
O benestar emocional e a saúde mental son piares fundamentais para o desenvolvemento integral do alumnado e para o equilibrio persoal e profesional do profesorado. A escola é un espazo privilexiado para previr, detectar e acompañar situacións de malestar emocional, favorecendo a creación de contornas seguras, respectuosas e sostibles.
Esta actividade formativa pretende ofrecer un percorrido integral arredor da educación emocional e do coidado das persoas que forman parte da comunidade educativa. A través de distintas sesións, abordarase a importancia da neuroplasticidade no benestar, as claves da educación e disciplina positiva, a prevención das condutas suicidas e o tratamento da educación afectivo-sexual como ferramenta de coidado e respecto. Tamén se traballarán técnicas para a regulación emocional e estratexias para fortalecer o vínculo entre emoción e familias, favorecendo o acompañamento desde unha perspectiva global e humanizadora.
O curso busca, en definitiva, dotar o profesorado de coñecementos, estratexias e recursos que lle permitan promover o benestar emocional na aula, desenvolver prácticas de prevención e crear espazos educativos onde sentirse ben e aprender sexan dous camiños que se constrúen xuntos.

Actividade enfocada preferentemente a profesorado dos corpos e especialidades ás que vai dirixida, que implementarán nas súas aulas o programa RCP na aula. Para certificar é necesaria unha asistencia de alomenos o 85% das horas, con independencia da causa que orixine as faltas.