Comunicar en Igualdade

Número de respostas: 14

Neste fío propoñemos un breve vídeo sobre estereotipos, medios de comunicación e igualdade.

“Estereotipos que no nos representan”, de Yolanda Domínguez: https://www.youtube.com/watch?v=H1C-vG4yBMI

Unha vez remates o seu visionado:

  • Escolle unha idea que che chamara particularmente a atención ou que consideres especialmente relevante. Comparte esta idea nos comentarios deste fío, explicando por que a escolliches e que interese ten para a túa práctica docente.
  • Le as respostas do resto da clase e comenta, polo menos, unha destas respostas.
En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por Usuario eliminado -

Boas noites!

"O que non se nomea non existe": este é un dos lemas fundamentais do feminismo e iso sábeno ben os medios de comunicación e a publicidade. Invisibilizar significa estigmatizar, marxinar e infravalorar. Construén unha sociedade á súa medida para facernos ver que se non encaixamos é porque somos seres anormais e, polo tanto, necesitamos cambiar para ser aceptadas. As mulleres de idade (con canas e engurras), con celulite e pelos non aparecen reflectidas nos informativos, nos programas, na publicidade... e nós non temos onde mirarnos. O odio ós nosos corpos é un negocio incrible (liposucción, depilación láser, bótox...). Quérennos tristes e submisas para que non teñamos sentido crítico e non nos rebelemos.

Paréceme moi atinada a diferenciación que establece Yolanda Domínguez entre "liberdade de expresión" e "responsabilidade de expresión". A diversidade debe verse como unha riqueza e as imaxes que se xeneran desde os medios deben visibilizala para non erguer muros (como ela mesma di) entre as persoas.

Eu quedaríame coa frase: "Queremos imaxes que nos fagan libres non só como persoas, senón como humanidade".

En resposta a Usuario eliminado

Re: Comunicar en Igualdade

por Isabel Gayo Fernández -

Ola Teresa! A miña opinión concorda coa túa completamente, xa que está claro que os medios de comunicación e publicidade se aproveitan das súas campañas para meternos na cabeza que non somos iguais que esas modelos que aparecen, polo que nos leva a pensar que temos que cambiar para poder ser como elas. 

Deste xeito, a nosa reivindicación tería que ir en contra desta campañas e darnos conta de que realmente estamos sendo manexadas por un produto económico que o único que intenta é obter os máximos beneficios á nosa costa. 

En resposta a Usuario eliminado

Re: Comunicar en Igualdade

por Concepción Monteagudo López -

Boas, Teresa! Estou completamente de acordo con todo o que dis. É verdadeiramente incrible todo o que os medios de comunicación e a publicidade inflúen en nós que somos persoas adultas; que fará nos xóvenes? É unha pregunta que me fago moitas veces, e que comento cos meus alumnos cando vemos temas de publicidade na clase. Sempre facemos unha reflexión sobre estas cuestións e ao final quedan sorprendidos sobre a enorme influencia que os medios de comunicación e a publicidade teñen nas nosas vidas.

     Saúdos

En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por María José Carreira López -

Seica dicía Winston Churchill que os  números, convenientemente torturados, poden dicir o que ti queiras.  E as imaxes igual, digo eu.

Que alguén me veña  vender o seu libro (unha exposición fotográfica neste caso), criticando ós que nos venden cousas ten a súa graza.

Cantos debuxos debiamos enviar ó espazo? Un representando a cada ser humano? Eses debuxos non representan de maneira global a un home e unha muller fronte a uns seres que son... non podo dicir doutra especie, porque a taxonomización dos seres vivos que manexamos aquí na Terra só serve para aquí, a Terra (e está sendo modificada pola ciencia de maneira continua)... son distintos? Se descubrimos vida alieníxena probablemente teñamos que redefinir o propio concepto de vida. En fin, que os famosos debuxos me parecen un estereotipo útil para que seres completamente dierentes a nós teñan unha representación do que somos.

Os estereotipos teñen moito perigo, claro que si, pero tamén a súa utilidade. Cando nós damos clase non amosamos ós nosos alumnos/as tódolos exemplos posibles dunha situación, dunha realidade, escollemos situacións ou modelos que son estereotipos e que tratan de servir de exemplo dunha categoría. A propia Yolanda Domínguez dice que os estereotipos son "simplificaciones para comunicar de una manera rápida". O problema máis ben está en confundir categoría con estereotipo, que xa sei que é moi común. Son consciente de que a publicidade de moda é terriblemente perigosa, porque está a vender cousas, que é o que facemos todos cando comunicamos (dende un perfume ata unha opinión). Pero tamén sei que os que denuncian usando imaxes de campañas tamén me están a vender cousas. En lugar de usar as fotos que xa levamos vistas  un montón de veces neste curso eu podo poñer ós nenos (non o farei) as que adxunto... Cal sería o resultado?

