A avaliación e o rol docente

Sitio: Aula Virtual do CFR de Pontevedra
Curso: P2002198 Ferramentas de avaliación na aula virtual
Libro: A avaliación e o rol docente
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 3 de abril de 2026, 4:58 PM

1. Introdución ao módulo

Neste Módulo 1 queremos presentarvos un achegamento introdutorio ao rol docente na avaliación e o acompañamento nun ensino semipresencial. Cómpre lembrar que o papel do docente na avaliación, desde a súa función de facilitadora da aprendizaxe, debe de ser a de ofrecer un bo feedback ao alumnado, que sirva para mellorar os procesos de aprendizaxe. Numerosos autores e estudos confirman que os comentarios (feedback) destinados para mellorar as producións e resultados do alumnado contribúe moito máis á aprendizaxe e o rendemento escolar que as calificacións.

Ao final deste primeiro módulo, o obxectivo é realizarmos unha autorreflexión dos nosos procesos de ensino-aprendizaxe nos aspectos relacionados coa retroalimentación e a avaliación, para o cal explicarás cal é a túa práctica docente no relativo á avaliación e a retroalimentación co obxecto de que ao final deste curso poidas empregar as ferramentas que o Moodle nos proporciona para mellorala.

A continuación podedes visualizar unha reseña da entrevista a Héctor Ruiz Martín publicada en Magisnet e que podes acceder aquí, autor de ¿Cómo aprendemos? Una aproximación científica al aprendizaje y la enseñanza. 2020. Editorial Graó.



2. A retroalimentación (ou feedback)

Que é a retroalimentación na práctica educativa?

A retroalimentación ou feedback na práctica educativa é un aspecto fundamental e básico xa que permite ao alumnado obter información sobre o seu desempeño e, moi especialmente, como melloralo. As investigacións son contundentes na súa influencia para contibuír ao logro dos obxectivos de aprendizaxe polo alumnado. Hattie e Timperley (2007) no seu estudo The Power of feedback, definen a retroalimentación en base á fenda ou diferenza cognitiva entre onde está o alumno e aonde se pretende que chegue, é dicir, entre os coñecementos previos ou actuais e os criterios de éxito. Con posterioridade, múltiples estudos confirmaron, en diferentes graos, a importancia deste factor. Xa recentemente, unha meta-análise da investigación educativa sobre a retroalimentación (Wisniewski, Zierer & Hattie, 2020) conclúe claramente que "a retroalimentación, en xeral, é poderosa" e que, como criterio básico, o feedback é máis efectivo canta máis información teña, proporcionando información clara e precisa sobre que debe facer o alumnado para avanzar desde onde se encontra até onde desexamos que chegue. Unha retroalimentación eficiente debe, en base ao anterior, responder a tres cuestións básicas: aonde vou?, onde estou? e que debo de facer agora?

Polo xeral empregamos a reatroalimentación continuamente como docentes: ao revisar os cadernos do alumnado, os traballos, as respostas espóntaneas durante a sesión, na corrección de tarefas, investigacións ou exames. Todo é retroalimentación xa que en todos os casos devolvemos información entre o aportado polo alumnado e o nivel de máximo grao de consecución dos obxectivos propostos.

2.1. Que tipos de retroalimentación hai?

Seguindo a Hattie e Clarke (2019) podemos diferenciar até catro tipos de retroalimentación:

