2. A retroalimentación (ou feedback)

Que é a retroalimentación na práctica educativa?

A retroalimentación ou feedback na práctica educativa é un aspecto fundamental e básico xa que permite ao alumnado obter información sobre o seu desempeño e, moi especialmente, como melloralo. As investigacións son contundentes na súa influencia para contibuír ao logro dos obxectivos de aprendizaxe polo alumnado. Hattie e Timperley (2007) no seu estudo The Power of feedback, definen a retroalimentación en base á fenda ou diferenza cognitiva entre onde está o alumno e aonde se pretende que chegue, é dicir, entre os coñecementos previos ou actuais e os criterios de éxito. Con posterioridade, múltiples estudos confirmaron, en diferentes graos, a importancia deste factor. Xa recentemente, unha meta-análise da investigación educativa sobre a retroalimentación (Wisniewski, Zierer & Hattie, 2020) conclúe claramente que "a retroalimentación, en xeral, é poderosa" e que, como criterio básico, o feedback é máis efectivo canta máis información teña, proporcionando información clara e precisa sobre que debe facer o alumnado para avanzar desde onde se encontra até onde desexamos que chegue. Unha retroalimentación eficiente debe, en base ao anterior, responder a tres cuestións básicas: aonde vou?, onde estou? e que debo de facer agora?

Polo xeral empregamos a reatroalimentación continuamente como docentes: ao revisar os cadernos do alumnado, os traballos, as respostas espóntaneas durante a sesión, na corrección de tarefas, investigacións ou exames. Todo é retroalimentación xa que en todos os casos devolvemos información entre o aportado polo alumnado e o nivel de máximo grao de consecución dos obxectivos propostos.