Seica dicía Winston Churchill que os números, convenientemente torturados, poden dicir o que ti queiras. E as imaxes igual, digo eu.
Que alguén me veña vender o seu libro (unha exposición fotográfica neste caso), criticando ós que nos venden cousas ten a súa graza.
Cantos debuxos debiamos enviar ó espazo? Un representando a cada ser humano? Eses debuxos non representan de maneira global a un home e unha muller fronte a uns seres que son... non podo dicir doutra especie, porque a taxonomización dos seres vivos que manexamos aquí na Terra só serve para aquí, a Terra (e está sendo modificada pola ciencia de maneira continua)... son distintos? Se descubrimos vida alieníxena probablemente teñamos que redefinir o propio concepto de vida. En fin, que os famosos debuxos me parecen un estereotipo útil para que seres completamente dierentes a nós teñan unha representación do que somos.
Os estereotipos teñen moito perigo, claro que si, pero tamén a súa utilidade. Cando nós damos clase non amosamos ós nosos alumnos/as tódolos exemplos posibles dunha situación, dunha realidade, escollemos situacións ou modelos que son estereotipos e que tratan de servir de exemplo dunha categoría. A propia Yolanda Domínguez dice que os estereotipos son "simplificaciones para comunicar de una manera rápida". O problema máis ben está en confundir categoría con estereotipo, que xa sei que é moi común. Son consciente de que a publicidade de moda é terriblemente perigosa, porque está a vender cousas, que é o que facemos todos cando comunicamos (dende un perfume ata unha opinión). Pero tamén sei que os que denuncian usando imaxes de campañas tamén me están a vender cousas. En lugar de usar as fotos que xa levamos vistas un montón de veces neste curso eu podo poñer ós nenos (non o farei) as que adxunto... Cal sería o resultado?
A campaña de Yolanda Domínguez de poñer a mulleres nas rúas "de todas las edades y de todas las tallas" en esas poses usadas en publicidade xerou situacións de alarma e de preocupación nos viandantes. Se tivese usado homes, tamén de calquera idade ou talle, ou ás mesmas mulleres que fixeron as fotos publicitarias, non terían xerado alarma ou preocupación? Creo que é un truco tramposo. Cremos o que nos dicen os anuncios de coches? Ou de cosméticos? Ou de produtos médicos?
O de unir liberdade e publicistas na mesma frase é un oxímoron. Toda publicidade, sexa a que sexa, está dirixida a coartar ou manipular a nosa liberdade para vendernos algo. Que nos poden estar vendendo algo bo (Venme á cabeza a campaña de "Póntelo, pónselo", moi boa, creo, e cunha finalidade acertada, pero que nos estaban vendendo algo), pero non nos están dicindo, actúa con liberdade, senón, "fai isto que che digo, que é o mellor", a ás veces ata o é.
Si está acertada, creo, neste concepto de responsabilidade de expresión. Saber que transmitimos, saber que efectos ten ou pode ter o que comunicamos, e o profesorado deberiamos ser especialmente conscientes disto; pero tamén ten os seus problemas. Durante anos en España seguiuse por parte dos medios de comunicación a norma non escrita de non dar novas sobre suicidios, por evitar esfectos chamada, efectos contaxio, etc. Moi ben, responsabilidade de expresión; pero nos últimos tempos, posto que o suicidio é a primeira causa de morte non natural en España (por encima dos accidentes de tráfico, dos accidentes de traballo, da violencia de xénero...), algúns expertos aconsellan, por responsabilidade, falar disto. É dicir, que a responsabilidade de expresión ten moitas arestas, aínda que como principio é válido, resulta difícil de aplicar, e pode ter efectos contrarios ós desexados.
Faime graza que diga que temos que esixir que as persoas que xeran imaxes sexan expertas conscientes do seu traballo. Os que se adican profesionalmente a iso xa o son, saben como vendernos o seu produto (ou o do lobby que lles paga), igual que esta muller está a vender as súas obras de arte.