  • Feedback sobre o resultado concreto da Tarefa (FT): cando valoramos un resultado concreto dunha tarefa. É o máis habitual no ensino ("isto é correcto", "aquí precisas completar", "este cálculo é incorrecto"...). Proporciona información superficial e concreta ben con calificacións númericas, símbolos para graduar a resposta como moi boa, boa, regular, incorrecta (MB, B, R, I...), ou mesmo con rúbricas. Responde á segunda cuestión (onde estou?) e pode responder a terceira (que debo de facer?) se incorporamos comentarios ou as respostas correctas.
  • Feedback sobre o proceso para lograr o resultado (FP): a retroalimentación focalízase no proceso para chegar ao resultado correcto. Non se limita a corrixir o erro dun resultado senón que incide nas regras xerais que axuden a evitar erros futuros. Por exemplo, cando un alumno responde e lle respondemos lembrando a xerarquía das operacións, propondo incluso algún outro exemplo para que entenda que o proceso é . Outra aplicación habitual son os erros ortográficos, cando respondemos coa regra que permite axudar a resolver outras situacións semellantes. Este é un dos feedback máis efectivos na medida en que responde directamente á terceira cuestións (que debo de facer agora?).
  • Feedback sobre os procesos metacognitivos na tarefa (FM): neste caso centramos a atención sobre os procesos que permiten ao alumnado a aprender, é dicir, todo o relacionado con hábitos e estratexias que lle permitirán planificar, guiar e avaliar a súa propia aprendizaxe.
  • Feebdack sobre as cualidades do alumnado fronte á tarefa (FA): mediante esta retroalimentación aludimos ás habilidades do alumnado ou ao esforzo que realizou para completar a tarefa. Ás máis das veces faise de forma implícita na medida en que segundo como interprete o alumnado os outros feedback, especialmente do FT), por exemplo cando asocia unha cualificación nunha tarefa ou proba como un signo do seu nivel de habilidade ou de esforzo.

2.2. Como debemos dar o feedback?

Non hai unha receita universal e única para a retroalimentación, mais si evidencias nos estudos sobre algúns aspectos que se deben de ter en conta. Ruiz (2020) recolle os seguintes:

  • En relación ao momento e frecuencia da retroalimentación, parece que cando se refire ás tarefas (FT) é  moi eficaz canto máis inmediato for. Isto significa que, por exemplo, cando pedimos determinadas actividades ou exercicios para realizar polo alumno, convén que estes teñan o antes posíbel a solución e a corrección á súa actividade. Agora ben, non se debe substituír a autocorrección ou autoavaliación pola mera retroalimentación dun resultado. Debemos dar marxe para que o alumnado poida revisar por si mesmo as solucións e determinar en que errou para unha corrección posterior, aprendendo, ademais, a utilizar a autoavaliación de forma correcta. Pola contra, cando nos centramos no proceso (FP) ou nas estratexias metacognitivas (FM) resulta máis eficaz deixar pasar algo o tempo para que o alumnado poida revisar os seus procedementos e procurar alternativas.
  • Conectado co anterior, en relación ao momento de aprendizaxe do alumando, a retroalimentación debe ser máis intensa e inmediata cando comeza o proceso de aprendizaxe e, a medida que avanza, retiralo paulatinamente para que poida regular autonomamente a aprendizaxe, usando os procesos de autoavaliación e non depender tanto da axuda externa.
  • Sobre cal é o tipo de retroalimentación máis efectiva, os estudos indican que os centrados no proceso (FP) e na metacognición (FM) son os máis poderosos para mellorar o desempeño do alumnado, xa que ofrecen estratexias aplicábeis en múltiples contextos educativos. Tamén a centrada na tarefa (FT), mais con menor incidencia. En calquera caso, a centrada nas cualidades do alumnado (FA) practicamente non presenta efectividade nos estudos, mais si a longo prazo nos sistemas de crenzas do alumnado e as súas propias capacidades para avanzar nunha área de coñecemento ou habilidade.
  • A retroalimentación debe ser precisa e concreta, así fronte a un "debes esforzarte máis" (FM) que probablemente non lle signifique moito para o alumnado, convén concretar que aspectos debe modificar nas súas estratexias de aprendizaxe ("planifica semanalmente as tarefas a realizar", "realiza esquemas e estúdaos previamente", "practica máis este tipo de problemas", "utiliza tarxetas de estudo para memorizar e repásaos cada X días", "aproveita a ferramenta autoavaliación da Aula Virtual"...).
  • Usar "pistas" en lugar de dar a retroalimentación inmediata. Por exemplo, cando na solución ao caso da xerarquía das operacións lle preguntamos primeiro "lembras a xerarquía das operacións? Que acontece aquí? Para que serven as parénteses?..." e se finalmente non é quen de responder, ofrecer a solución.
  • A retroalimentación sobre as cualidades do alumnado (FA) non ten efectos sobre o logro inmediato dos obxectivos educativos, mais si a longo prazo no sistema de crenzas do alumnado e a súa automotivación. Isto é debido a que pode aludir ben á habilidade do alumnado (isto dáseche ben) ou ben ao esforzo que realizou para completar a tarefa (parabéns polo tempo que lle adicache!). O máis recomendábel é evitar o seu uso sempre que for posíbel, mais en caso de o facer empregar a retroalimentación en base ao esforzo co obxecto de promover unha mentalidade de crecemento de forma que o alumnado saiba que o problema non é de habilidades (innatas), mais de estratexias e accións de aprendizaxe (És unha alumna moi traballadora! Vs. És unha alumna de sobresalientes!; Gustoume como abordache o problema e non te rendiche até o conseguir Vs. Conseguíchelo! És un estudante intelixente!).
  • Por último, non podemos deixar de lado a retroalimentación entre pares, é dicir, cando é o propio alumnado o que ofrece ese feedback en procesos de aprendizaxe controlados e organizados, como por exemplo na estratexia da aprendizaxe cooperativa. Neste tipo de didáctica hai moita interactividade, reflexión e axuda mutua entre o alumnado de forma que uns aprenden dos outros proporcionando continua retroalimentación para lograr que o grupo avance na aprendizaxe.