A campaña de Yolanda Domínguez de poñer a mulleres nas rúas "de todas las edades y de todas las tallas" en esas poses usadas en publicidade xerou situacións de alarma e de preocupación nos viandantes. Se tivese usado homes, tamén de calquera idade ou talle, ou ás mesmas mulleres que fixeron as fotos publicitarias, non terían xerado alarma ou preocupación? Creo que é un truco tramposo. Cremos o que nos dicen os anuncios de coches? Ou de cosméticos? Ou de produtos médicos?

O de unir liberdade e publicistas na mesma frase é un oxímoron. Toda publicidade, sexa a que sexa, está dirixida a coartar ou manipular a nosa liberdade para vendernos algo. Que nos poden estar vendendo algo bo (Venme á cabeza a campaña de "Póntelo, pónselo", moi boa, creo, e cunha finalidade acertada, pero que nos estaban vendendo algo), pero non nos están dicindo, actúa con liberdade, senón, "fai isto que che digo, que é o mellor", a ás veces ata o é.

Si está acertada, creo, neste concepto de responsabilidade de expresión. Saber que transmitimos, saber que efectos ten ou pode ter o que comunicamos, e o profesorado deberiamos ser especialmente conscientes disto; pero tamén ten os seus problemas. Durante anos en España seguiuse por parte dos medios de comunicación a norma non escrita de non dar novas sobre suicidios, por evitar esfectos chamada, efectos contaxio, etc. Moi ben, responsabilidade de expresión; pero nos últimos tempos, posto que o suicidio é a primeira causa de morte non natural en España (por encima dos accidentes de tráfico, dos accidentes de traballo, da violencia de xénero...), algúns expertos aconsellan, por responsabilidade, falar disto. É dicir, que a responsabilidade de expresión ten moitas arestas, aínda que como principio é válido, resulta difícil de aplicar, e pode ter efectos contrarios ós desexados.

Faime graza que diga que temos que esixir que as persoas que xeran imaxes sexan expertas conscientes do seu traballo. Os que se adican profesionalmente a iso xa o son, saben como vendernos o seu produto (ou o do lobby que lles paga), igual que esta muller está a vender as súas obras de arte.

 

Anexo Calvin Klein.jpg
Anexo Perfume.jpg
En resposta a María José Carreira López

Re: Comunicar en Igualdade

por Usuario eliminado -

María José Carreira, non entendín moi ben que obxectivo terías ti propoñéndolle estas imaxes ó teu alumnado. Quero dicir: en que sentido contradí a tese de Yolanda Domínguez.

Por outro lado, non comparto contigo a idea de que os estereotipos sexan válidos. É certo que nalgún caso non se pode expoñer toda a diversidade de modelos (ou casuísticas) porque sería pouco práctico pero de aí a reducilo ó que se está dando actualmente (muller branca, extremadamente delgada, nova, con melena...  ) hai un abismo. Sabemos que hai un número nada despreciable de alumnado trans, de complexións corporais diversas, de etnias distintas... e deben verse incluídos dentro da normalidade para evitar que se constrúan odiando os seus propios corpos.

Falas de "imaxes que levamos vistas no curso un montón de veces". Eu debe ser que adoitaba chegar sempre tarde pero non sentín que se repetisen tantas veces as imaxes, pero obviamente falo por min.

No tocante o oxímoron do que falas, entre liberdade e publicidade, é certo que á sociedade actual a move o consumo e temos que partir sempre da desconfianza pero hai unhas liñas vermellas que toda campaña (e empresa publicitaria) non debería nunca pasar. A explotación do corpo das mulleres, mostralas como seres enfermos e mesmo ata facer apoloxía da violencia penso que están demasiado normalizalas e custa xa velo como algo censurable. De aí a campaña de Yolanda Domínguez, porque estas imaxes están na maior parte dos centros comerciais e tendas e xa nin nos impactan.

Máis nada.

Saúdos.

Teresa

En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por Isabel Gayo Fernández -

Ola!!! 

Este vídeo reflexa moi ben a situación actual. Os medios de comunicación revelan día a día unha falsidade das imaxes que nos representan, pero que chegan a atraparnos dunha forma ou outra, como ben di Yolanda Domínguez “nos transforman hasta el punto de que lleguemos a cambiar e incluso dejar de comer para estar conformes con nuestro cuerpo”.

