2. A retroalimentación (ou feedback)

2.2. Como debemos dar o feedback?

Non hai unha receita universal e única para a retroalimentación, mais si evidencias nos estudos sobre algúns aspectos que se deben de ter en conta. Ruiz (2020) recolle os seguintes:

  • En relación ao momento e frecuencia da retroalimentación, parece que cando se refire ás tarefas (FT) é  moi eficaz canto máis inmediato for. Isto significa que, por exemplo, cando pedimos determinadas actividades ou exercicios para realizar polo alumno, convén que estes teñan o antes posíbel a solución e a corrección á súa actividade. Agora ben, non se debe substituír a autocorrección ou autoavaliación pola mera retroalimentación dun resultado. Debemos dar marxe para que o alumnado poida revisar por si mesmo as solucións e determinar en que errou para unha corrección posterior, aprendendo, ademais, a utilizar a autoavaliación de forma correcta. Pola contra, cando nos centramos no proceso (FP) ou nas estratexias metacognitivas (FM) resulta máis eficaz deixar pasar algo o tempo para que o alumnado poida revisar os seus procedementos e procurar alternativas.
  • Conectado co anterior, en relación ao momento de aprendizaxe do alumando, a retroalimentación debe ser máis intensa e inmediata cando comeza o proceso de aprendizaxe e, a medida que avanza, retiralo paulatinamente para que poida regular autonomamente a aprendizaxe, usando os procesos de autoavaliación e non depender tanto da axuda externa.
  • Sobre cal é o tipo de retroalimentación máis efectiva, os estudos indican que os centrados no proceso (FP) e na metacognición (FM) son os máis poderosos para mellorar o desempeño do alumnado, xa que ofrecen estratexias aplicábeis en múltiples contextos educativos. Tamén a centrada na tarefa (FT), mais con menor incidencia. En calquera caso, a centrada nas cualidades do alumnado (FA) practicamente non presenta efectividade nos estudos, mais si a longo prazo nos sistemas de crenzas do alumnado e as súas propias capacidades para avanzar nunha área de coñecemento ou habilidade.
  • A retroalimentación debe ser precisa e concreta, así fronte a un "debes esforzarte máis" (FM) que probablemente non lle signifique moito para o alumnado, convén concretar que aspectos debe modificar nas súas estratexias de aprendizaxe ("planifica semanalmente as tarefas a realizar", "realiza esquemas e estúdaos previamente", "practica máis este tipo de problemas", "utiliza tarxetas de estudo para memorizar e repásaos cada X días", "aproveita a ferramenta autoavaliación da Aula Virtual"...).
  • Usar "pistas" en lugar de dar a retroalimentación inmediata. Por exemplo, cando na solución ao caso da xerarquía das operacións lle preguntamos primeiro "lembras a xerarquía das operacións? Que acontece aquí? Para que serven as parénteses?..." e se finalmente non é quen de responder, ofrecer a solución.
  • A retroalimentación sobre as cualidades do alumnado (FA) non ten efectos sobre o logro inmediato dos obxectivos educativos, mais si a longo prazo no sistema de crenzas do alumnado e a súa automotivación. Isto é debido a que pode aludir ben á habilidade do alumnado (isto dáseche ben) ou ben ao esforzo que realizou para completar a tarefa (parabéns polo tempo que lle adicache!). O máis recomendábel é evitar o seu uso sempre que for posíbel, mais en caso de o facer empregar a retroalimentación en base ao esforzo co obxecto de promover unha mentalidade de crecemento de forma que o alumnado saiba que o problema non é de habilidades (innatas), mais de estratexias e accións de aprendizaxe (És unha alumna moi traballadora! Vs. És unha alumna de sobresalientes!; Gustoume como abordache o problema e non te rendiche até o conseguir Vs. Conseguíchelo! És un estudante intelixente!).
  • Por último, non podemos deixar de lado a retroalimentación entre pares, é dicir, cando é o propio alumnado o que ofrece ese feedback en procesos de aprendizaxe controlados e organizados, como por exemplo na estratexia da aprendizaxe cooperativa. Neste tipo de didáctica hai moita interactividade, reflexión e axuda mutua entre o alumnado de forma que uns aprenden dos outros proporcionando continua retroalimentación para lograr que o grupo avance na aprendizaxe.