2.3. Como podemos aplicalo no ensino semipresencial?

A retroalimentación debe realizarse na medida do posíbel de xeito personalizado, mais facelo implica unha elevadísima carga de traballo. Polo tanto, cando falamos de retroalimentación personalizada non implica individualizada, senón que se deba axustar aos intereses e necesidades do alumnado. E, polo xeral, estes son comúns á maioría deles polo que podemos agrupalas e reducir o tempo que adicamos ao feedback sen que se vexa mermada a eficacia da retroalimentación. O ensino semipresencial mediante a aula virtual permite facer isto con certa sistematicidade e facilitar a nosa labor docente. Así, a partir de Sangrà (2020), temos:
  1. A mensaxería é o nivel máis básico do feedback e implica, este si, unha resposta individual. Porén, podemos agrupar ao alumnado segundo as súas necesidade e enviar mensaxes grupais a todos aqueles que teñan que mellorar un mesmo aspecto, por exemplo.
  2. Crear bancos de comentarios de forma que as respostas dadas a un alumno concreto se poida aproveitar para outros coas mesmas ou semellantes necesidades.
  3. Ofrecer retroalimentación nos cuestionarios na Aula Virtual das respostas correctas e incorrectas sinaladas polo alumnado, de forma que este poida recibir ben o resultado concreto, ben algunha regra para realizar a resolución. Incluso é posíbel ofrecer unha retroalimentación do proceso (FP) e, pasado un tempo, a retroalimentación da tarefa (TF): nun primeiro momento podemos ofrecerlle que a resposta sinalada é incorrecta e, con posterioridade dun tempo, cal é a solución correcta.
  4. Os foros de dúbidas ou debate permiten ofrecer unha retroalimentación personalizada, mais globalizada ao grupo, de forma que as cuestións que se propuxeron queden accesíbeis para calquera participante da Aula Virtual podendo recuperar a información no momento que o desexe.
  5. Ofrecendo solucionarios e autoavaliacións, facilmente diseñábeis no entorno Moodle e que axudan ao alumnado a dispor de ocasións indefinidas para testar os seus coñecementos e en que grao da aprendizaxe se encontra. Tamén nos permite a nós como docentes comprobar as veces que o empregan, o usan ou os resultados obtidos.
  6. Avanzando algo máis temos a rúbrica que nos permite proporcionar previamente que agardamos que realice o alumnado para cada nivel de actividade e, unha vez corrixida, as razóns da nosa avaliación.
  7. Retroalimentación ofrecida directamente nas tarefas entregadas pola aula virtual directamente no documento. Isto é moi personalizado e dificilmente trasladable, mais ás veces é preciso para a corrección. Neste caso podemos acompañar de marcas sinxelas, mais que o alumnado sabe a que se refiren sen ter que explicitar totalmente o seu significado.
  8. O audio-feedback ou o video-feedback permite ofrecer o mesmo que nos casos anteriores, mais neste caso mediante a nosa voz ou incluso unha gravación. Este tipo de retroalimentación resulta máis cercana e próxima nun entorno virtual que a mera transcrición de texto ou códigos de corrección sen a interacción cara a cara.
  9. A videoconferencia é moi útil para pór en común nos espazos de ensino a distancia, sempre que o alumnado saiba de antemán especificamente que é para dar e recibir feedback.