Deste xeito, as múltiples campañas de publicidade mostran a clara diferenza entre os homes e as mulleres. Os homes sempre aparecen como dominantes e heroes, levan o poder, nunha liña moi recta e sempre ben colocados e posicionados; mentres que as mulleres aparecen tristes para que nos identifiquemos con elas, tiradas no chan, con pouca roupa…

Desta maneira, resulta triste que estas campañas publicitarias se apoderen de nós e que non nos demos conta do sucedido, e máis, todo o contrario, accedemos a elas para vestir como elas, deixar de comer para entrar nesas tallas de roupa que parecen de bonecas, soamente por querer ir e lucir como elas. Pero, deberiamos ser conscientes e pararnos a pensar do que realmente está a pasar.

En resposta a Isabel Gayo Fernández

Re: Comunicar en Igualdade

por Adela López López -

Ola Isabel,

coincido contigo cando mencionas as diferenzas existentes entre o xénero feminino e o masculino no tocante ás campañas publicitarias. É alarmante ver como as mulleres teñen como única función a de adornar, tal e como apunta Yolanda Domínguez, mentres que os homes, pola contra, aparecen representados de tal modo que nos trasmiten unha actitude de poder, de dominio. 

Os medios de comunicación están plagados de estereotipos que afectan as persoas, pois parece que o que aparece neles é so o normalizado, o único que está ben visto, mentres que o que non sae neles é entendido como algo anormal, non aceptado. 

É importante deternos e parar a pensar quenes somos ou quenes queremos ser, non reproducir e imitar o que vemos na televisión, nas revistas... valoremos que na diversidade está a riqueza. 

Saúdos.

 

En resposta a Adela López López

Comunicar en Igualdade

por Adela López López -

Yolanda Domínguez fala dos estereotipos que están na actualidade inmersos nos medios de comunicación. Estes lanzan imaxes sen ser conscientes de se estas nos representan ou se terán algún efecto en todas as persoas ás cales van dirixidas. Todas esas representacións (principal forma de comunicación dos nosos días e unha potente ferramenta de transformación social) non representan a realidade.

Tal e como sinala Yolanda, é necesario coñecer a importancia de como afectan esas imaxes ás persoas, como son capaces de facer que a nosa vida non teña sentido se non mercamos un determinado produto, como nos conmoven ata o punto de facernos sentir mal con nos mesmas, como nos van transformando ata o punto de cambiar o noso propio corpo para parecernos a esas imaxes que vemos nos medios día tras día.

Os estereotipos instálanse na nosa mente por repetición, están presentes dende a nenez, unha idade na que nenos e nenas non teñen nin tan sequera adquirida unha capacidade crítica para poder cuestionalos e analizalos, pero de tanto escoitar e ver a mesma mensaxe cremos que así ten que ser a nosa vida, mantemos unha actitude de acomodación cara o que xa nos parece que ven imposto cando non é así, cando deberíamos considerar outras perspectivas.

Está claro que os medios de comunicación están cheos de estereotipos dos cales parece imposible poder fuxir, estamos ante un forte produto comercial e económico. Os seus obxectivos están claros: chegar ao maior números de persoas para que sexan o máis rendibles posibles.

Son moitas as consecuencias que teñen os estereotipos na vida diaria das persoas e afectan a moitos niveis. O principal efecto é que son capaces de invisibilizar todo aquelo que non representan. Por exemplo: mulleres con engurras, con canas, con estrías... son seres humanos mal vistos porque nos medios nunca vemos iso. Entón todo o que se ve está normalizado mentres que o que non se ve produce rexeitamento. Isto é algo que me chamou especialmente a atención.

Outro aspecto, e de especial gravidade, é como os estereotipos son capaces de normalizar mediante a representación aspectos que non son positivos para as persoas. Por exemplo: na fotografía de moda emprégase a violencia para chamar a atención. Os encargados de xerar esta publicidade cren que conseguen imaxes impactantes cando na realidade o que fan é normalizar a violencia contra as mulleres.

Fuxir dos estereotipos é moi complexo, posto que chegamos a interiorizalos ata o punto de valorarnos en función dunha simple imaxe que en absoluto nos representa e somos capaces de facer calquera cousa para deixar de ser nos mesmos e parecernos a eles. Di Yolanda Domínguez que existe unha industria que se alimenta do noso medo, posto que cando temos temor e complexos somos absolutamente manipulables e perdemos o control. É certo que publicistas teñen liberdade de expresión pero as persoas que reciben esas mensaxes teñen liberdade de expresión ou pola contra estanse limitando? Fainos esta pregunda Yolanda Domínguez.

