa presentación, prórrogas, etc.. Poden proporcionarse solucionarios, rúbricas ou outros instrumentos para a propia autoavaliación do alumnado e, incluso, se pode solicitar novamente o envío da tarefa correxida por el mesmo de forma que teñamos a evidencia da realización deste proceso. Ademais, permite incorporar unha retroalimentación personalizada (lembra, que non individualizada) en función dos erros ou acertos que proporcionen as evidencias. Nalgúns casos poderase ofrecer un feedback específico ao alumnado que o precise.
- Probas ou exames, permiten ao alumnado pór en xogo as aprendizaxes adquiridas e obter unha retroalimentación sobre o mesmo que lle mostre as necesidades que xorden despois de cada bloque de contidos, materias ou áreas de interese. De cara á avaliación formativa podemos proporcionar ferramentas moi interesantes como a autoavaliación ou xogos interactivos dentro da propia Aula Virtual que axudan a unha autoavaliación sen que o docente interactúe individualmente con cada un.
- Coavaliación, mediante esta ferramenta ábrese á posibilidade de que o propio alumnado corrixa e avalíe os seus propios compañeiros, ben de forma anónima, ben personalizada en grupos ou equipos, de forma aleatoria... En resumo, estamos a promover o desenvolvemento do pensamento crítico e a capacidade de aprender a aprender, na medida en que facemos ao alumnado partícipe do proceso avaliador. Para iso, nós podemos proporcionar as guías de corrección, os criterios de avaliación ou os ítems avaliadores sobre os que se terán que fixar para proceder a avaliar e dar retroalimentación aos seus compañeiros.