Se queres ver máis casos prácticos que nos faciliten o traballo para dar retroalimentación ao noso alumnado e alixeiren esta carga de traballo podes consultar esta entrada no blog Biblioteca Docente.

3. A avaliación

Vimos que a retroalimentación é fundamental para o proceso de ensino e aprendizaxe, mais sen avaliación non pode haber feedback. É a avaliación a que determina en que grao se alcanzan os obxectivos de aprendizaxe e, polo tanto, á que se debe supeditar calquera retroalimentación.

Faremos para este apartado unha primeira aproximación ao concepto da avaliación e a súa implicación fundamental no proceso de ensino aprendizaxe, centrándonos na denominada avaliación formativa. E na segunda parte analizaremos os aspectos máis relevantes dunha avaliación online, incluso valorando se é posíbel realizala así e se, en caso afirmativo, pode ter o mesmo valor que na presencial.

3.1. Unha avaliación para aprender

"Ao cambiarmos a avaliación, mudamos todo". Hector Ruiz

Polo xeral concebimos a avaliación como un proceso onde se pretende que o alumno acredite o que aprendeu ao longo dun proceso determinado. Isto finalmente se resume nun simple trámite que se limita a canto aprendeu unha persoa nun momento, calificando ese grao de consecución: temos a confusión de calificar con avaliar.

O reto é romper esa visión tradicional e convertir na avaliación no verdadero motor da aprendizaxe, unindo retroalimentación e avaliación nun proceso de autorregulación continua na que o estudante poida tomar conciencia do que alcanza e do que non, centrándose naquelas estratexias que verdadeiramente permiten avanzar á aprendizaxe.

En resumo, estamos a nos centrar na avaliación formativa, aquela que nos permite monitorizar como está a aprender o estudante. E como xa comentamos no apartado anterior, as ferramentas que a Aula Virtual nos proporciona axudan enormemente a este obxectivo, polo que coa debida planificación podemos ser quen de orientar os nosos cursos a unha avaliación en liña formativa e continuada.

3.2. Repasando os tipos de avaliación

Fomos anticipando que é fundamental non só centrarnos na calificación final dunha materia, tal e como nos exixen desde as institucións académicas, senón ter en conta todo o proceso de aprendizaxe que realiza un alumno. Para isto debemos considerar dous elementos:

  1. Que avaliar, é dicir, definir as competencias que queremos que o alumnado adquira ao finalizar o curso, para o que se fai fundamental coñecer o punto de partida do mesmo.
  2. Como e cando avaliar, para o que é preciso empregar máis dun instrumento de avaliación para poder obter unha información contrastada de cada alumnado, de manera que contemos con datos referentes a diversas situaciones, non centrándonos unicamente en probas, mais na dinámica das clases.
Para lograr actuar estas situacións, podemos diferenciar entre tres tipos de avaliacións:
  1. A avaliación diagnóstica, centrada no tipo e nivel de coñecementos que ten o alumnado antes de iniciar ese curso ou materia.
  2. A avaliación formativa, baseada no seguemento do alumando e de carácter informativo e orientador, permite ao docente coñecer os progresos que vai facendo, co obxectivo de favorecer a aprendizaxe facendo ao estudante consciente dos logros e lagoas.
  3. A avaliación sumativa, sen dúbida a máis coñecida e a usada xeralmente como única, ten por obxecto coñecer o grao de aprendizaxe dunha materia. Esta avaliación conleva unha calificación que, baixo determinados criterios de cualificación, se trasladará ao expediente académico.

3.3. A avaliación formativa na Aula Virtual

Ligando o segundo punto (a retroalimentación) cos tipos de avaliación observamos que a avaliación formativa é a que mellor une ambos aspectos de forma que se proporcione un adecuado feedback para o avance na adquisición das aprendizaxes e competencias e poder implementar estratexias de mellora. Ademais, este tipo de avaliación permite a incorporación de elementos como a coavaliación (conxunta entre docentes e alumnado) ou a heteroavaliación (entre alumnado) que entronca coas vantaxes claras que metodoloxías como a aprendizaxe cooperativa presentan nos procesos de aprendizaxe, tal e como vimos no primeiro apartado deste módulo.

