O meu punto de vista da robótica e algo máis optimista. Son bastante crítico cara outros elementos innovadores xa asentados nas aulas (como os encerados dixitais,ou as tablets), pero penso que a robótica permitirá unir a creatividade e adestramento manual coa motivación implícita nas tics. A manipulación de obxectos reais, tridimensionais estaba quedando relegada por culpa do crecente consumo das dúas dimensións en pantallas presentes en todo momento na vida dun neno ou nena (pantallas para viaxar e que non se aburran, pantallas para comer, pantallas nas aulas, pantallas no peto...) Pantallas que matan o aburrimento pero tamén a creatividade, pois ben penso que a robótica permitirá volver enredar, volver poñer e quitar parafusos e volver desenvolver centos de proxectos creativos que sen ela non sería posible.
Por suposto tamén están as súas aplicacións didácticas como elemento motivador en centos de ensinanzas non relacionadas directamente con ela (cores, números, abecedario, tempo, distancia, velocidade...), ensinanzas STEM (engranaxes, sensores, rodamentos, motores, electricidade...) pero o verdadeiro avance reside na programación.
A programación é unha linguaxe que moitos aínda descoñecemos pero coa robótica estamos educando nenos e nenas alfabetizados desde idades moi temperás nesta linguaxe,que como todas as linguaxes ensina a pensar. O verdadeiro logro da robótica e da programación reside en lograr a mellora do razoamento lóxico, da argumentación, resolución de problemas e do pensamento estructurado através do pensamento computacional. Penso que cando isto se acade, xeneralice e asente, pode ter lugar un verdadeiro salto no paradigma educativo, chegando quizais no futuro a ser tan importante e necesario saber ler e comprender código de programación como se dunha nova lingua se tratase.