Unha das ideas que máis me gusta e me parece máis realista é que o feminismo busca a igualdade en todas as persoas e en todos os aspectos, tal e como cita a compañeira Mercedes e como se di no texto. Estou totalmente de acordo en que así sexa, porque na actualidade no momento no que se escoita a palabra "feminismo", está moi extendida unha idea de muller dominante ou que quere chamar a atención, cando en realidade o único que se pretende é que se considere a muller en condicións iguais ás do home. Seguramente sexan os medios de comunicación os responsables de transmitir esa idea de xeito indirecto (a típica imaxe que se pon na televisión cando aparece a palabra feminismo é a de unha muller espida reivindicando algunha acción, cando nada diso ten que ver coa idea que se pretendía transmitir).
Creo que non estaría demais recordar a definición de feminismo: doutrina de defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller. Isto é o que se debería de transmitir á sociedade, algo tan simple como que non se resten posibilidades ás mulleres polo feito de selo e non que se venda que as feministas son "as que se quitan a roupa".
Estaría moi ben que aqueles que presumen de algo tan simple como que nun momento da historia se aprobou que a muller tivera dereito ao voto, tamén consideren que é igual de normal que na actualidade unha muller poida acceder ao mercado laboral polas súa formación e desempeñe o traballo de "executiva" (e non executivo), presidenta (e non presidente) e o faga tan ben como aqueles que están a ocupar ese posto de traballo, que de xeito xeral, son homes. O problema, dende o meu punto de vista, é que eses postos estarán ocupados por homes polo feito de que tamén teñen o soldo máis elevado, logo non interesa cambiar os papeis e promover a igualdade en todos os aspectos.
Creo que o importante é educar en igualdade para que todas e todos teñan a oportunidade de vivir nunha sociedade onde naide sexa dominado nin dominante, e para iso hai que aplicalo dende a escola, tanto na doctrina como na práctica. De nada serve que na escola se eduque en igualdade, se na casa as "rapazas" son as que teñen que limpar e facer a comida, e os homes non se molestan en axudar. Igualdade é para todos en todas as ocasións.
Entonces, a min xúrdeme unha dúbida: o problema é o feminismo, ou o problema son os que non o aplican polos seus propios intereses?
Por último, facer fincapé nunha reflexión. Considero que está de moda a palabra "feminismo", pero o significado da mesma está a anos luz de poder poñerse en práctica.