A avaliación e o rol docente
Requisitos do completado
Ver
2. A retroalimentación (ou feedback)
2.3. Como podemos aplicalo no ensino semipresencial?
A
retroalimentación debe realizarse na medida do posíbel de xeito
personalizado, mais facelo implica unha elevadísima carga de traballo.
Polo tanto, cando falamos de retroalimentación personalizada non implica
individualizada, senón que se deba axustar aos intereses e necesidades
do alumnado. E, polo xeral, estes son comúns á maioría deles polo que
podemos agrupalas e reducir o tempo que adicamos ao feedback sen
que se vexa mermada a eficacia da retroalimentación. O ensino
semipresencial mediante a aula virtual permite facer isto con certa
sistematicidade e facilitar a nosa labor docente. Así, a partir de
Sangrà (2020), temos:
- A mensaxería é o nivel máis básico do feedback e implica, este si, unha resposta individual. Porén, podemos agrupar ao alumnado segundo as súas necesidade e enviar mensaxes grupais a todos aqueles que teñan que mellorar un mesmo aspecto, por exemplo.
- Crear bancos de comentarios de forma que as respostas dadas a un alumno concreto se poida aproveitar para outros coas mesmas ou semellantes necesidades.
- Ofrecer retroalimentación nos cuestionarios na Aula Virtual das respostas correctas e incorrectas sinaladas polo alumnado, de forma que este poida recibir ben o resultado concreto, ben algunha regra para realizar a resolución. Incluso é posíbel ofrecer unha retroalimentación do proceso (FP) e, pasado un tempo, a retroalimentación da tarefa (TF): nun primeiro momento podemos ofrecerlle que a resposta sinalada é incorrecta e, con posterioridade dun tempo, cal é a solución correcta.
- Os foros de dúbidas ou debate permiten ofrecer unha retroalimentación personalizada, mais globalizada ao grupo, de forma que as cuestións que se propuxeron queden accesíbeis para calquera participante da Aula Virtual podendo recuperar a información no momento que o desexe.
- Ofrecendo solucionarios e autoavaliacións, facilmente diseñábeis no entorno Moodle e que axudan ao alumnado a dispor de ocasións indefinidas para testar os seus coñecementos e en que grao da aprendizaxe se encontra. Tamén nos permite a nós como docentes comprobar as veces que o empregan, o usan ou os resultados obtidos.
- Avanzando algo máis temos a rúbrica que nos permite proporcionar previamente que agardamos que realice o alumnado para cada nivel de actividade e, unha vez corrixida, as razóns da nosa avaliación.
- Retroalimentación ofrecida directamente nas tarefas entregadas pola aula virtual directamente no documento. Isto é moi personalizado e dificilmente trasladable, mais ás veces é preciso para a corrección. Neste caso podemos acompañar de marcas sinxelas, mais que o alumnado sabe a que se refiren sen ter que explicitar totalmente o seu significado.
- O audio-feedback ou o video-feedback permite ofrecer o mesmo que nos casos anteriores, mais neste caso mediante a nosa voz ou incluso unha gravación. Este tipo de retroalimentación resulta máis cercana e próxima nun entorno virtual que a mera transcrición de texto ou códigos de corrección sen a interacción cara a cara.
- A videoconferencia é moi útil para pór en común nos
espazos de ensino a distancia, sempre que o alumnado saiba de antemán
especificamente que é para dar e recibir feedback.
Se
queres ver máis casos prácticos que nos faciliten o traballo para dar
retroalimentación ao noso alumnado e alixeiren esta carga de traballo
podes consultar esta entrada no blog Biblioteca Docente.