Para lograr isto é fundamental recoller en diferentes momento do proceso de ensino-aprendizaxe as evidencias das tarefas realizadas polos estudantes e a súa correspondente retroalimentación (do docente e/ou do alumnado). En base ao que imos traballar neste curso, centraremos a atención en tres ferramentas da Aula Virtual, lembrando que non só se poden configurar para realizar actividades de avaliación (formando parte da avaliación sumativa), mais tamén como actividades de ensino (sen cualificación) formando parte da avaliación formativa:

  1. Tarefas, que aportan un intercambio claro entre docente e alumnado. Mediante elas podemos dar instrucións claras de realización, con datas de entrega para a súa presentación, prórrogas, etc.. Poden proporcionarse solucionarios, rúbricas ou outros instrumentos para a propia autoavaliación do alumnado e, incluso, se pode solicitar novamente o envío da tarefa correxida por el mesmo de forma que teñamos a evidencia da realización deste proceso. Ademais, permite incorporar unha retroalimentación personalizada (lembra, que non individualizada) en función dos erros ou acertos que proporcionen as evidencias. Nalgúns casos poderase ofrecer un feedback específico ao alumnado que o precise.
  2. Probas ou exames, permiten ao alumnado pór en xogo as aprendizaxes adquiridas e obter unha retroalimentación sobre o mesmo que lle mostre as necesidades que xorden despois de cada bloque de contidos, materias ou áreas de interese. De cara á avaliación formativa podemos proporcionar ferramentas moi interesantes como a autoavaliación ou xogos interactivos dentro da propia Aula Virtual que axudan a unha autoavaliación sen que o docente interactúe individualmente con cada un.
  3. Coavaliación, mediante esta ferramenta ábrese á posibilidade de que o propio alumnado corrixa e avalíe os seus propios compañeiros, ben de forma anónima, ben personalizada en grupos ou equipos, de forma aleatoria... En resumo, estamos a promover o desenvolvemento do pensamento crítico e a capacidade de aprender a aprender, na medida en que facemos ao alumnado partícipe do proceso avaliador. Para iso, nós podemos proporcionar as guías de corrección, os criterios de avaliación ou os ítems avaliadores sobre os que se terán que fixar para proceder a avaliar e dar retroalimentación aos seus compañeiros.

4. Para saber máis

Bibliografía

Cabrera, N. e Fernández-Ferrer, M. (2020). Claves para una evaluación en linea, en Sangrà, A. (coord.). Decálogo para la mejora de la docencia online, Barcelona: Editorial UOC.

Hattie, J. e Clarke, S. (2019). Visible learning: Feedback. Routledge.

Hattie, J. e Timperley, H. (2007). The power of feedback. Review of Educational Research, 77(1), 81-112.

Ruiz, M. (2020). ¿Cómo aprendemos? Una aproximación científica al aprendizaje y la enseñanza. Editorial Graó.

Sangrà, A. (coord.) (2020). Decálogo para la mejora de la docencia online. Propuestas para educar en contextos presenciales discontinuos. Barcelona: Editorial UOC

Wisniewski, B., Zierer, K. e Hattie, J. (2020). The Power of Feedback Revisited: A Meta-Analysis of Educational Feedback Research. Front. Psychol. 10:3087. doi: 10.3389/fpsyg.2019.03087


Portales de interese

Enseñar y aprender en línea. Portal Conecta@s (UNED-UOC solidaria). Recuperado de https://www.uned.es/universidad/inicio/uned_uoc_solidaria/ elearning.html.


Webgrafía

Anjiovich, R. (2020). La evaluación. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=guIAN3J8piY

Elizondo, Coral (2020). Las tres preguntas clave de la evaluación formativa. Recuperado de https://view.genial.ly/5edcbd7f8adbb80d10fdf5aa/video-presentation-las-tres-preguntas-de-la-evaluacion.

— La evaluación como herramienta de aprendizaje. Recuperado de https://coralelizondo.wordpress.com/2020/06/07/la-evaluacion-como-herramienta-de-aprendizaje/