A liberdade é a posibilidade de poder elixir. Debemos ampliar a liberdade de expresión cara a responsabilidade de expresión, xa que deste xeito conseguiremos a liberdade real de todas as persoas.

É importante propoñer novos modelos que respondan ás necesidades actuais e sobre todo que as persoas que xeran imaxes actúen con pleno coñecemento. A comunicación deberá ser unha ferramenta que nos axude a entendernos entre as persoas. Todos e todas nos debemos incluír na diversidade e non excluírnos dela, posto que esta enriquece a sociedade. Esta será a mensaxe que deberemos transmitir ao noso alumnado.

En resposta a Isabel Gayo Fernández

Re: Comunicar en Igualdade

por Mirian Bouso Gallego -
Moi boas, Isabel.
A falsidade das imaxes á que ti aludes e ás que estamos expostas e expostos diariamente é precisamente o
punto que como docentes nos debe facer reflexionar. Debemos ser conscientes (palabra que encerra unha
beleza e unha envergadura enormes, tal e como di Yolanda Domínguez no vídeo) do noso papel de referentes
para o alumnado, ademais do de mediadores e intérpretes do coñecemento e da información. Decatármonos
da existencia desas falsidades, é o punto de partida para transmitirlles ás rapazas e aos rapaces a importancia
da mirada e do pensamento críticos, de que non todo é válido, de que nos debemos conformarnos co que
vemos a simple vista. Só así avanzaremos no camiño dunha cidadanía crítica e independente.
En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por Concepción Monteagudo López -

 Boas noites!    

       "La libertad es tener la posibilidad de elegir", esta idea paréceme moi importante. Aínda que consideramos que somos persoas libres, no fondo non gozamos de tanta liberdade como cremos. Sen case darnos conta, os medios de comunicación e a publicidade están a influír constantemente nas nosas vidas. Vivimos en sociedade e como tal, relacionámonos uns con outros e, inconscientemente, intentamos parecernos ao que se considera "normal".

        Os medios de comunicación están cheos de estereotipos que nós consumimos sen apenas darnos conta.  Todo isto ten unha razón comercial: chegar ao maior número de persoas para ter moita audiencia, e polo tanto acadar o éxito. Todas e todos queremos estar delgados, non ter celulite, non ter canas...,pero temos que darnos conta que a riqueza non está niso senón na diversidade. Moi acertada tamén me parece a frase "Lo que no se ve produce rechazo" e, engadiría eu, tamén moito sufrimento na maioría dos casos; non hai máis que mirar ao noso arredor e ver o número de mozas e mozos que sofren serios problemas por culpa da anorexia e da bulimia, por exemplo. Tamén, temos que reflexionar que a publicidade é moito máis abusiva ca muller que co home.

        Saúdos

En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por María José López paz -

Ola a todas e todos,

Pouco teño que dicir con respecto ao vídeo de Yolanda Domínguez, excepto que coincido con ela en todo o que di. Os estereotipos fan un dano enorme que debemos parar. Ë complicado porque, eu mesma , moitas veces non son consciente das mensaxes subliminais que ocultan esas imaxes que só teñen un fin: que consumamos os seus produtos para ser persoas de éxito, porque senón convertirémonos en parias. E se eu -supostamente unha persoa adulta e con estudos superiores- “pico”, como non van “picar” os rapaces e rapazas en idade escolar?

Por sorte, as persoas que nos dedicamos á ensinanza temos unha oportunidade única para erradicar esas ideas estereotipadas dende idades temperás. Pola miña parte, a diario trato de que o alumnado sexa crítico e decida por si mesmo; insisto en que se respecten uns aos outros, repito continuamente que nenos e nenas poden facer as mesmas cousas, xa que, tanto uns coma outras, teñen dúas mans e que non soamente as mans das mulleres saben traballar, etc. Nisto é imprescindible a colaboración das familias,claro,pero quero ser optimista e non perder a esperanza de que as que son máis reacias, acaben decatándose da importancia de colaborar estreitamente coa escola para que a nosa sociedade cambie e evolucione.

Sei que aínda queda moito traballo por diante para conseguir eliminar tantas imaxes estereotipadas gravadas nas nosas retinas, pero confío en que- a través do diálogo e do pensamento crítico- consigamos erosionalas ata que se desprendan por completo para acadar esa “ liberdade colectiva” da que fala Yolanda.

Polo que vin nos foros, compartimos opinión similares. Por exemplo, estou totalmente de acordo con Teresa, Isabel e Concepción e  tamén con algúns puntos do que expón María José Carreira.

Saúdos.

En resposta a María José López paz

Re: Comunicar en Igualdade

por Luis Prados Lence -

Ola, María José.

Encontro o teu comentario moi interesante, coincido na importancia do diálogo e do desenvolvemento do pensamento crítico no alumnado, xa que deste xeito pódese tratar á análise e interpretación de imaxes na aula.

A súa vez, permite axudar ao alumnado na práctica dunha expresión consciente e comprometida na elaboración das súas mensaxes, o que axudará a acercarnos máis á "liberdade colectiva" a través da "responsabilidade de expresión" que defende Yolanda Domínguez.

Saúdos.

En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por Mirian Bouso Gallego -
Unha imaxe vale máis que mil palabras. Coa súa clarividente explicación, Yolanda Domínguez demostra a
gran carga de verdade que este dito, como tantos outros, leva implícita. Afonda na importancia de analizar as
imaxes estereotipadas ás que todas e todos nos expoñemos cada día con perspectiva de xénero. Fai
reflexionar sobre a necesidade de que este tipo de cuestións sexan traballadas na aula e incorporadas ao
currículo educativo para que este avance en prol da equidade e igualdade.
As rapazas e os rapaces están sobreexpostos a imaxes. A maiores das que “nos meten polos ollos”, empregan
gran parte do seu día mirando unha pantalla. Consumen produtos audiovisuais en plataformas e páxinas
ateigadas de publicidade. Comparten fotografías en redes sociais coas que poden reproducir esa mensaxe
fácil e instantaneamente.
Se a algo nos ensina a artista visual neste vídeo, é a ler entre liñas. Como historiadora e docente, sei da
importancia que ten outorgar as ferramentas necesarias ao alumnado para facelo, para que aprendan a ver
máis alá do papel, para que se esforcen en buscar as causas e as razóns que hai detrás da información que
recibimos (fálase no vídeo dos intereses económicos detrás da publicidade nos medios de comunicación). En
definitiva, para ser cidadás e cidadáns críticas e críticos, obxectivo capital de calquera acción educativa.
Considero que un dos xeitos de traballar na aula esa capacidade crítica é reflexionando sobre o concepto de
liberdade. Paréceme este o eixo que articula o discurso de Yolanda Domínguez. A liberdade é ter a
posibilidade de elixir. Quen xera estereotipos, tena. Quen os recibe, non. (Que pensen que son receptores de
información continuamente).
Debemos prover ao alumnado de imaxes que encerren responsabilidade e compromiso. Debemos elaborar
imaxes conscientes e comprometidas coa igualdade e a diversidade. Reflexionar sobre isto nas imaxes dos
libros de texto, nos recursos empregados na aula, na linguaxe que empregamos. Unha parte moi importante
da función docente é a de comunicar. E ademais, a de facelo dun xeito novidoso para o alumnado. Xeremos
imaxes alternativas ás que están acostumadas e acostumados a ver, amosémoslles que o mundo é moito máis diverso do que nos contan. E sempre desde unha perspectiva de xénero.
En resposta a Primeiro comentario

Re: Comunicar en Igualdade

por Luis Prados Lence -

No referido ao vídeo "Estereotipos que no nos representan" vou comentar o seguinte:

Pois ben, aínda que o deseño de signos axúdannos a resumir a información, xa que actúan a modo de simplificacións básicas e por tanto o signo axúdanos a entender o contido, cabe analizar o grao de iconicidade en que situariamos o signo para tratar. Por iso, unha vez establecido que representa devandito signo na vida real, estableceremos en que medida a información representada pode estar sesgada, e por tanto, ocultando e estigmatizando todo aquilo que non representa.

Para o desenvolvemento deste exercicio, estableceremos unha serie de pautas para a análise de imaxes. Deste xeito fomentar a visión e o pensamento crítico ante imaxes que constitúen os estereotipos e que, moitas delas por repetición xa forman parte do noso imaxinario. Permitiranos analizar por tanto, como di Yolanda Domínguez, se o exercicio da liberdade expresado a través dunha imaxe, está a achegar liberdade ás demais persoas, ou se pola contra, está a limitala.

Relevancia especial merece a ampliación do concepto de liberdade de expresión cara á responsabilidade de expresión. Esta perspectiva, axudará a guiar ao alumnado como creador e xerador de imaxes de natureza gráfica, na construción de mensaxes de comunicación visual e na consciencia da ferramenta de influencia social que manexan. Parafraseando á artista visual Yolanda Domínguez: "Consciente: sentir, pensar e actuar con coñecemento".

Saúdos.